Primeiro voluntariado do ano

8 Xaneiro 2020

 
A pasada fin de semana, un dos nosos voluntarios percorreu as dúas ribeiras do río Mandeo dende O Tope até a ponte de Teixeiro. As fortes enchentes dos últimos dous meses lavaron as beiras do río, arrastrando as follas, arrincando vexetación e incluso erosionando severamente o solo. Ademais do lixo que trouxeron as enxurradas, depositado principalmente na liña da máxima crecida ou enganchado na vexetación no caso dos plásticos, apareceron vellos refugallos medio enterrados. Así deuse a coincidencia de que a localización do lixo era fácil e de que o tránsito non se vía entorpecido pola vexetación ribeirega.

Na súa camiñada de máis de 15 km, percorrida en varias etapas, retirou dúas rodas, un panel informativo esnaquizado e refugallos diversos, sobre todo pequenos plásticos moi desfeitos pola corrente. En total foron 143,5 kg de lixo, completando así a primeira recollida de lixo deste ano ó longo de todo o tramo que apadriñamos no río Mandeo.

Tamén revisou a reaparición de especies exóticas invasoras. Neste tramo temos eliminada toda a vexetación exótica de porte herbáceo e arbustivo, pero temos que seguir vixiando que non se produzan recolonizacións. Unicamente observou rebrotes no último foco eliminado o ano pasado, o que da a medida da eficacia dos nosos esforzos. Lamentablemente, tamén avistou un visón americano. Como a eliminación da fauna exótica está actualmente fóra das nosas capacidade, transmitimos esta información á Administración competente.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).