Voluntariado na marisma do Baxoi

26 Xaneiro 2020

 
Esta mañá 12 persoas participamos nunha xornada de voluntariado na zona norte da marisma do río Baxoi. O motivo de actuar neste xuncal situado a carón da praia Grande de Miño era a existencia de dous focos de plumachos e a presenza de bastante lixo.

Os participantes dividíronse en dous equipos. As cinco persoas que se centraron na recollida de lixo percorreron o xuncal logrando retirar 156,5 kg de refugallos. O resto dedicou o tempo a eliminar unha palmeira canaria e 10 macollas de plumachos, pesando esta biomasa 241 kg.

As catro macollas que medraban no noiro a carón da ponte deron bastante traballo a causa do desnivel, o que obrigou a utilizar unha corda co seu arnés para evitar accidentes. Nas inmediacións da saída da autoestrada eliminaron a palmeira canaria e o resto dos plumachos.

Con esta actuación non se rematou co lixo nin coas especies exóticas invasoras desta marisma, pero hoxe a súa zona norte presenta un estado ecolóxico indubidablemente mellor.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).