Media tonelada de lixo menos na ría

8 Febreiro 2020

 
Está mañá varios empregados da empresa Naturgy e familiares seus participaron na terceira xornada de voluntariado que temos programado con eles. Nesta ocasión achegámonos ó observatorio ornitolóxico de Souto, situado na ribeira dereita da ría de Betanzos.

Foto dos voluntariosAntes de poñernos a traballar, dedicamos un tempo a explicar os valores naturais deste espazo natural protexido, mentres observabamos cos telescopios as numerosas especies de aves que se alimentaban no esteiro (cullereiro común, garza real, garzota común, cisne real, ánsar bicocurto, lavanco real, cerceta real, mazarico curlí, bilurico pativerde, bilurico bailón, etc.).

Posteriormente, mentres os seis cativos gozaban dunha mañá campestre, os nove adultos introduciámonos no xuncal para apañar botellas, plásticos e todo tipo de refugallos, entre eles dúas rodas. Os resultados falan claramente: máis de media tonelada de lixo. Enchemos un total de 45 sacos que pesaron 581 kg e ocuparon até os topes os 4 m3 de capacidade do remolque en que os transportamos. Con esta actuación, no que levamos de ano, xa temos retirado dos ríos e da costa 1.811,5 kg de lixo e de entullos.

Aínda así, a contorna do observatorio non quedou totalmente limpa. Xa que logo, esperamos programar proximamente outra xornada de voluntariado para remata-la limpeza.

Agradecemos a Naturgy ter promovido entre os seus empregados esta xornada de voluntariado ambiental.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).