O día 12 volveremos á reserva do Catorce

9 Xullo 2020

 
Durante esta semana estamos realizando varios traballos de mantemento que estaban pendentes na Reserva de Anfibios do Catorce: roza-los camiños e o aparcadoiro, fregarlle o verdello ó panel informativo e ós carteis, limpa-las cancelas e varre-los refuxios de visitantes e de fauna nocturna. Tamén temos que darlle un repaso ós rebrotes de eucaliptos que volveron a saír na parede da canteira, para o que esperamos contar cun voluntario con experiencia en escalada.

Foto dos voluntariosComo na xornada de voluntariado ambiental do pasado domingo quedaron por elimina-las especies exóticas invasoras en varias zonas pequenas, o día 12 imos volver para remata-lo traballo. Así poderemos dar por finalizadas as tarefas pendentes.

Igual que na ocasión anterior, para evita-los riscos de contaxio limitarémo-las prazas a un número reducido. Tódolos participantes terán que leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas (mellor as de goma, pois as de coiro non son axeitadas para este traballo).

De novo, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, pero tampouco compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos. Lembra vestir roupa axeitada e protexe-la cabeza do sol, pois prognostican un día caloroso. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres participar, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 12 de xullo de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.

Post data: Nesta xornada sete voluntarios revisamos a presenza das plantas exóticas invasoras na terraza superior e repasamos de novo a zona baixa. Como case todo o que arrincamos era xunca olorosa de menor tamaño que na xornada anterior, finalmente a biomasa retirada pesou unicamente 87,5 kg. Tamén eliminamos 6 kg de eixerón, algún áster americano e un eucalipto nacido de semente.

Foto dos voluntarios


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).