O luns celebrarémo-lo noso décimo aniversario

1 Xullo 2020

 
O próximo luns, 6 de xullo, fará 10 anos que naceu Fragas do Mandeo. A nosa idea era celebra-lo nunha xuntanza festiva na que estiveran presentes tódolos nosos doadores, voluntarios e simpatizantes. Pero como non queremos que ninguén corra riscos, optamos por unha reunión virtual. Xa que logo, este luns emitiremos en directo dun xeito en que o público poderá preguntarnos e comentarnos todo aquilo que desexe. Aínda máis, pensando no caso das persoas ocupadas a esa hora, a charla tamén poderá verse en diferido.

Captura de pantalla ¿De qué imos falar? Do que levamos feito en todos estes anos. Dos éxitos e dos fracasos. Do que levou moito traballo e do que foi doado. Dos montes que tiñan eucaliptos pero que agora apenas se distinguen da fraga circundante; tamén daqueles ós que lles está a custar recuperarse. Do noso obxectivo de lograr un bosque con diversidade estrutural que albergue as vinte e dúas especies de árbores autóctonas da nosa bisbarra. Das nosas reservas do Catorce e do Ollo da Roda. Da longa lista de especies exóticas eliminadas nas parcelas custodiadas e nas zonas de dominio público apadriñadas. Dos retos ós que nos enfrontamos localmente diante de cambios que afectan á natureza en todo o planeta.

Tamén será o momento de amosa-lo noso agradecemento a tódalas persoas e entidades que nos teñen apoiado de múltiples maneiras durante este tempo. Entre elas, lembraremos con agarimo a D. Luis Muíño, o notario que formalizou a constitución de Fragas do Mandeo. Este amante da natureza tivo a amabilidade de axudarnos no noso inicio, renunciando ós seus honorarios profesionais. Lamentablemente, non puido ver até onde temos chegado.

Finalizada esta década, estaremos máis o menos lonxe daquilo ó que apuntaban as nosas arelas, pero o certo é que, mirando cara atrás, tan só cabe dicir: ¡tempus fugit!

Para materializar esta xuntanza virtual usaremos a plataforma de videoconferencias do Grupo Naturalista Hábitat. Como mostra do seu apoio, tamén recadarán fondos a través do faiado de Hábitat Protexe, onde poderás adquirir libros ou participar en actividades sabendo que o seu importe irá destinado a conserva-la natureza da nosa bisbarra.

Logos de medios de comunicaciónLugar: Sala de conferencias virtuais do Grupo Naturalista Hábitat a través de Youtube ou a través de Facebook. Non deixes de visita-lo faiado de Hábitat Protexe.
Data: Luns, 6 de xullo de 2020.
Hora: 20:30 horas.

Post data: A celebración do noso décimo aniversario foi un éxito, tendo en conta as circunstancias. A videoconferencia foi atendida por 63 persoas en directo e outras 185 persoas escoitárona en diferido ó longo dos dez días seguintes. Numerosos medios de comunicación recolleron a noticia. Radio Coruña – Cadena Ser entrevistounos en directo. O periódico mensual Betanzos e a súa comarca dedicounos unha páxina. Tamén publicaron a nova os xornais El Ideal Gallego e La Opinión – Coruña, que incluso dedicounos espazo en dúas ocasións, o día 5 e o día 6. Igualmente se sumaron medios electrónicos, como Galicia Confidencial. Estamos moi agradecidos a todos eles pola difusión dada.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).