Xa temos un viveiro de planta autóctona

27 Xullo 2020

 
Foto do viveiroEcoloxistas en Acción ven de amosarnos o seu xeneroso apoio subvencionándonos a adquisición de diverso equipamento que precisabamos.

Por unha banda, mercamos varios utensilios: unha panca forestal (necesaria para poñerlle titores ás árbores, pero que tamén usamos para arrincar plumachos de raíz), un machete finlandés e un trueiro (para mostrear anfibios). Pero o máis importante foi a compra dos elementos necesarios para crear un viveiro de planta autóctona: 660 macetas e 100 bandexas forestais, incluíndo diversos materias para a súa construción (táboas, malla metálica, arame, cordel, parafusos, etc.).

Nas últimas semanas un voluntario rematou a súa construción, facilitando así os coidados das máis de 300 árbores autóctonas que xa temos. A maioría son carballos, pero tamén temos loureiros, pradairos e sabugueiros. Para o próximo ano esperamos contar tamén con estripeiros e abruñeiros.

Foto do viveiroO obxectivo deste viveiro é dispor en todo momento da planta que precisemos para reforesta-las parcelas que estamos restaurando. A que estamos a producir ten tódalas garantías de ser de ecotipos locais e está orientada a producir especies arbóreas pouco representadas nas nosas fragas. A intensa actividade humana nos últimos séculos ten incidido negativamente en determinadas especies por sobrexplotación ou simplemente porque foron desprazadas ante a súa menor utilidade fronte a outras. Xa que logo, a nosa intención é aumentar a diversidade perdida do bosque autóctono favorecendo as especies actualmente menos representadas. A fauna agradecerá ter máis froitos dos que alimentarse e máis estendidos ó longo do ano.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).