Adquirimos máis dunha hectárea de monte

15 Outubro 2020

 
Fotografía do título de propiedadeEsta tarde asinamos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos a escritura pola que mercamos varias parcelas. Desta maneira, incrementamos en 14.215 m2 a superficie de monte que custodiamos en propiedade.

Toda esta extensión está situada nas abas norte e leste do monte da Espenuca, polo que aumentámo-la capacidade de xestionar esta zona de alto valor ambiental do termo municipal de Coirós. Unha das parcelas linda co río Mandeo, dentro do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Afortunadamente parte da cobertura arbórea é bosque autóctono en bo estado de conservación, non precisando intervencións significativas. Pola contra, no resto da superficie tamén medran eucaliptos, polo que será necesario eliminalos producindo os mínimos danos posibles ás árbores autóctonas e logo reforesta-lo espazo que ocupan con árbores caducifolias do noso viveiro. Así lograremos darlle unha maior continuidade á fraga.

Sempre que mercamos montes lembrámonos da xenerosidade dos nosos modestos doadores, pois grazas a eles podemos seguir ampliando a superficie destinada a perpetuidade á conservación do noso patrimonio natural. ¡Anímate a ser un deles!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).