Recollendo sementes

8 Setembro 2021

 
Nestes días estamos recollendo sementes no monte. Actualmente medran no noso viveiro máis dun milleiro de plantas de 13 especies de árbores silvestres. Boa parte delas están á espera de ser transplantadas o próximo inverno ás parcelas que custodiamos, polo que temos que ir previndo as necesidades do seguinte inverno.

Segundo investigadores da Universidade de Santiago, 22 especies de árbores son autóctonas da nosa comarca. Cando restauramos parcelas de monte, temos que ter en conta toda esta diversidade e non caer no erro de reforestar simplemente co par de especies máis socorridas (carballo e castiñeiro). O obxectivo é ofrecer unha ampla gama de froitos ó longo de gran parte do ano para beneficiar á numerosa fauna vertebrada e invertebrada que se alimenta deles.

Se en certos casos basta con librar unha parcela de monte das árbores exóticas para lograr que se reforeste espontaneamente con especies silvestres, noutros casos non é factible. Os factores implicados son varios, entre eles a intensidade da explotación forestal á que se veu sometida ou as dificultades para que cheguen a ela sementes dispersadas polo vento e pola fauna, cando as reliquias de bosque autóctono están moi afastadas.

Este ano as árbores silvestres da nosa bisbarra están cargadas de froitos. Levamos recollidas sementes de dez especies, pero esperamos chegar a reproducir un total de 16 especies, todas por semente, excepto dúas nas que utilizaremos técnicas de clonación; en tódolos casos buscamos ter suficiente diversidade xenética e coa garantía dunha orixe local. O traballo non remata coa recollida, pois algunhas sementes precisan dun procesado previo ó almacenamento, eliminando as partes carnosas nuns casos e noutros descartando as inservibles.

Foto de sementesFoto de sementes


Despedida ó campo de traballo

27 Agosto 2021

 
Hoxe rematou a quinta edición do campo de traballo Monte da Espenuca. Por ese motivo achegámonos á zona de actuación. Tras cargar no remolque o lixo recollido e a biomasa de especies exóticas invasoras eliminadas, fixemos un pequeno acto de agradecemento e despedida.

O pasado día 18 démoslle a benvida ós participantes, impartíndolles unha charla para que coñeceran as nosas actuacións dirixidas a conserva-lo patrimonio natural da bisbarra. Nela expuxemos o grave problema ambiental que supoñen as especies exóticas invasoras e informámoslles que a súa misión nos próximos días sería continua-lo traballo que xa se leva feito no rego das Bouzas para erradicalas. Incidimos especialmente nas características e métodos para elimina-la invasora máis frecuente neste afluente do Mandeo: a tradescantia.

Foto do voluntariadoDurante estes días, as dez persoas que conformaron o equipo (sete voluntarios e tres monitores) traballaron nun treito moi escarpado, o que dificultou en gran medida a labor. Boa parte do tempo pasárono anicados arrincando coidadosamente as plantas. Os resultados son patentes: 661,5 kg de biomasa de tradescantia, 18 tubérculos de crocosmia e 27 kg de lixo.

Tamén puideron comproba-la riqueza natural desta modesta corrente de auga. Nas rochas observaron un fento protexido, o Trichomanes speciosum, na auga nadaban exemplares de ra vermella e polas beiras escapaba algunha saramaganta tras ser descuberta.

Mañá retornarán ós seus fogares. Coa esperanza de que marchen cunha grata lembranza da experiencia vivida, despedímonos agradecéndolles que viñeran de tan lonxe (Barcelona, Jaén, Sevilla…) a botarnos unha man na mellora do estado de conservación dos nosos espazos naturais. Por último, animámoslles a que participen en iniciativas similares nas súas lugares de orixe, pois todo o planeta precisa dos nosos coidados.

Quedan tarefas pendentes no rego das Bouzas, sendo a primeira mante-lo noso compromiso de supervisa-las zonas de actuación para impedir que sexan recolonizadas polas invasoras. Pero mirando atrás, podemos ver que se ten retirado un total de máis de 4 toneladas de biomasa de especies exóticas invasoras, unha cifra nada desprezable que se reflicte na mellora inmediata do hábitat ribeirán.


Batallando coa tradescantia no Ollo da Roda

21 Agosto 2021

 
Foto de tradescantiaDespois das campañas estivais nos ríos Mandeo, Mendo e rego das Bouzas, así como nas praias da Alameda e Grande de Miño, nos últimos días estivemos centrados na nosa reserva do Ollo da Roda.

Na práctica totalidade desta reserva foron eliminadas as especies exóticas invasoras. Pero unha delas, a tradescantia, está dando bastante traballo. O ano pasado erradicamos un foco localizado na zona húmida. Estes días acometémo-la eliminación do segundo foco, situado na carballeira.

Foron dúas as dificultades. Por unha banda, a necesidade de ir cortando silvas e ortigas a medida que íamos arrincando a tradescantia; por outra, houbo que ir retirando o abundante lixo que permanecía oculto baixo a vexetación.

Numerosos talos de tradescantia apareceron baixo a capa de follas secas caídas nos pasados outonos. Isto obrigou a inspeccionala coidadosamente e ir amoreando tódolos restos vexetais cun anciño, deixando o solo espido, para verificar que non quedara ningún fragmento desta invasora.

Foto da zona de actuaciónFinalmente retiramos 121 kg de tradescantia, 33 robinias e 11 tubérculos de crocosmia. Respecto do lixo (236,5 kg), destacaron voluminosos como un frigorífico e dúas rodas, pero o refugallo máis abondoso foron as botellas de vidro, coas que enchemos dous sacos. Finalmente foi preciso un esforzo do voluntariado equivalente a algo máis dunha semana de traballo a xornada completa.

Aínda non rematamos con este foco de tradescantia, pero logramos reducir bastante a súa extensión, impedindo así que siga expandíndose, e deixamos máis limpa unha carballeira que foi usado como vertedoiro incontrolado.


Revisión do rego das Bouzas

14 Agosto 2021

 
Foto do rego das BouzasUltimamente estivemos revisando a presenza de especies exóticas invasoras no rego das Bouzas. Este pequeno afluente do río Mandeo desemboca no lugar de Chelo, polo que as invasoras que medren nas súas beiras poden chegar a ser arrastradas pola corrente e coloniza-lo espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

No ano 2017 explorámolo por primeira vez, localizando numerosos focos de tradescantia, posible orixe dos que existían no río Mandeo augas abaixo da pontella de Chelo. Dende entón, tres edicións do campo de traballo Monte da Espenuca dedicáronse a arrinca-las distintas plantas invasoras e a recolle-lo lixo que van atopando segundo avanzan augas arriba.

O noso compromiso cos participantes dos campos de traballo é que nós manteremos libres de especies exóticas aquelas zonas nas que eles as eliminen. Foto do rego das BouzasComo o próximo mércores unha nova edición do campo retomará a tarefa, non podiamos retrasar máis a revisión estival deste rego. Os resultados son significativos, pois retiramos 91 kg de biomasa de tradescantia, 20 tubérculos de crocosmia, un ligustro asiático, unha hortensia e 22,5 kg de lixo, para o que precisamos un total de 34 horas de traballo voluntario.


Voluntariado na praia Grande de Miño o día 8

2 Agosto 2021

 
Tras remata-lo traballo na praia da Alameda, agora toca repasa-la presenza de invasoras na praia Grande de Miño.

Foto do voluntariadoEsta mañá estivemos inspeccionando o estado deste areal, no que temos eliminado 13 especies de plantas exóticas dende que comezamos a apadriñalo no ano 2015. De novo atopamos unha situación similar á que presentaron os espazos naturais que revisamos ultimamente. Por unha banda, localizamos poucas plantas invasoras. Algunhas delas xa as erradicáramos hai tempo, pero teñen reaparecido, como é o caso dun exemplar de iuca e unha pequena mancha de uña de gato. A especie máis frecuente é o eixerón; está a piques de florecer, polo que corre présa eliminalo para evitar que se espallen as súas sementes.

En canto a lixo, tamén hai pouco. Non imos atopalo na parte frontal da praia, pois agora no verán pasan as máquinas de limpeza, pero hai algún oculto entre a vexetación dunar.

De novo, a situación sanitaria obriga a limita-las prazas a dez persoas e tódolos participantes deberán leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. Como sempre, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, aínda que por seguridade non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla levar ferramentas, pero non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Para esta data prognostican un día nubrado, así que se pensas que esta é unha boa ocasión para coidar esta praia, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 8 de agosto de 2021.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Pouca asistencia nesta xornada, pois non se completaron as prazas e houbo dúas baixas de última hora. Aínda así, os cinco participantes remataron o traballo previsto, percorrendo toda a praia e a zona de xuncal ó seu carón. Arrincaron canto eixerón atoparon (51 kg) e logo eliminaron a uña de gato (20 kg) e a iuca (5 kg), escavando na area para que non quedara ningunha raíz. Tamén recolleron 19 kg de lixo, principalmente concentrado nas dunas con vexetación máis alta, entre o que hai que destacar dúas rodas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Voluntariado na praia da Alameda o día 1

27 Xullo 2021

 
Tras rematármo-los repasos estivais dos ríos Mandeo e Mendo, agora toca elimina-las especies exóticas invasoras que teñan reaparecido na praia da Alameda (Miño), e de paso recoller canto lixo atopemos.

Foto do voluntariadoDende o ano 2011 apadriñamos esta praia, na que temos eliminado 19 especies exóticas. Moitas delas poden considerarse erradicadas e outras reducímolas a poboacións moi minguadas. O pasado día 20 xa repasámo-los focos de tradescantia e de crocosmia que había na zona húmida.

Para elimina-las reaparicións do resto das especies, fundamentalmente eixerón, áster americano e xunca olorosa, convocamos para este domingo día 1 de agosto unha xornada de voluntariado ambiental.

Dada a situación sanitaria, as prazas están limitadas a dez e tódolos participantes deberán leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, aínda que por seguridade non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla levar ferramentas, pero non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudarnos a manter en bo estado ecolóxico esta praia, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 1 de agosto de 2021.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: O tempo fresco axudou nesta xornada de voluntariado, na que finalmente participaron nove persoas (houbo unha cancelación a última hora). Percorrémo-la praia dende un extremo até o outro, atopando pouco lixo (43 kg retirados). A biomasa das especies exóticas invasoras arrincadas pesou 71 kg, sendo a planta máis abundante o eixerón, seguida de lonxe polo áster americano e a xunca olorosa. Hai que salientar a ausencia doutras especies antano moi abundantes, como o plumacho, froito do continuado traballo de erradicación.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Nova visita dos cativos de Oleiros

22 Xullo 2021

 
Tras a primeira visita do pasado día 8, hoxe volvemos recibir no monte da Espenuca a un grupo de quince cativos, de idades comprendidas entre os 6 e os 10 anos, acompañados de tres monitores de CEM Educación Ambiental.

Dado o éxito da anterior xornada, volvemos repeti-la fórmula de darlles a coñecer as árbores do entorno dun xeito ameno, sen esquece-las aventuras de pasar por debaixo da pena que preside a parcela e baixar polo dificultoso carreiro que zigzaguea pola zona onde sobrevive a fraga orixinal.

Nada mellor que unha xornada divertida brincando no medio do bosque para que estes cativos melloren a súa psicomotricidade e no seu futuro como adultos valoren o noso patrimonio natural.


Rematada a segunda limpeza anual do Mandeo

21 Xullo 2021

 
Terminada a limpeza do Mendo, tocoulle agora a quenda ó río Mandeo, onde apadriñamos o treito que vai dende O Tope até a ponte de Teixeiro. Para elimina-las especies exóticas invasoras e recolle-lo lixo por ámbalas súas dúas ribeiras, tivemos que camiñar un total de 19 km, divididos en catro etapas.

Atopamos máis refugallos que no Mendo (24,5 kg), posiblemente debido a que este río é máis frecuentado. No que toca ás invasoras, se exceptuamos a última etapa, localizamos moi poucas especies e poucos exemplares de cada unha delas, indicativo de que a nosa constancia na súa erradicación está levando a que os distintos focos vaian desaparecendo definitivamente.

A situación é distinta na última etapa, que abrangue a ribeira de Coirós entre Chelo e a ponte de Teixeiro, pois precisou de tres xornadas. Na área recreativa aínda é patente a pasada existencia de grandes focos de crocosmia e de tradescantia, pois seguen aparecendo numerosos exemplares. No resto do treito, a erradicación da crocosmia tamén está resultando lenta, pois a frondosa vexetación dificulta a súa localización. Incluso descubrimos un novo foco de tradescantia nun lugar inesperado, suficientemente extenso como para requirir dunha xornada de voluntariado específica.

Finalmente, o balance das invasoras neste segundo repaso anual resultou en seis especies eliminadas, destacando os 1.221 tubérculos de crocosmia desenterrados e os 18,5 kg que pesou a biomasa da tradescantia arrincada. Son cifras elevadas, pero moi esperanzadoras se as comparamos coas de anos pasados.

Aínda así, hai que lembrar que no entorno de Chelo quedan grandes focos de bambú negro, de robinia e de acacia negra, onde será precisa a colaboración de distintos propietarios para lograr a súa eliminación.

Post data: O día 28 de xullo eliminámo-lo novo foco de tradescantia localizado na segunda revisión do Mandeo. Ocupaba unha extensión aproximada de 35 m2, precisando tres horas de traballo un equipo de catro voluntarios para arrincar o total de 46 kg que pesou a súa biomasa.


Segunda limpeza anual do Mendo

9 Xullo 2021

 
Esta semana estivemos percorrendo o tramo do río Mendo que vai dende a ponte das Moas até a ponte de Taibo. Camiñamos en tres etapas un total de 22 km, eliminando especies exóticas invasoras e recollendo lixo por ámbalas súas dúas ribeiras.

Nesta segunda limpeza anual volvemos atopar poucos refugallos (8 kg), o que interpretamos como síntoma de que a xente emporca o río cada vez menos. Os resultados respecto das invasoras tamén son esperanzadores, pois atopamos poucas especies e pouca cantidade (3 kg). A práctica totalidade da biomasa retirada foi de tradescantia, correspondente á reaparición dun único foco localizado e eliminado o ano pasado, polo que de momento non pode darse por erradicada. No caso da crocosmia arrincamos 127 tubérculos repartidos en 9 pequenos focos.

Con estas actuacións periódicas estamos logrando manter o río limpo e libre do impacto de invasoras de porte herbáceo e arbustivo no tramo apadriñado. Obviamente queda traballo, como eliminar un foco de canas no entorno do muíño de Xico, ademais de árbores exóticas como a robinia, deixando aparte ―¡claro está!― as das explotacións forestais estremeiras co río.


Educación ambiental na Espenuca

8 Xullo 2021

 
Aínda que a educación ambiental non figura como obxectivo na nosa práctica da custodia do territorio, as parcelas que xestionamos son un lugar perfecto para practicala. Precisamente hoxe recibimos a visita dun grupo de dezaseis cativos procedentes de Oleiros, de idades comprendidas entre os 6 e os 10 anos, acompañados de tres monitores de CEM Educación Ambiental.

Foto da visitaDurante esta visita os cativos puideron comprobar directamente as diferenzas entre os eucaliptais e o bosque autóctono. No panel informativo da parcela que restauramos no cumio do monte da Espenuca miraron as nove especies de árbores que alberga, para logo localizalas ó percorrela mentres recibían diversas explicacións sobre a fauna silvestre que se alimenta dos froitos da fraga.

Rematada a visita, preguntámoslles que fora o que máis lles gustara. Para a maioría foi o carreiro ―de paso algo dificultoso― que cruza a zona de bosque mellor conservada, no que viron unha enorme lesma e onde puideron comprobar o esponxosas que son as numerosas manchas de musgo que medran nas rochas; pero tamén lembraron o paso por debaixo dunha pena que bautizaron como a cova do oso e, sorprendentemente, os bugallos que fan as avespiñas chinesas (Dryocosmus kuriphilus) nos castiñeiros.

Tras tomar un pequeno refrixerio, os cativos continuaron a excursión cara a Chelo, onde recolleron o lixo que foron atopando no camiño, até finalizar a camiñada na ponte de Teixeiro.

A educación ambiental non debe utilizarse como unha escusa para endosar ás xeracións futuras a resolución dos problemas ambientais actuais. Agora ben, cómpre reservar tempo para ensinarlles ós cativos a gozar do contacto directo coa natureza e a respectar o noso patrimonio natural, de xeito que no futuro sexan a súa salvagarda.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).