Malia o confinamento, traballando

21 Xaneiro 2021

 
Hoxe iníciase o confinamento perimetral de varios concellos da bisbarra, limitando aínda máis a nosa capacidade de actuación.

Malia o mal tempo e a imposibilidade de programar xornadas de voluntariado, no que vai de ano xa completamos varias tarefas. Achegámonos á lagoa de Sobrado para facer o mantemento do observatorio ornitolóxico, onde realizamos pequenas reparacións e fregamos as fiestras, os paneis informativos e o chan, para rematar recollendo lixo na parcela e na contorna da lagoa, incluído un treito de camiño xacobeo.

No tramo que apadriñamos do río Mendo (15 km de ribeira), xa temos recollido todo o lixo e revisado a reaparición de especies exóticas invasoras. No caso do río Mandeo tivemos que deixar a medias o traballo, pois soamente nos deu tempo a percorre-lo tramo entre O Tope e a pontella do Meixón.

Aproveitaremos o confinamento para seguir traballando na última parcela mercada. Xa rozamos a parte que vai ser destinada a prado de ribeira. Tamén rozamos varios puntos da zona de bosque ripario, co obxectivo de facilita-la eliminación dos rebrotes de eucaliptos, programada para cando mellore o tempo.

Teremos que adia-lo remate dos traballos nas parcelas da Espenuca e dos Vellos. Estivemos rozando os toxos e as silvas, pero aínda non acabamos de poñer titores e atar as árbores máis pequenas. Mentres dure o confinamento, seguiremos atendendo o noso viveiro. Coa planta que xa temos, cando rematen as limitacións para desprazarnos, esperamos reforestar as zonas destas parcelas menos densamente poboadas, incrementando de paso a diversidade de especies arbóreas.

Mentres a situación sanitaria non mellore significativamente, non debemos traballar en grupo. Xa que logo, animámosche a que sigas coidando da natureza, individualmente ou acompañado dos que conviven no teu fogar. Nos percorridos que fagas dentro do límite territorial do teu confinamento, sempre poderás encher algunha bolsa co lixo atopado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).