Tradescantia de risco

7 Outubro 2021

 
Foto do voluntariadoHabitualmente, eliminar tradescantia é unha tarefa sinxela, onde o único que se precisa é paciencia. Pero noutros casos, como aconteceu hoxe, pode ser unha actividade de risco a causa das circunstancias.

No último campo de traballo quedaron no rego das Bouzas dous focos sen eliminar desta especie exótica invasora. Estaban localizados en paredes rochosas moi esvaradías nun tramo de fervenzas, polo que non era aconsellable que os voluntarios se ocuparan deles. Pero era importante retiralos canto antes, pois se situaban en puntos a mercé das enchentes do rego;Foto do voluntariado consecuentemente, calquera cacho arrincado podería logo prender alí onde o deixara a corrente.

Hoxe, aproveitando que o rego aínda leva pouca auga, catro persoas ―entre elas o director e dous monitores do campo― achegáronse a este enclave debidamente equipados con material de escalada. Malia ás dificultades, lograron elimina-los dous focos, retirando 96 kg de tradescantia e 3 kg de lixo. O peor foi o retorno por carreiros difíciles, pois houbo que cargar ás costas todo o equipo máis o peso do retirado.

Á natureza sonlle indiferentes as nosas dificultades. As especies exóticas invasoras hai que eliminalas alí onde se atopen. Xa que logo, se realmente queremos ter éxito na súa erradicación, non podemos limitarnos ós lugares onde as actuacións resulten máis doadas ou máis visibles.
Foto do voluntariadoFoto do voluntariado


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).