Unha Espenuca sen eucaliptos

16 Novembro 2021

 
Paralelamente ás tranquilas tarefas de mantemento do viveiro, o pasado día 20 empezámo-lo duro traballo de eliminar eucaliptos en varias parcelas situadas no cumio da Espenuca.

Foto das rochasDas dezasete tenzas que hai na súa aba noroeste, temos mercado cinco. Estabamos esperando a adquirir máis para iniciar unha restauración completa da fraga, pero xa non podemos seguir demorando a retirada dos eucaliptos, pois temos que cumprir un requirimento de xestión da biomasa emitido pola Administración local.

As condicións de traballo son difíciles, pois trátase de parcelas con grandes rochas e cunha elevadísima pendente, polo que incluso vímonos obrigados a usar cordas de seguridade. Hoxe rematámo-la primeira fase, na que estivemos arrincado de raíz tódolos eucaliptos de menor grosor, para así evitar que rebroten, e cortando os de mediano tamaño. Deixamos para unha segunda fase os de maior grosor: Como na súa caída poden dana-las árbores autóctonas, buscarémo-la axuda dun profesional experimentado para abatelos. Por último, na próxima primavera procederemos a controla-los rebrotes dos eucaliptos cortados, de paso que reforcemos o bosque autóctono con árbores procedentes do noso viveiro.

Esta actuación é continuidade da campaña Fraga da Espenuca. Iniciámola no 2015, cando acometémo-la restauración dunha parcela de case dúas hectáreas na súa aba norte. O obxectivo é rexenera-la fraga en todo o monte, e de paso recupera-las vistas do miradoiro. Obviamente, o ritmo co que avancemos estará condicionado pola vontade dos distintos titulares ―veciños, propietarios ausentes e arcebispado― de chegar a acordos sobre unhas parcelas que en realidade carecen de interese forestal.

Foto da parcelaFoto de érbedo


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).