Unha axuda da Deputación

29 Xullo 2021

 
Logo da Deputación da CoruñaA Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia o listado provisional de entidades sen ánimo de lucro que van beneficiarse este ano do seu programa de axudas para o desenvolvemento de actividades medioambientais. Fragas do Mandeo é un dos destinatarios, polo que as nosas actividades serán financiadas nun 80 % por este organismo até un máximo de 3.328 euros. Tal como figura no proxecto que presentamos, esta subvención estará destinada a sufraga-los seguros de voluntariado, traballos forestais profesionais e funxibles varios.

Agradecemos á Deputación da Coruña o seu continuo apoio ás entidades que nos preocupamos pola conservación do patrimonio natural da provincia.

Post data: Esta resolución provisional foi confirmada no boletín do día 20 de agosto.


Voluntariado na praia da Alameda o día 1

27 Xullo 2021

 
Tras rematármo-los repasos estivais dos ríos Mandeo e Mendo, agora toca elimina-las especies exóticas invasoras que teñan reaparecido na praia da Alameda (Miño), e de paso recoller canto lixo atopemos.

Foto do voluntariadoDende o ano 2011 apadriñamos esta praia, na que temos eliminado 19 especies exóticas. Moitas delas poden considerarse erradicadas e outras reducímolas a poboacións moi minguadas. O pasado día 20 xa repasámo-los focos de tradescantia e de crocosmia que había na zona húmida.

Para elimina-las reaparicións do resto das especies, fundamentalmente eixerón, áster americano e xunca olorosa, convocamos para este domingo día 1 de agosto unha xornada de voluntariado ambiental.

Dada a situación sanitaria, as prazas están limitadas a dez e tódolos participantes deberán leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, aínda que por seguridade non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla levar ferramentas, pero non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudarnos a manter en bo estado ecolóxico esta praia, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 1 de agosto de 2021.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: O tempo fresco axudou nesta xornada de voluntariado, na que finalmente participaron nove persoas (houbo unha cancelación a última hora). Percorrémo-la praia dende un extremo até o outro, atopando pouco lixo (43 kg retirados). A biomasa das especies exóticas invasoras arrincadas pesou 71 kg, sendo a planta máis abundante o eixerón, seguida de lonxe polo áster americano e a xunca olorosa. Hai que salientar a ausencia doutras especies antano moi abundantes, como o plumacho, froito do continuado traballo de erradicación.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Nova visita dos cativos de Oleiros

22 Xullo 2021

 
Tras a primeira visita do pasado día 8, hoxe volvemos recibir no monte da Espenuca a un grupo de quince cativos, de idades comprendidas entre os 6 e os 10 anos, acompañados de tres monitores de CEM Educación Ambiental.

Dado o éxito da anterior xornada, volvemos repeti-la fórmula de darlles a coñecer as árbores do entorno dun xeito ameno, sen esquece-las aventuras de pasar por debaixo da pena que preside a parcela e baixar polo dificultoso carreiro que zigzaguea pola zona onde sobrevive a fraga orixinal.

Nada mellor que unha xornada divertida brincando no medio do bosque para que estes cativos melloren a súa psicomotricidade e no seu futuro como adultos valoren o noso patrimonio natural.


Rematada a segunda limpeza anual do Mandeo

21 Xullo 2021

 
Terminada a limpeza do Mendo, tocoulle agora a quenda ó río Mandeo, onde apadriñamos o treito que vai dende O Tope até a ponte de Teixeiro. Para elimina-las especies exóticas invasoras e recolle-lo lixo por ámbalas súas dúas ribeiras, tivemos que camiñar un total de 19 km, divididos en catro etapas.

Atopamos máis refugallos que no Mendo (24,5 kg), posiblemente debido a que este río é máis frecuentado. No que toca ás invasoras, se exceptuamos a última etapa, localizamos moi poucas especies e poucos exemplares de cada unha delas, indicativo de que a nosa constancia na súa erradicación está levando a que os distintos focos vaian desaparecendo definitivamente.

A situación é distinta na última etapa, que abrangue a ribeira de Coirós entre Chelo e a ponte de Teixeiro, pois precisou de tres xornadas. Na área recreativa aínda é patente a pasada existencia de grandes focos de crocosmia e de tradescantia, pois seguen aparecendo numerosos exemplares. No resto do treito, a erradicación da crocosmia tamén está resultando lenta, pois a frondosa vexetación dificulta a súa localización. Incluso descubrimos un novo foco de tradescantia nun lugar inesperado, suficientemente extenso como para requirir dunha xornada de voluntariado específica.

Finalmente, o balance das invasoras neste segundo repaso anual resultou en seis especies eliminadas, destacando os 1.221 tubérculos de crocosmia desenterrados e os 18,5 kg que pesou a biomasa da tradescantia arrincada. Son cifras elevadas, pero moi esperanzadoras se as comparamos coas de anos pasados.

Aínda así, hai que lembrar que no entorno de Chelo quedan grandes focos de bambú negro, de robinia e de acacia negra, onde será precisa a colaboración de distintos propietarios para lograr a súa eliminación.

Post data: O día 28 de xullo eliminámo-lo novo foco de tradescantia localizado na segunda revisión do Mandeo. Ocupaba unha extensión aproximada de 35 m2, precisando tres horas de traballo un equipo de catro voluntarios para arrincar o total de 46 kg que pesou a súa biomasa.


Segunda limpeza anual do Mendo

9 Xullo 2021

 
Esta semana estivemos percorrendo o tramo do río Mendo que vai dende a ponte das Moas até a ponte de Taibo. Camiñamos en tres etapas un total de 22 km, eliminando especies exóticas invasoras e recollendo lixo por ámbalas súas dúas ribeiras.

Nesta segunda limpeza anual volvemos atopar poucos refugallos (8 kg), o que interpretamos como síntoma de que a xente emporca o río cada vez menos. Os resultados respecto das invasoras tamén son esperanzadores, pois atopamos poucas especies e pouca cantidade (3 kg). A práctica totalidade da biomasa retirada foi de tradescantia, correspondente á reaparición dun único foco localizado e eliminado o ano pasado, polo que de momento non pode darse por erradicada. No caso da crocosmia arrincamos 127 tubérculos repartidos en 9 pequenos focos.

Con estas actuacións periódicas estamos logrando manter o río limpo e libre do impacto de invasoras de porte herbáceo e arbustivo no tramo apadriñado. Obviamente queda traballo, como eliminar un foco de canas no entorno do muíño de Xico, ademais de árbores exóticas como a robinia, deixando aparte ―¡claro está!― as das explotacións forestais estremeiras co río.


Educación ambiental na Espenuca

8 Xullo 2021

 
Aínda que a educación ambiental non figura como obxectivo na nosa práctica da custodia do territorio, as parcelas que xestionamos son un lugar perfecto para practicala. Precisamente hoxe recibimos a visita dun grupo de dezaseis cativos procedentes de Oleiros, de idades comprendidas entre os 6 e os 10 anos, acompañados de tres monitores de CEM Educación Ambiental.

Foto da visitaDurante esta visita os cativos puideron comprobar directamente as diferenzas entre os eucaliptais e o bosque autóctono. No panel informativo da parcela que restauramos no cumio do monte da Espenuca miraron as nove especies de árbores que alberga, para logo localizalas ó percorrela mentres recibían diversas explicacións sobre a fauna silvestre que se alimenta dos froitos da fraga.

Rematada a visita, preguntámoslles que fora o que máis lles gustara. Para a maioría foi o carreiro ―de paso algo dificultoso― que cruza a zona de bosque mellor conservada, no que viron unha enorme lesma e onde puideron comprobar o esponxosas que son as numerosas manchas de musgo que medran nas rochas; pero tamén lembraron o paso por debaixo dunha pena que bautizaron como a cova do oso e, sorprendentemente, os bugallos que fan as avespiñas chinesas (Dryocosmus kuriphilus) nos castiñeiros.

Tras tomar un pequeno refrixerio, os cativos continuaron a excursión cara a Chelo, onde recolleron o lixo que foron atopando no camiño, até finalizar a camiñada na ponte de Teixeiro.

A educación ambiental non debe utilizarse como unha escusa para endosar ás xeracións futuras a resolución dos problemas ambientais actuais. Agora ben, cómpre reservar tempo para ensinarlles ós cativos a gozar do contacto directo coa natureza e a respectar o noso patrimonio natural, de xeito que no futuro sexan a súa salvagarda.


Media tonelada de xunca olorosa

13 Xuño 2021

 
Hoxe un grupo de cinco voluntarios volveu á reserva de anfibios do Catorce para rematar de eliminar a xunca olorosa. Nesta ocasión arrincamos 106 kg, polo que o peso total na campaña deste ano para eliminar esta especie exótica invasora na reserva sumou 504 kg.

A xunca olorosa está resultando difícil de erradicar definitivamente da reserva, debido a que produce unha gran cantidade de pequenas sementes que atopan no terreo húmido un lugar óptimo para xerminar. O próximo ano teremos que volver sacala no breve período de tempo entre que as pozas secan e a xunca olorosa inicia a súa floración.


Quinta edición do campo de traballo

7 Xuño 2021

 
O ano pasado non foi posible organizar o Campo de Traballo Monte da Espenuca a causa das restricións impostas pola pandemia. Pero a melloría da situación sanitaria permite programar para a segunda quincena de agosto a súa quinta edición e xa está aberto o prazo de inscrición.

O principal obxectivo será continuar coa eliminación da tradescantia (Tradescantia fluminensis) no rego das Bouzas, o pequeno afluente do Mandeo que desemboca a carón da pontella de Chelo.

Participarán doce voluntarios procedentes de distintas comunidades con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Será un punto de encontro de mozos de moi distinta orixe, onde convivan e se impliquen na sociedade local nun entorno no que se fomentarán os valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo. Ademais das actuacións de restauración ambiental, o programa contempla actividades complementarias que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra, visitando espazos naturais e vilas monumentais próximas.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión correrá a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director e co apoio de dous monitores.

Para obter máis información e inscribirse, consulta a ficha do campo de traballo Monte da Espenuca 2021.


Voluntariado na reserva do Catorce

1 Xuño 2021

 
Foto do voluntariadoNos últimos anos o noso voluntariado fixo un magnífico traballo na Reserva de Anfibios do Catorce eliminando diversas especies exóticas invasoras. Pero esta primavera volveron aparecer moitos exemplares de xunca olorosa, nacidos de sementes presentes no solo. No mes de maio un grupiño de catro persoas estivo arrincándoas durante un par de mañás, pero aínda quedan moitas. Para rematar este traballo convocamos esta primeira xornada do ano, aproveitando que a melloría da situación sanitaria xa permite formar grupos en exteriores de até dez persoas.

Para evita-los riscos de contaxio, as prazas están limitadas e tódolos participantes terán que leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas (mellor as de goma, pois as de coiro non son axeitadas para este traballo). Por último, espallarémonos pola zona de traballo para garda-las distancias de seguridade.

Tal como facemos habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, pero nesta ocasión non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos. Lembra vestir roupa axeitada e protexe-la cabeza, pois prognostican un día soleado. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Foto do voluntariadoSe queres implicarte na conservación desta reserva, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 6 de xuño de 2021.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.

Post data: Os nove participantes ―houbo unha cancelación a última hora― arrincaron de raíz a xunca olorosa durante toda a mañá, resultando na retirada de 193 kg de biomasa. Faltou pouco para remata-la súa eliminación, pois quedou unha pequena extensión que esperamos abordar nos próximos días.

Foto do voluntariado


Menos invasoras na reserva do Catorce

5 Maio 2021

Dende o mesmo momento no que creamos a Reserva de Anfibios do Catorce, unha das nosas preocupacións ten sido mantela libre de especies exóticas invasoras. Temos erradicado varias especies, pero hai unha que segue a resistirse: a xunca olorosa.

Xa a temos eliminado en anos anteriores, pero debido a que esta planta produce sementes moi finas e numerosas, hai que ser moi constante para lograr erradicala. Esta primavera volveu saír en abundancia nas zonas húmidas da reserva. Como as medidas sanitarias impiden convocar xornadas de voluntariado, pois limitan moito o tamaño dos grupos, achegámonos hoxe unicamente catro persoas para ir arrincándoa pouco a pouco. En total logramos retirar 100 kg de biomasa, pero aínda queda moito por facer.

Post data: O día 26 o mesmo grupo de persoas volveu á reserva para continua-lo traballo, retirando 105 kg de biomasa de xunca olorosa.

A Deputación da Coruña financiou nun 80 % os seguros de voluntariado.

Foto do voluntariado


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).