Nova charla en Gandarío

25 Abril 2021

 
A Escola de Tempo Libre Querqus invitounos de novo a impartir unha charla no Albergue Xuvenil de Gandarío, dentro da programación do seu curso para a obtención do título oficial de monitor de actividades de tempo libre.

Na nosa disertación de hoxe aproveitamos a ocasión para expoñer que, se queremos conservar o patrimonio natural da nosa bisbarra, é necesario actuar directamente no entorno mediante o apadriñamento de enclaves e a custodia do territorio, poñendo como exemplo as actividades desenvolvidas por Fragas do Mandeo. A continuación describimos, en base á nosa propia experiencia, a maneira de realizar xornadas de voluntariado ambiental que sexan eficaces e resulten satisfactorias para os participantes.

Rematamos a charla animando ós alumnos a que no seu futuro profesional contemplen a organización de actividades en favor da natureza coordinándose con entidades como a nosa, co obxecto de obter os mellores resultados.

Para que coñeceran in situ os resultados do noso traballo, pola tarde visitamos a Reserva de Anfibios do Catorce e unha parcela no monte da Espenuca, de maneira que puideran comprobar os avances que temos acadado na restauración dos hábitats naturais da nosa bisbarra.

Foto dos alumnos


Sementando futuro

21 Abril 2021

 
Nas últimas semanas mantivémonos bastante ocupados co noso viveiro de árbores autóctonas. Por unha banda estivemos acabando de transplantar a maceta forestal. Por outra, a finais deste inverno sementamos por primeira vez varias especies nas bandexas. Con todo isto, a mesa instalada a mediados do ano pasado quedouse pequena, polo que tivemos que construír outra máis para duplicar o espazo dispoñible para as macetas e as bandexas forestais.

Foto do viveiroOs froitos deste traballo empezan a verse. As máis de cincocentas plantas en maceta teñen un aspecto magnífico. Pola súa banda, xa empezaron a xerminar algunhas das máis de dez mil sementes botadas nas bandexas. De ter éxito, entre o transplantado, o reproducido por estacaxe e o sementado, esperamos contar con dezaseis especies de árbores: carballo, pradairo, cerdeira brava, freixo, freixa, bidueiro, abeleira, salgueiro, loureiro, acivro, érbedo, sabugueiro, pereira brava, estripo, abruñeiro e sanguiño.

Estamos prestando especial atención ás árbores que producen froitos carnosos. Son moi importantes para diversificar ó longo de todo o ano as fontes de alimento de moitos animais (aves, mamíferos, réptiles e invertebrados). Pero lamentablemente a maioría ten escasa presenza nos nosos montes, posiblemente a causa de prácticas forestais que priorizan a obtención de madeira.

Deste xeito, a planta que obteñamos terá un dobre obxectivo. O máis obvio é o de dispor de árbores autóctonas de ecotipos locais para cando reforestemos aquelas parcelas que anteriormente foron explotacións forestais. Por outra, con ela trataremos de reforza-la diversidade arbórea das parcelas de bosque autóctono que xa estamos a custodiar.

Máis información sobre o arborado silvestre da nosa bisbarra na sección As árbores autóctonas.

Foto do viveiroFoto do viveiro


Malia o confinamento, traballando

21 Xaneiro 2021

 
Hoxe iníciase o confinamento perimetral de varios concellos da bisbarra, limitando aínda máis a nosa capacidade de actuación.

Malia o mal tempo e a imposibilidade de programar xornadas de voluntariado, no que vai de ano xa completamos varias tarefas. Achegámonos á lagoa de Sobrado para facer o mantemento do observatorio ornitolóxico, onde realizamos pequenas reparacións e fregamos as fiestras, os paneis informativos e o chan, para rematar recollendo lixo na parcela e na contorna da lagoa, incluído un treito de camiño xacobeo.

No tramo que apadriñamos do río Mendo (15 km de ribeira), xa temos recollido todo o lixo e revisado a reaparición de especies exóticas invasoras. No caso do río Mandeo tivemos que deixar a medias o traballo, pois soamente nos deu tempo a percorre-lo tramo entre O Tope e a pontella do Meixón.

Aproveitaremos o confinamento para seguir traballando na última parcela mercada. Xa rozamos a parte que vai ser destinada a prado de ribeira. Tamén rozamos varios puntos da zona de bosque ripario, co obxectivo de facilita-la eliminación dos rebrotes de eucaliptos, programada para cando mellore o tempo.

Teremos que adia-lo remate dos traballos nas parcelas da Espenuca e dos Vellos. Estivemos rozando os toxos e as silvas, pero aínda non acabamos de poñer titores e atar as árbores máis pequenas. Mentres dure o confinamento, seguiremos atendendo o noso viveiro. Coa planta que xa temos, cando rematen as limitacións para desprazarnos, esperamos reforestar as zonas destas parcelas menos densamente poboadas, incrementando de paso a diversidade de especies arbóreas.

Mentres a situación sanitaria non mellore significativamente, non debemos traballar en grupo. Xa que logo, animámosche a que sigas coidando da natureza, individualmente ou acompañado dos que conviven no teu fogar. Nos percorridos que fagas dentro do límite territorial do teu confinamento, sempre poderás encher algunha bolsa co lixo atopado.


Resultados nun ano difícil

1 Xaneiro 2021

 
Malia as dificultades, non deixamos de traballar durante este ano aciago que acaba de rematar. Xa que logo, toca facer balance e contempla-los resultados valorando as circunstancias.

Recollemos a metade de lixo que o ano pasado, pero aínda así pasamos das catro toneladas. Foron exactamente 4.097,5 kg de refugallos, a meirande parte deles retirados da nosa costa e dos nosos ríos. Hai que salientar a menor presenza de lixo nos espazos naturais, posiblemente pola xeneralizada ralentización da actividade.

A nosa principal preocupación era que as especies exóticas invasoras aproveitaran a situación para reinvadir espazos nos que as tiñamos eliminadas. Creemos que logramos evitalo, pois finalmente retiramos 2.322 kg de biomasa de 20 plantas exóticas. As especies herbáceas que nos ocuparon máis tempo foron a crocosmia (6.048 tubérculos desenterrados), a xunca olorosa (422 kg) e a tradescantia (1.171 kg). Entre as arbóreas, aparte dos eucaliptos que eliminamos nas parcelas que custodiamos, destacaron a acacia negra (46 exemplares), a palmeira canaria (51 exemplares) e o ligustro asiático (216 exemplares).

Todo isto foi posible grazas ó esforzo das 51 persoas que participaron nunha ou varias das xornadas de voluntariado que convocamos, máis as 38 persoas remitidas polo Grupo Naturalista Hábitat e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A todos eles, ¡moitas grazas!

Non sabemos o que nos deparará este ano que comeza hoxe. Pero nunca mellor ocasión para desexar saúde e próspero ano novo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).