Coirós recoñece o noso traballo

12 Febreiro 2022

 
Esta mañá o Concello de Coirós entregou as axudas anuais ás entidades activas no seu termo municipal, sendo a nosa unha das beneficiarias. Sen dúbida é un recoñecemento do traballo que levamos feito nos últimos anos, onde poden destacarse os avances na recuperación da Espenuca ou a creación da Reserva de Anfibios do Catorce.

Foto da entrega da subvenciónA meirande parte das subvencións ―tanto públicas como privadas― son finalistas, pois están ligadas a proxectos concretos, e aínda así habitualmente non cobren a totalidade dos orzamentos. Por ese motivo, as axudas non finalistas como esta son fundamentais para a nosa entidade, pois permiten sufragar outros gastos ineludibles e incluso complementar aquelas subvencións ligadas a proxectos recibidas doutros organismos. Grazas a elas poderemos seguir destinando a integridade das colaboracións privadas a mercar parcelas de alto valor ambiental.

Agradecemos ó Concello de Coirós o seu continuado apoio, que se remonta ó ano 2015, cando asinámo-lo primeiro convenio de custodia do territorio.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).