Coidando o río Mendo

3 Abril 2022

 
Onte iniciamos a revisión dos ríos correspondente ó segundo trimestre, recollendo lixo e retirando especies exóticas invasoras nos tramos que custodiamos. Empezamos polo treito do río Mendo entre a ponte dos Cabalos e a da Ermida, onde atopamos moi poucas invasoras, resultado previsible tendo en conta os periódicos repasos que facemos. A súa biomasa pesou 2,2 kg, composta de crocosmia e de tradescantia. O lixo pesou 13,4 kg, sendo o máis destacado unha roda que estaba somerxida, localizada grazas a que o río leva pouca auga.

Foto dos voluntariosPara esta mañá programamos unha xornada de voluntariado, na que participaron nove persoas. Había que retirar unha roda de tractor ciscada ladeira abaixo, pero que afortunadamente non deu chegado ó río. Equipados cunha roldana e con cordas, puidemos arrastrala ladeira arriba malia a elevada pendente. Tras recoller o lixo no entorno do viaduto, desprazámonos ó entorno da ponte da Ermida, onde tiñamos localizado un pequeno vertedoiro. Finalmente, o balance da xornada foron 268,5 kg de lixo.

O bo estado ecolóxico dos nosos espazos naturais soamente pode lograrse con accións periódicas de voluntariado como as desta fin de semana. ¡Anímate a participar!

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).