Un traballo pendente na Espenuca

27 Abril 2022

 
O pasado 6 de febreiro retiramos no monte da Espenuca unha lavadora, un televisor, un pequeno sofá e outros refugallos que pesaron un total de 273 kg. Tamén a metade dun vehículo. Pero quedounos a outra metade, pois non fomos capaces de desmontala, resultando imposible subila enteira a causa da elevada pendente da ladeira.

Foto dos voluntariosOnte un par de voluntarios estiveron seccionando as distintas partes para que poidamos subilas por separado. Xa que logo, intentarémolo o domingo día 8 de maio. Con esta nova xornada de voluntariado buscamos manter limpa a única cara do monte na que se conserva o bosque autóctono.

O traballo será sinxelo, pois consistirá en que a meirande parte dos participantes permanezan no cumio do monte tirando dunha corda, mentres un par de persoas baixarán a encher a saca atada no outro extremo e logo dirixila costa arriba. Como o motor pesa bastante, precisamos xente de abondo.

Para evita-los riscos de contaxio, non relaxaremos as medidas de protección. Limitarémo-las prazas e tódolos participantes terán que leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. O punto de encontro será o propio miradoiro. Non fai falla levar ferramentas, pero é recomendable vestir calzado axeitado para internarse no monte. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres apuntarte, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Miradoiro da Espenuca (Coirós).
Data: Domingo, 8 de maio de 2022 (orixinalmente programada para o día 1, adiamos unha semana esta xornada por varias circunstancias).
Hora: Empezaremos ás 9:30 e remataremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).