Renovando ímpeto no noso XII aniversario

6 Xullo 2022

 
En xornadas coma esta, na que celebrámo-lo noso aniversario, miramos cara atrás para valorar xustamente o que temos feito, pero tamén cara ó futuro, para comprobar que seguimos fielmente o rumbo que establecemos hai máis dunha década. ¿Cales son as nosas arelas máis inmediatas? Recupera-lo ritmo de actividade que tiñamos antes da pandemia e, a ser posible, incluso incrementalo.

Para logralo, hai uns meses iniciamos unha exitosa campaña de crowdfunding que remata hoxe. O seu obxectivo é o de dotarnos dunha embarcación para poder recoller lixo e eliminar invasoras na marisma da ría de Betanzos de xeito sistemático. Xa está mercada a lancha, o motor eléctrico, o remolque e o equipamento de seguridade; tamén está sacada a licencia de navegación. Agora soamente estamos pendentes de recibi-lo motor do fabricante alemá, para poder botala á auga e presentar publicamente o proxecto.

No que levamos de ano xa retiramos 3,8 toneladas de biomasa de invasoras e 1,4 toneladas de lixo. Coas últimas parcelas adquiridas, a superficie que custodiamos roza as 30 hectáreas, cifra que trataremos de superar proximamente.

Todo isto está sendo posible fundamentalmente grazas ás persoas que nos apoian. A meirande parte do traballo faino o voluntariado, pois soamente de maneira ocasional temos contratado profesionais forestais. Tamén grazas ás doazóns de particulares e asociacións, que son o principal sector que da soporte económico á nosa entidade, dado que as axudas da Administración unicamente acadaron o 29 % dos nosos ingresos e as colaboracións de empresas sempre foron limitadas.

Se queres acompañarnos no reto de conservar e mellorar o patrimonio natural da nosa bisbarra, non dubides en participar nas nosas xornadas de voluntariado ou de facer unha modesta doazón. Porque moitas mans xuntas, logran grandes obxectivos.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).