Balance da IX Semana de Custodia

26 Setembro 2022

 
Onte rematou a novena edición da Semana de Custodia nas Mariñas. Xa que logo é un bo momento para meditar sobre os seus resultados.

Eco-regata: Arrancamos o programa o sábado día 17 coa celebración da sétima edición da Eco-regata da Ría de Betanzos. Nesta xornada de voluntariado ambiental participaron 33 persoas e seis embarcacións: do Pedrido viñeron O Petelo e Melgacho, de Betanzos as lanchas Sin Frenos, Rodando e Pesca, ás que sumouse a nosa embarcación. Finalizada a travesía, pesamos todo o lixo recollido na xunqueira, totalizando 674,65 kg. Entre os refugallos máis singulares pode citarse un coco, como se a marisma se localizara nos trópicos, e entre os máis voluminosos un lavabo. Na organización colaboraron asociacións do Pedrido (Club de Remo Olímpico do Mandeo e a Asociación Ría do Pedrido), de Paderne (Roxín Roxal) e de Betanzos (Amigos dos Ríos de Betanzos e Lar de Unta). A xornada rematou cunha magnífica cea de convivencia no porto, grazas á xenerosidade de Lar de Unta e de Roxín Roxal. Comercial Vicente de la Fuente colaborou proporcionando auga e electricidade. Con esta edición, podemos afirmar que as eco-regatas levan retirado da xunqueira máis de 80 metros cúbicos de lixo, sendo a única iniciativa que se toma en serio este problema que sofre a ría. Aínda así, o reto de chegar a limpala completamente está moi lonxe, tanto pola cantidade de refugallos coma pola súa enorme superficie.

Coloquio: O pasado xoves tivemos a ocasión de conversar co Dr. Joaquín Giménez de Azcárate, nun coloquio que titulamos Mergullándonos nos bosques mariñáns. A intervención deste profesor da Universidade de Santiago de Compostela emitiuse en directo por vía telemática, estando actualmente dispoñible en Youtube. Nesta longa entrevista fomos facéndolle preguntas sobre a composición dos nosos bosques, a súa relevancia e o seu estado de conservación. Abordouse nela a conveniencia de facer restauracións orientadas a obter unha maior biodiversidade. Como conclusión do coloquio está o recoñecemento da excepcionalidade dos nosos bosques, caracterizados por ser termófilos e desenvolverse en ambientes hiperoceánicos, de maneira que facilitan a presenza dunha flora nemoral con frecuencia relíctica, e consecuentemente salientando a imperiosa necesidade de conservar o pouco que nos queda deles e incluso de favorecer a súa ampliación.

Limpeza de ríos: Onte participamos na limpeza simultánea dos ríos galegos que convoca o Proxecto Ríos, cunha xornada de voluntariado ambiental na que participaron 20 persoas. Achegámonos até a ponte da Ermida, no río Mendo, para continuar retirando os refugallos que alí se acumulan dende hai décadas. Mentres uns enchían os sacos con lixo e as esportas con entullos, un grupiño dirixiuse ó rego das Bouzas en busca dunha roda de camión alí guindada, onde tivemos que organizarnos ben para subila pola elevada pendente da ladeira tirando dunha corda. Finalmente, o lixo apañado na xornada pesou 813,40 kg, cifra que sumaremos ó que recollemos percorrendo trimestralmente os 44 km de ribeira que apadriñamos nos ríos da nosa bisbarra para lograr mantelos limpos.

O obxectivo deste evento anual é o de difundir a necesidade de que os cidadáns se impliquen directamente na conservación do patrimonio natural da bisbarra. A través das conferencias buscamos informar sobre os seus valores e divulgar a importancia de conservalo; mediante as xornadas de voluntariado ofrece-la posibilidade de participar directamente en experiencias que avanzan na súa conservación con accións directas, eficaces e continuadas no tempo, favorecendo a vinculación emocional cos espazos protexidos. Xa que logo, aínda que o programa deste ano foi máis breve que en edicións anteriores, consideramos que o balance neto segue a ser moi positivo, pois cumprimos cos obxectivos.

¡Grazas a tódolos que botaron unha man para lograr este novo éxito!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).