6 toneladas de lixo

25 Decembro 2022

 
Dende a súa botadura a mediados de agosto, a nosa lancha saíu tódalas semanas a navegar pola ría de Betanzos. A súa principal misión foi a de retirar lixo na xunqueira, co resultado de que esta semana superámo-lo fito de ter apañadas máis de seis toneladas de refugallos.

Foto da lanchaAs persoas que pasean habitualmente polo porto de Betanzos poden comprobar como zarpa a primeira hora da mañá rumbo á marisma, faga o tempo que faga, para logo volver a última hora cargada até os topes con sacos cheos de refugallos. Alí son pesados un a un, totalizando nestes momentos a cifra de 6.108,10 kg.

A recollida de lixo na xunqueira presenta varias dificultades, aparte dos condicionantes impostos polas mareas e a climatoloxía adversa. Os refugallos están moi dispersos, frecuentemente ocultos pola vexetación, o que fai que moitas veces soamente os localicemos polo ruído que fan ó pisalos. Nas canles, o esteiro entorpece tanto o tránsito como a recollida, especialmente cando son plásticos agrícolas grandes ou pezas de gomaespuma que están parcialmente enterrados na lama.

A natureza dos refugallos atopados no sector da marisma máis próximo a Betanzos apunta claramente a unha orixe urbana e á festa dos Caneiros. Soamente en zonas próximas ó Pedrido pode falarse de procedencia mariña, pois alí xa se atopan restos de artes de pesca e de actividades náuticas arrastrados polas mareas.

Foto de lixoA antigüidade dos refugallos chega a ser alta. Cando están ocultos entre a vexetación ou enterrados no esteiro, consérvanse íntegros, aparecendo envases que soamente se utilizaban hai catro décadas. Cando os plásticos levan moito tempo expostos á luz solar, desintégranse na man en cachiños ó intentar recollelos, transformándose en microplásticos. Os numerosos xabarís que transitan a marisma tamén esnaquizan moitos envases.

Os refugallos atopados son do máis variado. Destacan as botellas de vidro das máis diversas bebidas. Tamén as de plástico, moitas delas aínda con parte do seu contido orixinal. Sorprende a abundancia de pelotas e doutros xoguetes, entre eles numerosas pistolas de auga. Aparece moita roupa e calzado. Levadas polas mareas e o vento, as pezas de poliexpán están dispersas por toda a xunqueira. Tamén é salientable o elevado número de acendedores desechables, así como de pauiños de lambetadas e de bastonciños de limpeza dos ouvidos. Calquera obxecto cotián pode aparecer na xunqueira, por moi pesado que sexa.

Esta campaña, centrada na mellora ecolóxica da marisma, está sendo posible grazas ó noso voluntariado e ó apoio da Deputación da Coruña (esta entidade sufragará boa parte da adquisición da embarcación e dos seguros de voluntariado). Non vai finalizar co ano que está a piques de rematar, pois a cantidade de lixo acumulado na xunqueira vai precisar dunha actuación perseverante durante moito tempo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).