De semente a fraga

27 Febreiro 2023

 
Na semente dunha árbore podemos ve-lo futuro do bosque. Dende que a recollemos no monte até que reforestamos, hai un longo e prometedor camiño.

Foto do viveiroNo noso viveiro estamos a reproducir dezaseis das vinte e dúas especies de árbores autóctonas da nosa bisbarra. Nestas datas andamos moi ocupados en dúas tarefas. A primeira delas é transplantar as plantas que naceron o ano pasado nas bandexas forestais, para que durante o seu segundo ano de vida medren en macetas individuais, pois aínda son moi pequenas para competir no monte cos fieitos.

Paralelamente estamos levando ós montes que custodiamos a planta que xa pasou un ano en maceta. É un traballo duro, pois non se trata soamente de plantar, se non que hai que prepara-las parcelas, eliminando os toxos e silvas que limitarían o crecemento do que plantemos. De paso, tamén libramos ás árbores plantadas en anos anteriores dos fieitos secos que caeron sobre elas no outono, de maneira que esta primavera poidan medrar de novo con vigor.

Foto do viveiroDende que recollemos sementes no monte, para así ter planta de ecotipo local plenamente adaptada ás condicións da nosa bisbarra, até que xa poden medrar como árbores novas sen ningún tipo de atención, pasan varios anos. Pero se queremos bosques autóctonos pluriespecíficos con abundante alimento para todo tipo de fauna ó longo das estacións, temos que ter paciencia e prestar especial atención a reforestar con aquelas especies máis escasas.

Segundo pasa o tempo, cada vez acumulamos máis experiencia na reprodución do noso arborado autóctono. O ano pasado logramos moi bos resultados coa sementeira de acivros e de érbedos, dúas especies infrecuentes nos montes da bisbarra. Neste ano esperamos recoller sementes doutras dúas especies tamén raras, o lamigueiro e a maceira brava. Tras séculos de impactos antrópicos, as especies máis escasas enfróntanse a problemas de dispersión e de xerminación, polo que non van ser capaces de recolonizar polos seus propios medios as parcelas que custodiamos. Noutras palabras: precisan da nosa axuda.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).