Nova xornada de voluntariado o día 12 en Mariñán

7 Febreiro 2023

 
Na anterior xornada de voluntariado acudimos ó pazo de Mariñán para eliminar un foco de especies exóticas situado na xunqueira, xusto diante da finca do pazo. Estaba composto por numerosos plumachos, acompañados de varios exemplares de palmitos e de evónimos xaponeses. Tamén recollemos todo o lixo que atopamos na xunqueira.

Pero quedounos por eliminar a mancha de uña de gato. O próximo domingo tentaremos acabar con ela. O traballo non será difícil, salvo para as persoas con mobilidade condicionada, pois hai que baixar dende o xardín á xunqueira por unha escada.

O punto de encontro será o propio pazo de Mariñán. Non fai falla levar ferramentas, pero hai que vestir roupa axeitada e calzado robusto. Como seguramente faga frío a primeira hora, é conveniente ir ben abrigado. Non debe esquecerse algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar a mellorar o estado dun enclave no que se xuntan valores do patrimonio natural e do cultural, podes apuntarte enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Entrada ó pazo de Mariñán.
Data: Domingo 12 de febreiro de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: A diferenza dos días anteriores, as temperaturas agradables desta mañá facilitaron o traballo. Os doce participantes actuamos de xeito eficaz e organizado, rematando a eliminación do foco de uña de gato incluso unha hora antes de finaliza-la xornada. Coas 77 esportas que subimos ó xardín do pazo á man, enchemos até os topes o remolque. O balance da biomasa retirada foi un volume de 4 m3, cun peso de 690,9 kg. Aínda que na xornada anterior xa fixéramos unha recollida de lixo, tamén retiramos refugallos que pesaron 6,2 kg. Agora quédanos revisar periodicamente este punto para verificar que non volven a aparecer especies exóticas invasoras.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).