Na última xornada de voluntariado non demos rematado co foco de tradescantia que localizamos na nosa reserva do Ollo da Roda. Para evitar darlle tempo a esta especie exótica invasora a recoloniza-la zona onde a arrincamos, o mellor será eliminar completamente o foco o máis pronto posible. Aproveitando que prognostican bo tempo para o próximo domingo día 5, programamos unha nova xornada de voluntariado para rematar o traballo.
Arrinca-la tradescantia é doado e o lugar ten fácil acceso. Non fai falla levar ferramentas, pero hai que vestir roupa axeitada e calzado robusto (preferiblemente botas de auga), así como protectores para os xeonllos. Non debe esquecerse algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
Se queres axudar no mantemento desta reserva, podes apuntarte enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo 5 de marzo de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.