Librando de invasoras a reserva do Catorce

15 Maio 2023

 
Dende que creámo-la Reserva de Anfibios do Catorce estamos intentando librala totalmente de especies exóticas invasoras. Pero hai unha que se nos está resistindo: a xunca olorosa. Tras arrincar en repetidas ocasións esta planta de orixe americana, pouco a pouco logramos reduci-la súa presenza, polo que estamos máis preto de erradicala.

Foto de xunca olorosaOs exemplares que naceron esta primavera están empezando a florecer. Debemos arrincalos antes de que maduren as sementes e se espallen. Por esta razón temos programada unha xornada de voluntariado ambiental para o próximo domingo día 21, co obxectivo de arrincar tódolos exemplares que localicemos. É unha tarefa doada nun enclave de fácil acceso, apta para calquera.

Coma habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto (o máis conveniente son as botas de auga, pois o solo aínda está algo húmido). Non esquezas algo de picar e beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar a conservar este lugar de reprodución de 11 especies de anfibios, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 21 de maio de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).