Xornada para que medren as árbores

7 Maio 2023

 
Durante o primeiro trimestre deste ano reforestamos varias parcelas, plantando un total de 518 árbores de 14 especies autóctonas distintas. Unha delas é a parcela situada a carón da capela da Espenuca (Coirós), onde complementamos o que xa estaba medrando con aínda máis árbores. Dende que a libramos de eucaliptos no ano 2015, pouco a pouco estamos logrando convertela nunha fraga cun alto grado de diversidade arbórea.

Foto da xornadaNo último mes teñen medrado moito os fieitos, superando en altura ás árbores que plantamos. Corren o risco de quedar enterradas baixo os fieitos, vendo así comprometido o seu futuro.

Por ese motivo programamos para este domingo día 14 unha xornada de voluntariado, na que cortaremos os fieitos que limitan o seu crecemento. Non é un traballo especialmente difícil, pero o terreo ten algunha pendente.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas. No caso de que decidas ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente. Temos poucas ferramentas, xa que logo, se podes, leva algún instrumento de corte (gabillo, fouciña, tesoira de podar, etc.) e unhas luvas de coiro. Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres botar unha man participando nesta xornada, e de paso coñecer como rexeneramos os montes, podes apuntarte enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo 14 de maio de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: Os doce participantes nesta xornada de voluntariado puideron comproba-lo conveniente do seu traballo. Os fieitos estaban moi altos, incluso dificultando a localización das árbores recentemente plantadas (nas próximas ocasións teremos que vixiar mellor o momento axeitado, adiantando esta tarefa). Grazas ó seu esforzo, en boa parte da parcela as árbores poden volver a ver a luz e non soportarán o peso dos fieitos cando se deiten. Xa no día seguinte, tres persoas continuaron o traballo, co obxectivo de rematar canto antes esta actuación en toda a parcela.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).