Sobrado Lake

Stewardship and safeguarding campaign in a wetland area

Sorry, this page isn’t translated yet! Fragas do Mandeo volunteers are working in their free time to have it as soon as possible. We offer you the Galician version instead.

Dende a súa constitución, Fragas do Mandeo custodia un par de fincas en propiedade situadas na ribeira da lagoa de Sobrado dos Monxes, incluíndo o observatorio ornitolóxico instalado nunha delas. Adicionalmente apadriña a propia lagoa e o tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela.

A lagoa e o seu entorno son unha mostra representativa da paisaxe galega atlántica. Está bordeada de prados e dun bosque caducifolio de bidueiros, ameneiros, freixos, carballos e sabugueiros. Ten importancia europea pola súa flora e rexional pola súa avifauna. Aparte de ser unha doa máis no rosario de humidais galegos que facilitan as viaxes das aves migratorias e permiten a súa invernada no noso país, constitúe o arranque do corredor ecolóxico que forma o río Tambre e serve de conexión coa bacía do río Mandeo, que nace a pouca distancia.

Malia o seus valores ambientais, esta zona húmida non forma parte da rede galega de espazos naturais protexidos. Xa que logo, é especialmente importante calquera iniciativa de custodia do territorio que mire por ela.

Fotografía do observatorio da lagoa de Sobrado 

A historia da custodia do territorio na lagoa

No ano 1992 a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) asinou un acordo de custodia da lagoa co seu titular, o Convento de Sobrado dos Monxes, por un período de 10 anos, co obxectivo de realizar actividades de conservación, científicas e de divulgación ambiental, sendo o primeiro da súa clase asinado en Galicia.

Posteriormente mercou dúas fincas na ribeira da lagoa que suman unha superficie de 4.416 m2, como continuación desta experiencia de custodia do territorio. Nunha delas instalou un observatorio ornitolóxico, e a outra foi reforestada con especies autóctonas. O proxecto incluía tamén un centro de interpretación, do que se chegou a elabora-lo anteproxecto do edificio, pero non a construír.

No ano 2010 cedeu estas propiedades á Fundación Fragas do Mandeo, como parte da súa dotación fundacional, momento a partir do que nos responsabilizamos da súa custodia.

Custodia do territorio e apadriñamento

As labores de mantemento do observatorio incluíron distintos tipos de actuacións, tales como a poda periódica dos salgueiros que medran diante e impedían a observación, a reparación da porta (reposición do pecho e a substitución das bisagras), da escaleira (desfeita polos vándalos) e do tellado (unha das pranchas metálicas estaba caendo). Ante o deterioro das fiestras e a rotura intencionada dos seus cristais, renováronse empregando policarbonato antivandálico, incluíndo a reforma dunha delas para poder mirar con telescopio e facilita-lo seu uso por persoas pequenas. Por último, a colocación de dous paneis informativos (un sobre a historia da lagoa e outro sobre as aves que se poden observar, pois o instalado no seu día pola SGHN foi esnaquizado), a corrección de información desfasada no panel de flora, e a reparación dunha parte do murete que caeu pola acción de fortes choivas.

Fotografía da poda de salgueiros na lagoa de SobradoAproveitando as reformas instalouse un refuxio para quirópteros no teito. Dentro del hai espazo deseñado tanto para os morcegos cavernícolas (os que descansan pendurados do teito) coma para os morcegos fisurícolas (os que se recollen nas fendas). Acompañando a este refuxio hai dúas caixas niño para aves. Debaixo do observatorio depositouse unha morea de leña para servir de acubillo a anfibios e pequenos mamíferos. Por último, aproveitouse a reparación do murete para crear pequenos refuxios no seu interior.

Como o observatorio está aberto ó público permanentemente, de cando en vez temos que ir a limpalo. Tamén hai que recoller lixo na finca, especialmente debaixo da mesa de pícnic, e corta-la súa herba e a silveira da finca lindeira cando medran moito.

Xa postos nestas tarefas, tamén recollémo-lo lixo cando percorremos o camiño xacobeo até a segunda finca, no entorno da lagoa pola estrada e pola pasarela que bordea o seu lado norte, e, por último, no aparcadoiro, no que sempre hai ducias de cabichas que poden contamina-la auga da lagoa.

Fotografía de bolsa de lixoFotografía de recolledor e vasoira 

De momento non temos pensado amplia-la superficie custodiada, pero non deixaremos de aproveitar calquera oportunidade que se presente.

Un consello

Podes atopar información detallada e bibliografía na nosa web en A lagoa de Sobrado.

First published: 20-8-2014
Last update: 17-8-2017
>> Next page: Coastline

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).