Crocosmia

Campaña de eliminación dunha flor exótica invasora

Nas beiras do río Mandeo, entre o lugar de Chelo e a ponte de Teixeiro (nos concellos de Coirós e Paderne), medran varias matas de crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora). Non é a única especie exótica invasora, pois tamén están presentes a tradescantia (Tradescantia fluminensis) e a acacia negra (Acacia melanoxylon), entre outras.

Foto de CrocosmiaxcrocosmiifloraAínda que ten unha aparencia inofensiva e se utiliza en xardinería por darse moi ben, a crocosmia é un problema ambiental cando se implanta nos espazos naturais. Malia que as súas sementes normalmente non son viables, propágase facilmente mediante os numerosos tubérculos que cría (non son bulbos propiamente ditos, pois non teñen capas como as cebolas), de xeito similar a como o fai a pataca.

Procedente do cruce de dúas especies surafricanas, é frecuente nas comarcas do litoral galego, atopando nos lugares frescos e húmidos ―como as beiras dos ríos― un hábitat excelente para propagarse, desprazando así á vexetación autóctona.

No lugar de Chelo, dentro do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, plantouse como ornamental no aparcadoiro, empezou a coloniza-la canle do muíño de maquía e logo avanzou pola área recreativa. As avenidas do río fixeron o resto, pois foron levando tubérculos augas abaixo que conseguiron prender en varios puntos.

De non deterse a súa proliferación, pode afectar gravemente ó sotobosque dun hábitat prioritario para a Unión Europea, o bosque aluvial de ameneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior), razón última da protección deste treito do río Mandeo como espazo natural integrado na Rede Natura 2000.

Apadriñamento no río Mandeo

Unha vez solicitados os permisos oportunos e coa chegada do primeiro grupo de voluntarios da Dirección Xeral de Voluntariado da Xunta de Galicia, o 10 de xullo de 2014 Fragas do Mandeo iniciou a campaña de erradicación desta especie dentro das actuacións de apadriñamento do río Mandeo.

Foto de tubérculos de Crocosmia x crocosmiifloraDurante os meses de xullo e agosto, vintedúas persoas procedentes de distintos puntos de Galicia ―dende Vigo até Cambre― participaron nesta campaña. Sumaron en total 52 horas de traballo, xuntando 103 quilos de tubérculos.

Como continuación da campaña, Fragas do Mandeo convocou a finais de agosto unha xornada entre os seus simpatizantes, subindo os contadores a 30 participantes, 84 horas de traballo e 173 quilos de tubérculos.

No 2015, de novo catro grupos de voluntarios da Dirección Xeral de Voluntariado actuaron en xullo e agosto, e posteriormente outros dous convocados por Fragas do Mandeo en outubro. A zona de intervención cubriu a área recreativa e a marxe dereita do río entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro, acumulando a campaña 73 participantes, 186 horas de traballo e 337 quilos de tubérculos.

O efecto das intervencións realizadas notouse claramente no 2016. Malia que se actuou nunha zona máis ampla ―cubriuse o mesmo tramo de río, pero en ambas marxes―, os tubérculos recollidos pesaron soamente 39 quilos. A metade procedía da marxe esquerda; o resto, do repaso da área recreativa efectuado en xullo, na que colaborou o Grupo Naturalista Hábitat, e das seis revisións da marxe dereita realizadas ó longo do ano. Actualmente a campaña suma 96 participantes, 268 horas de traballo e 376 quilos de tubérculos. Tras tomar catro mostras dun quilo, calculamos que levamos recollidos aproximadamente 172.490 tubérculos.

Cando se arrincan crocosmias, hai que ter en conta que os tubérculos teñen que ser destruídos para evita-la súa propagación. Pola contra, as flores e follas son inofensivas e poden reutilizarse para facer compost ou esterco. Por iso soamente pesamos os tubérculos como medida da cantidade de plantas arrincadas.

O método para elimina-la crocosmia

O método máis eficaz para eliminar esta flor é ben sinxelo: arrincala de raíz, con coidado de non deixar na terra os seus tubérculos. Outros métodos como o uso de herbicidas ou cortalas non dan bo resultado.

Foto dun escarificadorFoto dun escarvadorFoto cortando tubérculosFoto dos tubérculos Na nosa zona de traballo, a ferramenta que nos resultou máis práctica para arrincala cos seus tubérculos é un pequeno escarificador de man. A planta pode ter varios tubérculos encadeados, como doas nun rosario, polo que tras usa-lo escarificador é aconsellable revisa-la terra coa man espida na busca dos que quedaron ocultos.

Cando nos atopamos cun pé illado ou cando un tubérculo quedou enterrado entre pedras, tamén resulta útil un escarvador.

Para separa-los tubérculos das plantas, e así ter que destruír menos cantidade de materia vexetal, usamos unha tesoira de podar. A falta dela, tamén serve unha tesoira de cociña ou unha navalla.

Segundo imos arrincando, almacenámo-los restos en caldeiros e esportas. No caso de querer traballar en cadea, poden ir amoreándose as plantas cos tubérculos sobre un plástico onde faena a xente que os separa. Do que se trata é de non deixar atrás ningún tubérculo.

Por último, cun anciño repasaremos aquelas zonas onde as matas estaban moi densas, para asegurármonos de que non queda ningún tubérculo.

Un aspecto importante é remove-la terra o xusto, danando o mínimo á vexetación autóctona; deste xeito facilitamos que colonice rapidamente a zona afectada, o que impedirá que as avenidas invernais leven toda a terra.

Como sempre pode quedar atrás algún tubérculo escondido entre as pedras ou entre as raíces das árbores, hai que repasa-la zona con posterioridade, mediando tempo suficiente para que teñan abrollado de novo e podamos localizalas. A constancia é unha virtude imprescindible na loita contra as especies exóticas invasoras.

A campaña segue aberta

Pero aínda queda traballo, pois a crocosmia ocupa unha zona extensa e o arrincado manual leva tempo. Canto máis se demore a súa total eliminación, peor será. Por iso a campaña segue en marcha e iremos publicando aquí as novas convocatorias segundo vaiamos programándoas.

Precisamos da axuda de todos para eliminar esta especie exótica invasora do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Cantos máis sexamos, antes acabaremos con ela. Anímate a participar: o traballo é doado e poden facelo tanto nenos coma maiores.

Un par de consellos

Se queres participar como voluntario nas nosas campañas, ponte en contacto connosco e te incorporaremos na nosa lista de correos (na sección Contacto tés tódolos datos necesarios).

Nunca tires restos de plantas exóticas no monte nin ceibes mascotas, pois podes crear graves problemas ambientais que afectan ás especies autóctonas. Na páxina As especies invasoras da nosa web tés máis información.

Data publicación: 20-8-2014
Última modificación: 7-8-2016
>> Páxina seguinte: Galápago americano

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).