Divulgación

Campaña para espalla-la custodia do territorio

Entre os fins fundacionais recollidos nos estatutos de Fragas do Mandeo figura a divulgación da custodia do territorio como instrumento para a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade.

Dende a nosa constitución promovémola en todas aquelas ocasións nas que nos invitan a conta-la nosa experiencia, animando a que se creen novas iniciativas locais ou se apoien as que xa existen en distintos puntos de Galicia.

A custodia do territorio é unha ferramenta flexible que ten varias vantaxes. Por unha banda, implica á cidadanía en accións directas de conservación da natureza no seu propio entorno, vendo resultados tanxibles que se manteñen no tempo. Por outra, os acordos de custodia que asinan os titulares de fincas permiten garantir unha explotación sustentable compatible co mantemento da biodiversidade, o cal redunda na valorización dos seus produtos. O mundo empresarial, a través dos seus departamentos de responsabilidade social corporativa, tamén pode ser parte financiando acordos de custodia e promovendo o voluntariado ambiental entre os seus traballadores.

As semanas de custodia do territorio

Coa colaboración da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, Fragas do Mandeo organiza a Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Fotografía da eliminación de plumeirosEste evento anual ten como obxectivo dar a coñecer diversos aspectos da custodia entre a poboación local, promove-la implicación da cidadanía a través de doazóns e voluntariado ambiental, crear un clima entre os propietarios que facilite os acordos de custodia, amosa-los logros doutras entidades e motivar a organismos oficiais, universidades e empresas a apoiar este instrumento. Pero tamén en todo momento, divulga-la riqueza da nosa biodiversidade e fomenta-lo compromiso na conservación dos hábitats e especies ameazadas presentes na bisbarra.

Dentro das distintas edicións deste evento se programaron conferencias, saídas a espazos naturais, exposicións e recitais, ademais de varias actuacións de voluntariado para reforestar, eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo, realizadas en distintos lugares da bisbarra: no monte, na costa, no río Mendo e na lagoa de Sobrado. Na edición do ano 2014 incluíuse tamén un evento novidoso: unha eco-regata para concienciar do estado da ría e recoller todo o lixo posible na marisma.

A faceta institucional

Para defende-lo papel que pode chegar a ter en Galicia a custodia do territorio tivemos reunións con distintos organismos oficiais: a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Demarcación de Costas de Galicia, o Agader e o Bantegal.

Fotografía de Rafael EimilAs entidades galegas de custodia do territorio estamos en permanente contacto, pois o éxito de calquera delas é unha boa noticia para a nosa natureza. Fragas do Mandeo acude a tódalas xornadas de traballo que se programan en Galicia, tendo organizado en outubro de 2011 a primeira edición destes encontros.

Os lazos creados entre as entidades de custodia galegas deron pé a que nos constituíramos como Agrupación Galega de Custodia do Territorio ―actualmente en proceso de formalizarse como rede de entidades da comunidade autonómica―, da que Fragas do Mandeo forma parte dende os seus inicios.

Invitados por varias asociacións, participamos en reunións en Fene e en Pontedeume que animaron a crear unha nova entidade de custodia: a Asociación de Custodia do Bosque Atlántico Bétula.

Dona e os cativos de Sada

Fotografía do álbumA educación ambiental non é un fin da custodia do territorio, pero si é un instrumento do que botar man. Durante o curso 2012-13, Fragas do Mandeo colaborou co colexio CEIP Sada y sus Contornos no seu proxecto Voz Natura “Custodia do territorio e biodiversidade”.

A nosa mascota Dona foi a protagonista. Ó longo das páxinas dun álbum deseñado por Fragas do Mandeo, Dona e máis un garda de medio ambiente describiron a biodiversidade da nosa bisbarra, os diferentes hábitats que temos, as especies ameazadas que precisan atención e o risco que supoñen as especies exóticas invasoras. Os alumnos dispoñían dun novo cromo cada semana collendo un libro na biblioteca do colexio.

Fotografía do acto notarialDende o seu espazo na nosa web, Dona publicada as súas aventuras e retaba ós alumnos con preguntas que tiñan que contestarlle por correo electrónico, respondendo ela puntualmente malia ser unha cadeliña de aldea.

Nunha excursión ó lugar de Chelo no mes de marzo, os alumnos puideron coñecer ámbolos dous personaxes, e ver in situ algúns dos temas que explicaban no álbum. Tanto nesa coma noutras saídas, os nenos fixeron voluntariado ambiental recollendo todo o lixo que atoparon.

Fotografía da excursión a CheloGrazas á grande implicación do profesorado, o proxecto permeou tódalas actividades do colexio ó longo do curso. A complicidade dos alumnos foi tan intensa que organizaron un rastrillo no ximnasio o día das letras galegas, onde venderon libros e contos que xa leran, xuntando fondos suficientes para que Fragas do Mandeo mercara 2.105 m2 de carballeira. Unha representación do alumnado acudiu á notaria para ser testemuña da sinatura da escritura, na que se manifestaba que era mercada coa súa doazón.

Os cativos gozaron do proxecto e nos expresaron o seu agradecemento. Para nós a experiencia foi moi satisfactoria, tanto no plano persoal ó ve-la implicación e responsabilidade dos cativos, como pola súa efectividade á hora de ampliar superficie custodiada. ¡Un verdadeiro exemplo para os adultos! Esperamos poder volver a repeti-la experiencia cando xurda a ocasión.

Presentacións e charlas

Esta labor de difusión do que significa a custodia do territorio, e de como a estamos a aplicar en As Mariñas, levounos a numerosas poboacións galegas, dende Ferrol até Pontevedra. A continuación mostramos o listado de charlas que temos dado.

Betanzos: Presentación, en Lar de Unta (3-9-2011).
A Coruña: Mesa redonda sobre a custodia do territorio, nos Encontros naturalistas (26-11-2011).
Abegondo: Xornada Aqua Plann Project (18-4-2011).
Betanzos: Balance dun ano de custodia, no Liceo (1-7-2011).
Santiago: I Encontro Galego de Custodia (29-10-2011).
Arzúa: Feira Terractiva (18-12-2011).
Pontevedra: I Xornada de Traballo O rural que queremos, en Bora (2-6-2012).
Sada: Presentación, na Oficina Municipal de Xuventude (28-5-2012).
Coirós: Presentación, en Fillos de Ois (9-8-2012).
Arteixo: Xornada Cooperación urbano-rural: oportunidades e retos, no Centro Tecnolóxico (20-9-2012).
Mabegondo: I Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no Centro de Investigacións Agrarias (27-9-2012).
Santiago: Dous anos custodiando, presentación na sala Sargadelos (28-11-2012).
Sada: Xornada Estratexias para a mellora ambiental no golfo Ártabro, na Casa do Mar (10-12-2012).
A Coruña: Posto informativo na III Feira da Sustentabilidade da Universidade da Coruña (12-12-2012).
Ferrol: Dous anos custodiando, presentación no Museo de Historia Natural de Ferrol (18-1-2013).
Pontevedra: II Xornadas Sobre Patrimonio no Rural, na Misión Biolóxica de Galicia (13-4-2013).
Betanzos: Posto informativo na Mostra de Viños e Produtos das Mariñas (10-8-2013).
Betanzos: II Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no Liceo (28-9-2013).
Coirós: Visita da delegación dunha empresa pública dependente do Ministerio de Enerxía e Augas da República de Angola, no lugar de Chelo (16-9-2013).
Arzúa: Presentación, no Instituto de Ensino Secundario (25-10-2013).
Santiago: Encontro Galego de Educación Ambiental Novos escenarios, novas miradas, no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (25-1-2014).
Guísamo: Presentación, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (30-1-2014).
Betanzos: I Xornadas sobre Patrimonio: Patrimonio, paisaxe, sociedade, cultura, no Liceo (5-4-2014).
A Coruña: Presentación no PechaKucha Night, no Hangar de Test (27-6-2014).
A Coruña: Presentación acompañando a Wood Feelings, no Hangar de Test (11-7-2014).
Coirós: Presentación ós voluntarios da Dirección Xeral de Voluntariado, no Centro de Interpretación de Chelo (31-7-2014).
Betanzos: III Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no Liceo (20-9-2013).
Rábade: I Encontro da Rede Galega de Custodia do Territorio, na Casa das Insuas (22-10-2013).
Ferrol: Xornada A eucaliptización de Galicia e a cornixa cantábrica, no Ateneo Ferrolán (8-11-2014).
Esmelle: XI Xornada do Proxecto Esmelle, na Asociación Val de Esmelle (8-11-2014).
Oleiros: Taller Empresa e Biodiversidade: Compatibilización da actividade portuaria e empresarial no territorio da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no CEIDA (12-2-2015).
Betanzos: Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre, na Casa da Xuventude (28-2-2015).
Santiago: Xornadas de capacitación para o fortalecemento de entidades galegas de custodia do territorio, no Museo do Pobo Galego (28-3-2015).
Boebre: Charla sobre custodia do territorio e especies invasoras, no Albergue Irmáns Maristas (28-3-2015).

A campaña de difusión segue en marcha

Non deixes de poñerte en contacto connosco se ves a posibilidade de que impartamos unha charla ou hai oportunidade para colaborar cun centro de ensino. Na sección Contacto tés tódolos datos necesarios.

Data publicación: 20-8-2014
Última modificación: 8-8-2023
>> Páxina seguinte: Colabora

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).