Reserva do Catorce

Campaña de custodia dunha microrreserva de anfibios

O 5 de xullo de 2016 Fragas do Mandeo e o Concello de Coirós asinaron un acordo de custodia do territorio polo que o concello cedeunos por 50 anos o uso e a xestión de tres parcelas lindeiras de titularidade municipal co obxecto de crear unha microrreserva de anfibios.

As parcelas suman unha superficie de 38.527 m2. Están situadas na aba oeste do monte de Pedra Partida, nun lugar coñecido co nome de O Catorce, topónimo que fai referencia a unha antiga feira que se celebraba tal día do mes.

A creación dunha microrreserva

As microrreservas son espazos protexidos ―oficialmente ou por iniciativa privada, como neste caso― con superficie normalmente inferior ás 20 hectáreas. Son unha figura moi útil para conservar pequenos enclaves que albergan valores naturais relevantes, tales como puntos de reprodución de anfibios, colonias de morcegos, prados nos que se asentan poboacións de bolboretas ameazadas ou lugares onde sobrevive flora endémica rara. A lexislación galega non as contempla actualmente na súa rede de espazos naturais protexidos, a diferenza do que acontece noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

Fotografía da canteira do CatorceAdvertidos polos herpetólogos da riqueza en especies de anfibios deste enclave, Fragas do Mandeo decidiuse a custodialo creando a que, segundo estes expertos, é a primeira microrreserva de anfibios de Galicia.

O elemento que caracteriza este espazo é a canteira de granito que ocupa un terzo da superficie. Tras abandonarse a súa explotación na década de 1980, iniciouse un proceso de naturalización espontánea. A acumulación de auga de escorrentía na zona escavada permitiu a aparición de vexetación palustre e que medraran salgueiros (Salix atrocinerea). Pero o máis salientable é a elevada diversidade de anfibios localizados nesta pequena e pouco profunda charca estacional.

O resto da superficie está ocupada por un monte condicionado polos abondosos afloramentos graníticos e polos solos pouco profundos. Tras presentar unha etapa de deforestación grave na década de 1950, foi colonizado principalmente por eucaliptos. As árbores autóctonas teñen pouca representación e son de tamaño pequeno, situación que pode afectar negativamente á biodiversidade da zona, aconsellando tomar medidas para garantir que co paso do tempo aumente o número de exemplares que acade idades avanzadas. Aínda así atópanse loureiros (Laurus nobilis), carballos (Quercus robur), bidueiros (Betula pubescens), piñeiros (Pinus pinaster) e acivros (Ilex aquifolium).

A riqueza en anfibios

A canteira ten unha gran importancia para as poboacións locais de anfibios, téndose atopado nela 11 das 14 especies de anfibios galegos, o que representa o 79 % das nosas especies de rás, sapos, tritóns e píntegas. A continuación amosamos os datos proporcionados por herpetólogos do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña e pola Sociedade Galega de Historia Natural. As especies marcadas cun asterisco están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e as que figuran cun comentario son as que están ausentes neste espazo.

Saramaganta rabilonga Chioglossa lusitanica * Presente na contorna
Píntega común Salamandra salamandra
Limpafontes verde Triturus marmoratus
Limpafontes común Lissotriton boscai
Limpafontes palmado Lissotriton helveticus
Sapiño comadrón Alytes obstetricans
Ra das veigas Discoglossus galganoi
Sapo de esporóns Pelobates cultripes * Ausente
Sapo común Bufo spinosus
Sapo corriqueiro Epidalea calamita
Estroza Hyla molleri *
Ra patilonga Rana iberica * Presente na contorna
Ra vermella Rana temporaria *
Ra verde Pelophylax perezi

A presenza de réptiles

A representación de lagartos, lagartixas e serpes non é tan extensa, pois soamente se teñen localizadas 7 das 25 especies autóctonas galegas, o que significa o 28 % da súa biodiversidade.

Esgonzo común Chalcides striatus
Lagartixa galega Podarcis bocagei
Lagarto arnal Timon lepidus
Escáncer común Anguis fragilis
Cobra viperina Natrix maura
Cobra de colar Natrix natrix
Víbora de Seoane Vipera seoanei

Avanzando en fases

A prioridade da microrreserva será a preservación de condicións axeitadas para o mantemento ―¡ou incluso incremento!― das poboacións de anfibios. Para isto é imprescindible impedir toda potencial agresión ó hábitat, garanti-la calidade da auga e favorecer un réxime hídrico óptimo.

Fotografía da canteira do Catorce Coa colaboración de voluntariado ambiental, na primeira fase temos actuado principalmente na canteira, retirando todo o lixo presente e erradicando a flora exótica invasora (Cortaderia selloana, Buddleja davidii, Cyperus eragrostis, Conyza canadensis e Aster squamatus). Tamén temos xestionada toda a ramallada de eucalipto abandonada alí tras da última corta ―os seus compostos fenólicos poden degrada-la calidade da auga― e secado os cepos que tiñan afillado.

Para a segunda fase déixanse as actuacións que requiren financiamento externo, pois o convenio non ten dotación económica. Entre elas figuran a colocación dunha cancela que impida o tráfico rodado (sen impedi-lo peonil), a retirada de vellas uralitas por conteren amianto, a colocación de paneis informativos e de sinalización de riscos, a instalación de valados nos desniveis para evitar caídas, a mellora do bosque en toda a parcela, a reconversión das construcións abandonadas en refuxios de fauna e a regulación do nivel hídrico.

Sempre se agradece unha axuda

Os anfibios están considerados como o grupo animal máis ameazado do planeta. Entre as principais causas do seu declive están a destrución dos seus hábitats, a contaminación da auga, o incremento de radiación ultravioleta (UV-B), enfermidades infecciosas como a quitridiomicosis e a fauna exótica invasora, todo elo agravado polo cambio climático. Pequenos enclaves como este, aínda que polo seu pasado industrial non teñan un especial valor paisaxístico, poden ser relevantes para a conservación das poboacións locais de anfibios.

Esperamos que a reserva do Catorce serva de exemplo a imitar noutras comarcas. Pero para chegar a ser un referente necesitamos da colaboración de voluntarios que nos axuden nas tarefas de mantemento, de herpetólogos que monitoricen as melloras do hábitat, de entidades e particulares que nos apoien economicamente, etc.

Se queres ser parte da creación desta reserva botando unha man, na sección Contacto tés tódolos datos necesarios.

Data publicación: 14-7-2016
Última modificación: 7-7-2018
>> Páxina seguinte: Lagoa de Sobrado

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).