Ríos

Campaña de apadriñamento do Mandeo e do Mendo

Na comarca de As Mariñas, os ríos e as súas ribeiras albergan boa parte do noso patrimonio natural máis valioso. As paisaxes do seu entorno son moi apreciadas e numerosas especies ameazadas sobreviven nas súas augas e nos seus bosques de ribeira. Adicionalmente, funcionan como corredores ecolóxicos que conectan a costa coas serras do interior e realizan valiosos servizos ecosistémicos. Todos estes son motivos de sobra para preservalos en bo estado.

Das 31 especies exóticas que temos eliminado, 15 estaban presentes nos nosos ríos

Cando iniciamos esta campaña, aínda non se tiña asinado ningún convenio de custodia que afectara ó dominio público hidráulico dun río galego. Ante a dificultade de logralo, Fragas do Mandeo optou por apadriña-los ríos Mandeo e Mendo mediante autorizacións anuais, para así ir avanzando na súa conservación, mentres a Administración non sexa proclive a asinar convenios de custodia do territorio que nos doten de ferramentas eficaces para actuar no dominio público hidráulico.

Conservando o río Mandeo

Inicialmente, a campaña da crocosmia levounos no ano 2014 a centra-la nosa actuación no tramo do río Mandeo entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro, por se-la zona onde máis se concentraba esta especie exótica invasora. Segundo foi avanzando a erradicación desta planta foránea, aumentámo-lo espectro a outras especies exóticas invasoras tamén presentes neste tramo de río.

No ano 2017, xa lograda unha redución significativa da presenza de crocosmia e doutras invasoras, decidimos amplia-lo tramo apadriñado augas arriba até O Caneiro. O campo de traballo internacional celebrado neste ano axudounos a erradica-las invasoras no rego das Bouzas, un afluente do Mandeo que desemboca en Chelo e desde onde poderían recoloniza-lo río.

Actualmente cubrimos un tramo de 6 km de longo (concellos de Coirós e de Paderne), onde recollémo-lo lixo periodicamente e no que eliminamos tódalas especies exóticas que localizamos (crocosmia, tradescantia, plumachos, ligustro asiático, loureiro romano, acacia negra, budleia, hortensia, cala, cyperus). Obviamente, só eliminamos os eucaliptos cando se sitúan en parcelas que custodiamos mediante compravenda ou cesión.

Quédanos pendente o traballo de rematar de elimina-la tradescantia nas ruínas do balneario do Bocelo e no vello edificio da minicentral. En Chelo falta por seca-las acacias negras no xardín da vivenda situada a carón do aparcadoiro e as invasoras presentes na parcela do muíño de maquía (tradescantia, robinia, ligustro asiático, plumacho, hortensia), para o que precisaremos da colaboración dos propietarios.

Traballando no río Mendo

Dentro das actividades de voluntariado das distintas edicións da Semana de Custodia, dende o ano 2013 programamos recollidas de lixo no río Mendo. Nos inicios percorriamos as dúas beiras do río entre a ponte dos Cabalos e a ponte da Ermida. Estas dúas pontes son lugares nos que se concentra lixo, especialmente nesta última, onde pola cantidade atopada poderiamos falar de que foi un auténtico vertedoiro ilegal.

Cos anos fomos ampliando territorio e actualmente apadriñamos o tramo entre a ponte das Moas e a ponte de Mende, cunha lonxitude de 8 km aproximadamente (concellos de Coirós e de Oza-Cesuras).

De paso que facemos as recollidas de lixo periódicas, comprobámo-la presenza de especies exóticas invasoras. Temos eliminado focos de crocosmia, ligustro asiático, hortensia e bambú negro. Entre as tarefas pendentes temos previsto eliminar todo o ligustro asiático, a robinia, o mirto chino e o bambú verde. Por último, a parcela do muíño de Xico e o seu entorno inmediato son un foco importante de exóticas (budleia, hortensia, bambú negro, rododendro, mirto chino e yuca).

Un balance de invasoras

A continuación amosamos as once especies exóticas invasoras que temos eliminado no dominio público hidráulico dos tramos apadriñados nos ríos Mandeo e Mendo. Cun asterisco figuran aquelas das que aínda non temos eliminado tódolos focos localizados; no resto dos casos arrincáronse ou secáronse tódolos exemplares coñecidos, polo que agora están na fase de vixilancia de reaparicións até comprobar a súa erradicación definitiva.

crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora)
tradescantia (Tradescantia fluminensis)
plumacho (Cortaderia selloana)
budleia (Buddleja davidii)
hortensia (Hydrangea sp.)
cala (Zantedeschia aethiopica)
cyperus (Cyperus eragrostis)
bambú negro (Phyllostachys nigra)
loureiro romano (Prunus laurocerasus) *
ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium) *
acacia negra (Acacia melanoxylon)

Tamén eliminamos outras catro especies que, aínda non tendo un carácter invasor, son plantas exóticas que están a ocupar un espazo que debe estar reservado ás especies autóctonas:

evónimo xaponés (Euonymus japonicus)
madreselva china (Lonicera ligustrina ssp. yunnanensis)
celinda (Philadelphus coronarius)
roseira gabeadora (Rosa sp.)

Ti tamén podes

Cando visites os nosos ríos, lembra que sempre podes compensar á natureza polo que che regala. Por exemplo, recollendo algunhas pezas de lixo que atopes na ruta de sendeirismo pola que camiñes.

Do mesmo xeito, o noso apadriñamento dos ríos Mandeo e Mendo é posible grazas ó esforzo das persoas que participan nas xornadas de voluntariado ambiental que convocamos e dos grupos organizados que nos botaron unha man.

No caso de que te animes a participar activamente na conservación dos nosos ríos, ponte en contacto connosco para que che avisemos de futuras xornadas de voluntariado (na sección Contacto atoparás a información necesaria).

Data publicación: 10-8-2017
Última modificación: 3-1-2019
>> Páxina seguinte: Crocosmia

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).