Subscritores

Como facerse colaborador

Cando un quere colaborar economicamente con Fragas do Mandeo dun xeito periódico, hai que escolle-lo tipo de colaboración e o importe no formulario de domiciliación. Por favor, descarga o impreso e remítenolo por correo postal.
Descargar impreso

O teu banco ou caixa pasarache un cargo anual ou dous, segundo escollas, coa seguridade de que, cando non poidas continuar coa túa colaboración, podes finalizala comunicándonolo directamente ou a través da túa entidade bancaria sen teres que dar ningunha explicación.

Particulares

Para as persoas que queiran colaborar, propoñemos a cifra de 36 euros ó ano. Esta cantidade ven sendo o equivalente á modesta cifra de 3 euros ó mes.

Por moi pequena que sexa a túa doazón, servirá de axuda para conserva-la biodiversidade local

Tamén se ofrece a posibilidade de que o colaborador escolla calquera importe, tanto máis pequeno coma máis grande. Aqueles que estean dispostos a aboa-la cifra de 10 euros ó mes ou máis, entrarán na categoría de benfeitor de Fragas do Mandeo.

Para recibi-la cualificación de benfeitor vitalicio basta con facer unha única doazón de 1.500 euros. Aínda que pode ser unha cifra elevada, equivale a unha ducia de anos como benfeitor. Isto permítenos investi-los cartos inmediatamente e aplicar canto antes as actuacións ambientais necesarias.

Entidades sociais

As asociacións culturais ou de veciños, os clubs deportivos e organizacións sen ánimo de lucro en xeral, poden figurar como colaboradores doando a cifra que poidan achegar.

Aquela entidade na que os recursos propios ou a vontade dos socios permita que esa cifra supere o equivalente a 1 euro por socio e mes, será considerada entidade benfeitora de Fragas do Mandeo. O logotipo da entidade figurará en lugar destacado na nosa web cun enlace á web da entidade que fai a doazón.

Empresas

Calquera empresa ou entidade con ánimo de lucro pode ser colaboradora de Fragas do Mandeo coa cantidade que estime oportuna.

No caso dunha pequena ou mediana empresa (PEME), cando esa cifra acada os 500 euros ó ano, será considerada empresa benfeitora de Fragas do Mandeo. Se falamos dunha gran empresa, terá esta consideración se acada os 3.000 euros ó ano.

A empresa benfeitora gozará de publicidade gratuíta ó te-lo seu logotipo ou anagrama nun lugar destacado na nosa web, cun enlace á web da empresa. (No caso de non ter páxina web, podemos facerlle unha gratuitamente para ter presenza en Internet.)

Periodicidade

Podes escoller que a túa achega anual se che cargue unha única vez ó ano, ou ben que se divida o importe en dúas cotas anuais.

Cada cargo por domiciliación ten un custe financeiro, causado polas comisións bancarias, polo que nós preferimos cargarche a cota dunha única vez. Pero ti podes elixi-lo que máis che conveña.

Privacidade

Como política de transparencia, difundimos na nosa web e nos documentos que redactamos o nome das persoas que colaboran con Fragas do Mandeo. A difusión autorizada desta colaboración faise respectando a Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal. En ningún caso se ceden eses datos a terceiras persoas ou a empresas alleas á administración de Fragas do Mandeo.

No caso de que queiras mante-lo anonimato cara ó público, por favor, escolle a opción “manteñan en privado a miña colaboración” no formulario de domiciliación. Deste xeito, o teu nome soamente constará a efectos administrativos e de xestión.

Data publicación: 6-7-2010
Última modificación: 11-12-2018
>> Páxina seguinte: Participa

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).