Galería

Documentos fotográficos do pasado

Inauguramos esta sección expoñendo imaxes que nos amosan a evolución do territorio na comarca coruñesa de As Mariñas (Galicia, España). Nuns casos demostran a desaparición de hábitats naturais; noutros, pódese ver como o abandono ou cambio de uso dos labradíos levou a unha maior forestación das ribeiras dos ríos.

Fotografía da vista oeste de Betanzos, circa 1904
Vista oeste de Betanzos, circa 1904.
Autor: Francisco Javier Martínez Santiso.
Nesta fotografía podemos observa-lo antigo curso do río Mandeo, facendo un arco cara ó noroeste para confluír co Mendo na Ponte Nova, e logo cara ó suroeste, para desembocar na Cangrexeira. Esta fotografía foi tomada cando xa empezaran os recheos para a construción da estación e da vía do ferrocarril, distinguibles na esquerda da imaxe. Á dereita podemos descubri-la antiga Ponte Nova, hoxe substituída por unha ponte de formigón. Todo o leito do río e o xuncal visibles foron recheados, estando actualmente ocupados polo instituto de ensinanza secundaria e o parque Pablo Iglesias.

Fotografía da vista este de Betanzos, circa 1925
Vista este de Betanzos, circa 1925.
Autor: Anónimo.
A perda de marisma por expansión da vila tamén afectou ó barrio da Ribeira. Nesta imaxe podemos ve-lo edificio do Matadoiro lindando co xuncal. Hoxe, toda esta zona está edificada e o río baixa bordeado polo malecón. De tarde en tarde xúntanse as avenidas coas mareas vivas para reclamar este espazo.

Fotografía da vista sueste de Betanzos, circa 1965
Vista sueste de Betanzos, circa 1965.
Autor: Anónimo.
Nesta fotografía pódese contempla-la chegada do río Mandeo á vila, aínda conservado en perfecto estado o xuncal da Veiga, na marxe dereita. Na ladeira da marxe esquerda aprécianse os cultivos de lúpulo en varais, así coma na terraza fluvial próxima á rúa da Cañota.

Fotografía do río Mandeo, circa 1960
Vista do río Mandeo, circa 1960.
Autor: Anónimo.
O uso do espazo foi intensivo até a década dos anos 60, tal coma amosa esta fotografía. As viñas chegaban mesmo á beira do río. Os castiñeiros podábanse para usa-las pólas como combustible nas cociñas.

Fotografía da romaría dos Caneiros, circa 1900
Romaría dos Caneiros, circa 1900.
Autor: Avrillón (Imprenta Ferrer).
Os mestos montes de pinos e eucaliptos que hoxe arrodean o campo dos Caneiros, en tempos foron fincas cultivadas. Nesta imaxe vemos unha solitaria árbore medrando na beira dereita do río Mandeo, tendo como fondo as leiras traballadas do concello de Paderne. Esta escena correspóndese cunha época na que se maximizou o uso agrícola da terra para atende-las necesidades dunha poboación que chegara ós límites de sostibilidade do territorio.

Fotografía do lugar de Chelo, 1971
Vista de Chelo, 1971.
Autor: Carlos Silvar.
Nesta imaxe podemos ver como os cambios sociais da época afectaron á composición dos nosos bosques. O eucalipto foi colonizando o lugar de Chelo segundo ían abandonándose as terras de labor menos axeitadas, para logo espallarse espontaneamente. O bosque autóctono viuse así relegado ás zonas máis abruptas das ribeiras do río Mandeo.

É difícil atopar fotografías anteriores ós anos 60 que visualicen claramente o uso do territorio na ría de Betanzos e nas ribeiras dos ríos Mandeo e Mendo. A reprodución de todas estas imaxes foi posible grazas á cortesía do Arquivo Municipal de Betanzos.

Non deixes de poñerte en contacto connosco se podes facilitarnos imaxes interesantes. Na sección Contacto tes tódolos datos necesarios.

Data publicación: 18-10-2010
Última modificación: 3-11-2014

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).