Invasive species

A quiet danger

Sorry, this page isn’t translated yet! Fragas do Mandeo volunteers are working in their free time to have it as soon as possible. We offer you the Galician version instead.

O efecto das especies exóticas invasoras nos ecosistemas está considerado como a segunda causa máis importante na perda de biodiversidade, precedida unicamente pola destrución directa dos hábitats. Unha vez aclimatadas e asentadas, é moi custoso eliminalas; nalgúns casos imposible. Por iso é realmente importante impedir que se espallen, erradicándoas nada máis sexa detectada a súa presenza.

Unha especie animal ou vexetal alóctona –tamén chamada xenófita, é dicir foránea– considérase invasora cando se reproduce e se expande de xeito natural, sen a axuda directa do home, en ambientes naturais ou seminaturais, e que produce algún cambio significativo ou algunha perturbación no que se refire á composición, estrutura ou funcionamento do ecosistema. Así, das 1.400 especies alóctonas detectadas en España, o 10% resulta daniña para os ecosistemas e a economía.

As especies invasoras son a segunda causa máis importante na perda de biodiversidade

Entre os seus impactos sobre o medio natural, pódense destaca-la perda de biodiversidade, os cambios e alteracións nos ciclos bioxeoquímicos, a homoxeneización dos ecosistemas e das comunidades, e incluso a extinción de especies nativas. A principal vía de introdución en España é a xardinería, responsable de case a metade dos casos. Logo, xa en menor medida, sucédenlle a agricultura ou causas involuntarias.

A continuación mostramos algunhas das especies presentes na comarca de As Mariñas. A colaboración da cidadanía é moi importante para diminuí-los seus efectos devastadores. No caso de atopar algunha especie vexetal na túa propiedade, elimínaa tendo coidado de que os residuos sexan destruídos. Botar restos vexetais de especies invasoras no monte ou no río non fai máis que fomenta-la súa propagación.

Nunca liberes unha mascota: así foi como se introduciron o galápago americano (Trachemys scripta) ou a cotorra de Kramer (Psittacula krameri). Regálalla a quen lle interese ou lévaa a un centro de fauna. Se es pescador ou cazador, defende as especies autóctonas e non colabores coa introdución das alóctonas, coma a troita arco iris (Oncorhynchus mykiss) ou o faisán (Phasianus colchicus).

Na fauna invasora de As Mariñas destaca o visón americano (Mustela vison), que escapou das granxas peleteiras, unhas veces polos seus medios, outras liberado por irresponsables. Unha vez naturalizado, gusta dos ambientes próximos á auga, tanto ríos, encoros e lagoas, como a costa. É un activo depredador oportunista que caza crustáceos, peixes, anfibios, aves e pequenos mamíferos, afectando á fauna autóctona. Ten hábitos crepusculares, pero non é difícil velos en pleno día, carecendo de inimigos naturais que limiten severamente a súa presenza.

O cangrexo americano (Procambarus clarkii) foi ceibado deliberadamente en Cecebre, invadindo tanto o encoro como os ríos que o abastecen. De alimentación omnívora, depreda vermes, insectos e ovos de peixes e de anfibios. De feito, tras aclimatarse, fixo estragos nas poboacións de anfibios que habitaban no encoro. A súa presenza tamén afecta á vexetación acuática, e incluso dana os noiros da ribeira, pois escava galerías que acaban por debilitalos. Agora non é nada fácil a súa eliminación, pois o encoro non se pode baleirar, xa que abastece de auga potable a unha poboación moi numerosa.

A nespra asiática (Vespa velutina) colonizou recentemente a bisbarra, procedente de China. No 2004 introduciuse accidentalmente en Francia e, tras colonizar varios puntos do norte da Península, detectouse por primeira vez en Galicia no 2012. Compite coa nespra autóctona (Vespa crabro) e caza insectos, principalmente abellas, afectando á importante función polinizadora que realizan e reducindo a produción de mel. Como tamén se alimenta de froita madura, dana as colleitas. Os enormes niños que constrúe nas copas das árbores e outros lugares elevados supoñen un grave risco para as persoas que a molestan fortuitamente. Cando localicemos un, debemos telefonar ó 012 para que sexa retirado.

Xa pasando á flora, encabeza a lista o plumeiro (Cortaderia selloana), tamén chamado herba da Pampa, por se-la planta que máis merece unha campaña de erradicación. Destaca a finais do verán, cando bota unhas flores características, polas que recebe o seu nome popular. É una especie moi invasora, pois aproveita as obras públicas, infestando a terra que foi removida con maquinaria. Abunda en Cecebre e na ría de Betanzos, seguindo a autoestrada. Se non podes arrincala, quítalle as flores e destrúeas, para que as sementes non se espallen. Ten coidado coas follas: o borde serrado é cortante.

A robinia (Robinia pseudoacacia), tamén coñecida como falsa acacia, é unha árbore caducifolia con follas oblongas e grandes espiñas. Na primavera bota flores brancas que se xuntan en acios, destacando así entre o arborado autóctono. Procedente de Norteamérica, é unha especie moi problemática en distintos puntos da Península Ibérica. Cando se corta, agroman chupóns das raíces, polo que para secala é mellor facerlle un anel na base do tronco quitándolle a cortiza. Frecuente na bisbarra, atópase, por exemplo, no camiño de Os Caneiros (Coirós) ou en Ponte do Porco (Miño).

A mimosa (Acacia dealbata) é unha árbore perenne de fermosas follas compostas. A súa floración é espectacular, enchéndose de pequenas flores amarelas, polo que se usa en xardinería. Emporiso, no monte é infestante, impedindo a xerminación da semente doutras árbores e véndose favorecida a súa propagación polos incendios. As súas sementes son moi resistentes, manténdose no solo longo tempo até que un incendio as fai abrollar. É moi difícil de eliminar, pois os cepos reabrollan, sendo recomendable arrincalas canto antes e non esperar a que medren.

A acacia negra (Acacia melanoxylon) é unha árbore de procedencia australiana. Menos espectacular que a mimosa, ten o mesmo potencial invasor. As sementes son moi resistentes e abrolla trala corta ou incendio. Foi empregada nas obras públicas, polo que é común nas beiras das estradas.

Con estas tres especies, non se acaba a lista de árbores invasores. Outras especies perigosas, como o ailanto (Ailanthus altissima) xa foron detectadas. Pasemos agora a unha selección de plantas entre as numerosas especies alóctonas.

A uña de gato (Carpobrotus edulis), é unha planta carnosa e rastreira moi usada en xardinería como tapizante. Procedente de Sudáfrica, sofre moito as xeadas; por iso soamente prolifera na costa, tanto en acantilados como en dunas, onde despraza á vexetación autóctona. Os fragmentos da planta enraízan moi facilmente, prendendo alí onde os leve o mar ou sexan tirados. Para eliminala, basta con arrincala tendo conta de que non quede ningún anaco enterrado. Era abundante na praia Grande de Miño, onde se fixo unha acertada campaña de eliminación.

A crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), tamén coñecida como tritonia, é unha planta decorativa procedente do cruce de dúas especies sudafricanas. Parecida ó gladíolo, ten follas longas e planas que medran dun bulbo, dando flores alaranxadas. Coloniza as beiras dos ríos, desprazando á vexetación autóctona. É unha das especies máis difícil de controlar, precisándose anos de esforzo continuado. Propágase mediante os bulbos, que prenden facilmente, polo que hai que destruílos e coidar de non ciscalos. Atópase, entre outros lugares, en Chelo (Coirós).

A tradescantia (Tradescantia fluminensis) é unha discreta planta rastreira que vai recubrindo o chan. Orixinaria de Sudamérica, é empregada en xardinería como tapizante. As súas flores, brancas e pequenas, son pouco vistosas. Propágase mediante fragmentos dos talos que enraízan con moita facilidade en ambientes sombreados e frescos. En estado silvestre cobre totalmente zonas sombrías ben nitroxenadas, colonizando sebes e cunetas; chega a desprazar totalmente ás especies nativas, alfombrando incluso bosques de ribeira. Pódese ver polo camiño de Armea (Betanzos).

A budleia (Buddleja davidii) é un arbusto ornamental procedente das zonas montañosas de China. As súas inflorescencias son de cor púrpura, compactas e con moitas flores, xa que logo devecidas polos insectos. Reprodúcese tanto pola numerosa semente que produce como mediante gallos, pois prenden facilmente, aspecto que hai que ter en conta no momento de desfacerse dos restos da planta. Sendo usada en xardinería, áchase preto de zonas habitadas ou transitadas. Podemos atopala na ría de Betanzos, en Viñas preto do viaducto.

O medio mariño tampouco se salva das especies exóticas invasoras. Na costa de Sada podemos atopa-lo sargazo xaponés (Sargassum muticum). Esta alga parda chega a acadar os dous metros de lonxitude, sendo facilmente recoñecible polas súas pequenas vesículas aéreas. Tal como indica o seu nome, procede do mar do Xapón, e suponse que veu coa importación para cultivo da ostra xaponesa. Colonizou con éxito diversos puntos do noroeste ibérico, alterando a estrutura das comunidades onde se asenta e desprazando a especies autóctonas como as algas do xénero Gelidium. O seu tamaño e densidade crea problemas nas hélices das embarcacións recreativas.

Recursos

Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras: Texto do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, por el que se regula el Catálogo español de especies exóticas invasoras, que prohibe a posesión e a introdución no medio natural das especies catalogadas e se establecen as medidas para previ-la súa introdución, controla-la súa expansión e as estratexias de erradicación. No seu anexo figuran as especies que están incluídas no catálogo.

Regulamento europeo sobre especies exóticas invasoras: Texto do Regulamento 1143/2014 da Unión Europea sobre a prevención e a xestión da introdución e da propagación de especies exóticas invasoras, no que se prohibe a introdución, tenencia, transporte, liberación ou cría daquelas que figuran na Lista de especies exóticas invasoras preocupantes para a Unión, obrigando ós Estados membros a toma-las medidas necesarias para impedi-la súa introdución e propagación.

Plan Galego de Especies Exóticas Invasoras: Dentro das liñas de traballo para a conservación da biodiversidade, a Xunta de Galicia informa sobre este problema na súa web, e anima á participación mediante un formulario que recolle datos sobre especies e localizacións. Tamén ofrece a posibilidade de descargar material divulgativo e as fichas dos animais e plantas invasores detectados en Galicia, en formato PDF.

Plantas invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control: Neste libro podemos atopa-las fichas de gran parte da flora invasora presente en Galicia. Van acompañadas de fotografías e mapas de distribución, así como información sobre a maneira de eliminalas. Escrito por Jaime Fagúndez e Manuel Barrada (Xunta de Galicia, 2007).

Plantas alóctonas invasoras en España: Na páxina web do apartado de flora exótica do Inventario Nacional de Biodiversidad, pódese descargar este libro por capítulos en formato PDF, ou as fichas das especies que che interesen. Os autores son Mario Sanz, Elías Dana e Eduardo Sobrino (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, 2004).

Proxecto DAISIE: O proxecto Delivering Alien Invasive Species In Europe, financiado pola Unión Europea, ten como obxectivo localizar e estuda-las especies invasoras en Europa. Permite consulta-la súa base de datos e a súa lista das 100 peores especies (en inglés), coas respectivas fichas en formato PDF, nas que figuran os mapas de distribución e os sistemas de control.

Invasive Species Specialist Group: Grupo de traballo da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN). Ofrece unha extensa base de datos e ten publicado en castelán o folleto 100 de las especies exóticas invasoras más dañinas del mundo.

First published: 6-10-2010
Last update: 22-7-2016
>> Next page: Sobrado lake

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).