Sobrado lake

History, wildlife and land stewardship

Sorry, this page isn’t translated yet! Fragas do Mandeo volunteers are working in their free time to have it as soon as possible. We offer you the Galician version instead.

A lagoa de Sobrado foi construída polos monxes do mosteiro entre os anos 1500 e 1530, represando as augas de varios regatos que forman as fontes do río Tambre. O obxectivo do encoro, aparte de levar auga corrente ás cociñas do mosteiro, era rega-los seus prados e move-los seus muíños, incluso en tempos de seca. Un último motivo, non menos importante, era dispor de pesca, especialmente na Coresma. Neste tempo tiñan que absterse de comer carne, e as troitas que criaban na lagoa eran un excelente substituto.

Transcorridos cinco séculos, a lagoa amósase hoxe perfectamente naturalizada. Está bordeada de prados e dun bosque caducifolio de bidueiros, ameneiros, freixos, carballos e sabugueiros. Na auga abonda o ambroíño de río e a espiga de auga, formando extensas masas flotantes no verán. A lámina de auga cobre unha superficie aproximada de 10 hectáreas, con escasas variacións estacionais, e acada un máximo de 4,5 m de profundidade, sendo a media de tan só 1,5 m.

A lagoa ten importancia europea pola súa flora e rexional pola súa avifauna

O entorno da lagoa é unha mostra representativa da paisaxe galega atlántica, onde conviven nun relevo suave unha paisaxe en mosaico, os bolos graníticos ocultos na masa forestal, a actividade agrogandeira tradicional e unha natureza silvestre que se amosa a simple vista na lagoa. Aparte de ser unha doa máis no rosario de humidais galegos que facilitan as viaxes das aves migratorias e permiten a súa invernada no noso país, constitúe o arranque do corredor ecolóxico que forma o río Tambre e serve de conexión coa bacía do río Mandeo, que nace a pouca distancia.

Dende o punto de vista botánico é un lugar de interese singular e de importancia europea pola diversidade da súa flora. Evidentemente, son as aves acuáticas o que máis chama a atención, especialmente no inverno, cando os lavancos e as cercetas forman grandes bandos. A lagoa acada importancia rexional para a cerceta real e a galiñola negra común.

Lamentablemente a lagoa carece dunha figura de protección específica e, xa que logo, non forma parte nin da Rede Natura 2000 nin da rede galega de espazos naturais protexidos, a pesares de que en 2003 fora incluída no inventario de humidais de Galicia realizado pola Consellería de Medio Ambiente e posteriormente contemplada na Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 elaborada polo IBADER no ano 2008. O regulamente cinexético actual (tempada 2013-2014) prohibe a caza na lagoa, está vedada á pesca (tempada 2014) e no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa proponse a súa designación como “zona húmida de especial interese para a súa conservación”.

Mapa da lagoa de Sobrado
Para navegar polo mapa, visita Google Maps (apertura no mesmo punto xeográfico).

Custodiando a biodiversidade

No ano 1992 a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) asinou un acordo de custodia da lagoa co seu titular, o Convento de Sobrado dos Monxes, por un período de 10 anos, co obxectivo de realizar actividades de conservación, científicas e de divulgación ambiental, sendo o primeiro da súa clase asinado en Galicia. Posteriormente mercou dúas fincas na ribeira da lagoa, como continuación desta experiencia de custodia do territorio. Nunha delas instalou un observatorio ornitolóxico, e a outra foi reforestada con especies autóctonas. O proxecto incluía tamén un centro de interpretación, do que se chegou a elaborar o anteproxecto do edificio, pero non a construír.

No ano 2010 cedeu estas propiedades á Fundación Fragas do Mandeo, como parte da súa dotación fundacional. Actualmente ocupámonos do mantemento do observatorio e das dúas fincas custodiadas. Adicionalmente apadriñamos a lagoa e o tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela, limpando periodicamente o lixo.

As últimas actuacións de mantemento do observatorio consistiron na poda dos salgueiros que medran diante e impedían a observación, a reparación da porta (reposición do pecho e a substitución das bisagras), da escaleira (desfeita polos vándalos) e do tellado (unha das pranchas metálicas estaba caendo). Por último, a colocación de paneis informativos (o de aves instalado no seu día pola SGHN foi esnaquizado), a reforma dunha fiestra para poder mirar con telescopio e facilita-lo seu uso por persoas pequenas, e a reparación dunha parte do murete que caeu coas últimas choivas.

Aproveitando as reformas instalouse un refuxio para quirópteros no teito. Dentro del hai espazo deseñado tanto para os morcegos cavernícolas (os que descansan pendurados do teito) como para os morcegos fisurícolas (os que se recollen nas fendas). Acompañando a este refuxio hai dúas caixas niño para aves. Debaixo do observatorio depositouse unha morea de leña para servir de acubillo a anfibios e pequenos mamíferos. Por último, aproveitouse a reparación do murete para crear pequenos refuxios no seu interior.

A lagoa de Millares

A 600 metros en dirección sur, indo pola estrada local que conduce a Eirexe Nova, atópase a pequena lagoa de Millares (0,4 hectáreas). Tamén artificial, neste caso foi construída coa misión de encorar auga coa que move-lo muíño que está o pé da presa.

Gran parte da lagoa está cuberta pola espiga de auga. Nas súa beiras podemos ver algúns pés de xunca do algodón (Eriophorum angustifolium), que destacan cando entran en flor.

Ámbalas dúas lagoas comparten a avifauna, xa que logo é frecuente que os parrulos e mailas garzas se despracen a esta cando as condicións meteorolóxicas son máis favorables nela por estar mellor protexida dos ventos. Aquí podemos ver habitualmente lavancos reais, mergullóns pequenos e galiñas de río, pois son sedentarios e crían nela. Non é raro ver algunha garza real ou o corvo mariño cristado, non faltando no inverno as cercetas reais.

Árbores senlleiras

A carballeira da Casa do Gado é unha mostra de bosque espectacular, situada a 500 m de distancia da lagoa en dirección noroeste. Aínda que privada, está cruzada polo camiño real, o que permite a súa visita e gozar dun arborado no que se mesturan carballos, castiñeiros e bidueiros. Na porta norte do pazo destaca un grupiño de catro freixos (Fraxinus excelsior), considerados centenarios e catalogados como árbores senlleiras: os chamados freixos da Porta (coordenadas N 43° 2′ 41,60” W 8° 1′ 5,80”).

No mesmo catálogo figura un enorme carballo (Quercus robur) ó que se lle calcula unha idade de entre dous e tres séculos, situado no lugar de Portacal, na aldea de Cumbraos, a 2 km da lagoa en dirección norte (coordenadas N 43° 3′ 30,60” W 8° 0′ 4,20”).

O mosteiro e o camiño xacobeo

Pasado Guitizá, o camiño xacobeo do norte pasa por un camiño que acompaña a beira sur da lagoa até o observatorio. O final de etapa está a 1 km de distancia, na vila de Sobrado dos Monxes, onde os peregrinos atoparán no mosteiro un albergue onde descansar. Santiago de Compostela está a 58 km, a soamente dúas xornadas.

O mosteiro de Santa María de Sobrado é digno de visitarse, pois estamos ante un dos principais monumentos do barroco galego. As torres da igrexa (século XVII) é o primeiro que se avista de camiño a Sobrado. Detrás da espectacular fachada, atoparemos un edificio en cruz latina e tres naves. Pero non debemos marchar sen visitar os seus tres claustros e as dependencias de orixe medieval que aínda se conservan (a sala capitular, o refectorio e a cociña).

As edificacións actuais son o resultado das reformas realizadas entre os séculos XVI e XVIII, pero as raíces do mosteiro datan do ano 952. No século XII foi refundado por monxes cistercienses procedentes de Francia, chegando a desenvolver unha grande actividade espiritual e económica até o seu declive no século XIX. Houbo que esperar até ó ano 1954 a que se recuperara a actividade conventual. Actualmente está rexido por monxes beneditinos.

Flora

A diversidade da flora que alberga a lagoa de Sobrado concédelle a consideración de zona húmida de interese singular e de importancia europea, con independencia da valoración da súa fauna. En concreto, esta lagoa é un dos primeiros enclaves nos que foi localizada dentro da Península Ibérica a alga carófita Nitella flexilis, que serve de indicador da boa calidade da auga. Actualmente coñécese a presenza desta especie cosmopolita en numerosos puntos da Península. Utilízase nos laboratorios como organismo modelo polo gran tamaño da súas células e polo seu fácil cultivo.

A súa diferenciación taxonómica foi debatida polos expertos, o que afecta directamente á valoración da súa distribución. Baseándose principalmente nas diferenzas nos seus órganos reprodutores, ultimamente se considera que a especie ten unha forma monoica (gametos masculinos e femininos na mesma planta) e outra dioica (gametos separados en exemplares distintos). Pola contra, outros taxónomos xulgaban que realmente eran dúas especies diferentes, caracterizándose N. flexilis por ser monoica e acadar até 1 m de lonxitude, e N. opaca por ser dioica e máis pequena. Tanto se consideren dúas formas ou dúas especies, o feito é que a Nitella flexilis monoica foi atopada en Sobrado por Montserrat Comelles en 1980 e forma praderías somerxidas que conforman o hábitat de interese comunitario 3140 Augas oligomesotróficas calcáreas con vexetación béntica de Chara spp., o que reforza a súa importancia.

O ambroíño de río (Nymphaea alba) non pasará desapercibido para o visitante no verán, pois cobre extensas zonas da masa de auga, alegrándoa coas súas enormes flores brancas. Así mesmo destaca en extensión a espiga de auga (Potamogeton natans), que tamén ten follas flotantes. Na beira medran especies acuáticas como a platanaria (Sparganium erectum), o trevo de auga (Menyanthes trifoliata) e Eleocharis palustris. Nas zonas profundas viven somerxidas permanentemente Myriophyllum alterniflorum e a Nitella flexilis.

Invertebrados

Dentro do amplo campo dos invertebrados, a lagoa é un entorno ideal para moitas especies de odonatos (libélulas e cabaliños do demo), que atopan un espazo vital tanto para a súa fase acuática sendo larvas, como aérea cando son adultos:

Enallagma cyathigerum
Libellula quadrimaculata
Pyrrhosoma nymphula
Coenagrion puella
Anax imperator
Lestes viridis
Erythromma lindenii
Erythromma viridulum
Cordulegaster boltonii
Sympecma fusca
Sympetrum fonscolombii
Crocothemis erythraea
Ischnura graellsii

Peixes

A troita (Salmo trutta trutta) é o único peixe localizado na lagoa, onde acada densidades e tamaños elevados.

Anfibios

Na lagoa e a súa contorna téñense atopado 7 especies de anfibios, unha riqueza que era de esperar nun medio acuático rodeado de prados e bosques, e no que desembocan varios regatos:

Pintafontes verde (Triturus marmoratus)
Pintafontes palmado (Lissotriton helveticus, antes coñecido como Triturus helveticus)
Sapo común (Bufo bufo)
Estroza, tamén coñecida como ra de San Antón (Hyla molleri, agora diferenciada de H. arborea)
Ra verde (Pelophylax perezi)
Ra patilonga (Rana iberica)
Ra vermella (Rana temporaria)

Aínda que de momento non foron localizadas, os especialistas non desbotan a presenza da píntega común (Salamandra salamandra) e da ra das veigas (Discoglossus galganoi), das que se coñece que habitan a comarca.

Réptiles

A lista de réptiles localizados até o momento é de soamente tres especies, máis unha exótica invasora.

Galápago americano (Trachemys scripta), especie exótica invasora
Cobra lagarteira común (Coronella austriaca)
Cobra de colar (Natrix natrix)
Víbora de Seoane (Vipera seoanei)

Os expertos sospeitan que tamén están presentes o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), a lagartixa galega (Podarcis bocagei) e o escáncer común (Anguis fragilis), por localizarse na comarca.

Hai que destacar que no mosteiro de Sobrado habita a lagartixa da serra (Iberolacerta monticola). O salientable deste feito é que forma unha colonia moi illada das poboacións máis próximas, e situada a unha altitude moderada (509 m) respecto dun rango altitudinal do hábitat da especie que vai dende o nivel do mar até os 2.500 m.

Aves

A diversidade das aves acuáticas na lagoa mantense estable nos últimos anos. Destacan a cerceta real e a galiñola negra común, para as que a lagoa alcanza importancia rexional. A primeira incrementou bastante a súa presenza, pero a segunda está sufrindo un declive moderado, tendencia que comparte co resto de Galicia, onde a súa situación xa se considera claramente regresiva. O resto das especies non sufriu variacións significativas, pero en conxunto o número de aves aumentou.

Nos últimos anos a lagoa conta co privilexio de ter unha parella dunha das nosas especies de aves acuáticas máis fermosas: o somorgullo cristado. É pouco común en Galicia (menos aínda na súa metade norte), e xa sacaron adiante varias roladas. Acompáñannos varias parellas de mergullóns pequenos que crían tanto aquí como na lagoa de Millares, feito que tamén ten relevancia por ter minguada a súa presenza no resto do país nos últimos anos.

A continuación amosamos a lista de aves acuáticas máis frecuentes na lagoa (cun asterisco figuran as que son sedentarias):

Somorgullo cristado (Podiceps cristatus) *
Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) *
Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)
Garza real (Ardea cinerea)
Cerceta real (Anas crecca)
Lavanco real (Anas platyrhynchos) *
Pato cullerete (Anas clypeata)
Parrulo chupón (Aythya ferina)
Parrulo cristado común (Aythya fuligula)
Galiña de río (Gallinula chloropus) *
Galiñola negra común (Fulica atra) *
Rascón de auga (Rallus aquaticus) *
Bilurico bailón (Actitis hypoleucos)
Martiño peixeiro (Alcedo atthis)

No inverno, nos prados que arrodean a lagoa, poden localizarse:

Píllara dourada europea (Pluvialis apricaria)
Avefría europea (Vanellus vanellus)
Becacina cabra (Gallinago gallinago)

Outras especies foron avistadas de maneira ocasional ou excepcional, normalmente no inverno ou nos seus pasos migratorios:

Mergullón bicogroso (Podilymbus podiceps)
Garza denoiteira (Nycticorax nycticorax)
Garza mediana (Bubulcus ibis)
Garza branca (Egretta alba)
Garza imperial (Ardea purpurea)
Ánsar cincento (Anser anser)
Pato asubión europeo (Anas penelope)
Pato cincento (Anas strepera)
Cerceta da Carolina (Anas carolinensis)
Cerceta do estío (Anas querquedula)
Parrulo cristado americano (Aythya collaris)
Parrulo ferruxento (Aythia nyroca)
Parrulo caribranco (Aythya marila)
Parrulo ollodouro (Bucephala clangula)
Patuda común (Himantopus himantopus)
Carrán mouro (Chlidonias niger)

As andoriñas das barreiras (Riparia riparia) tiñan unha colonia nunha canteira próxima (a 475 m pola estrada en dirección este); mágoa que actualmente estea abandonada.

Entre as rapaces, a máis frecuente é o miñato común (Buteo buteo), pero tamén pode observarse o falcón pequeno (Falco subbuteo) cazando insectos. Xa máis raramente poderemos ve-lo miñato queimado (Milvus migrans), a aguia caudal (Hieraaetus pennatus) ou a aguia peixeira (Pandion haliaetus).

Na información dispoñible sobre o pasado ornitolóxico da lagoa destaca a observación no ano 1975 dunha parella de cercetas do estío que amosaban comportamento reprodutor. No caso de que volveran para criar, a noticia alegraría ós ornitólogos galegos, pois non o fan habitualmente no noso país e son moi poucas as que se reproducen no resto da Península Ibérica.

Para obter información detallada sobre a avifauna da lagoa, o mellor é descarga-los censos invernais de aves acuáticas realizados pola SGHN ou consulta-lo noticiario ornitoxeográfico da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Mamíferos

O carácter eminentemente nocturno da meirande parte dos mamíferos galegos e a proximidade de vivendas fai que raramente sexan observados directamente e a determinación da súa presenza no entorno da lagoa sexa máis difícil que no caso das aves. Deixando aparte os pequenos mamíferos (morcegos, ratos, musarañas, etc.), visitan a lagoa:

Lontra (Lutra lutra)
Tourón (Mustela putoris)
Teixugo (Meles meles)
Algaria (Genetta genetta)
Denociña (Mustela nivalis)
Esquío (Sciurus vulgaris)
Rata de auga (Arvicola sapidus)
Leirón careto (Elyomis quercinus)
Raposo (Vulpes vulpes)
Xabaril (Sus scrofa)

No tocante a especies invasoras, temos que salienta-la presenza do visón americano (Neovison vison), que sen dúbida está tendo efectos negativos na reprodución das aves acuáticas.
 

Non deixes de poñerte en contacto coa comunidade académica ou connosco se podes facilitar información sobre novas especies na lagoa e a súa contorna. Na sección Contacto tes tódolos datos necesarios.

Máis información

Paneis informativos do observatorio ornitolóxico: información xeral, aves e flora.

A lagoa de Sobrado: Un proxecto de educación ambiental, de Xoán Manuel Santamaría. Revista Galega do Ensino, nº 21, pp. 157-170, novembro 1998.

O proxecto Sobrado: utilización socio-natural daquela bisbarra, de Xosé Manuel Penas Patiño. Segundas Xornadas Galegas de Educación Ambiental. Conferencias e comunicacións, pp. 58-59. Xunta de Galicia, 1997.

Paspallás, nº 17, especial Sobrado dos Monxes. Boletín da Sociedade Galega de Historia Natural, 1995.

Estructura y producción estacional de un sistema lacustre de dimensiones reducidas y amplio desarrollo de la vegetación macrofítica litoral. Competencia de macrófitos y fitoplancton por los nutrientes, de Manuel Varela. Tese de doutoramento, Facultade de Bioloxía, Universidade de Santiago de Compostela, 1984.

Aportaciones al estudio florístico y ecológico de la laguna de Sobrado de los Monjes (La Coruña), de Ramón Varela. Memoria de licenciatura, Universidade de Santiago de Compostela, 1978.

Criterios botánicos para la valoración de las lagunas y humedales españoles (Península Ibérica y las Islas Baleares), de Santos Cirujano, Mauricio Velayos, Felipe Castilla e Marta Gil Pinilla. ICONA-CSIC, Madrid, 1992.

Flora ibérica. Algas continentales. Carófitos (Characeae), de S. Cirujano, J. Cambra, P.M. Sánchez Castillo, A. Meco e N. Flor Arnau. Real Jardín Botánico, Madrid, 2008.

Los carófitos ibéricos, de Santos Cirujano, Pablo García Murillo, Ana Meco e Rocío Fernández Zamudio. Anales del Jardín Botánico de Madrid, Vol. 64(1): 87-102, xaneiro-xuño 2007.

El gènere Nitella (Charophyceae) a Espanya, de Montserrat Comelles. Butlletí de la Institució Catalana d’Història Natural, 51 (Sec. Bot., 5): 41-49, 1984.

Atlas dos anfibios e réptiles de Galicia, da Sociedade Galega de Historia Natural. SGHN, Santiago de Compostela, 2011.

Atlas e libro vermello dos anfibios e réptiles de Galicia, de Martiño Cabana e Pedro Galán. En preparación.

Tendencias poblacionales de las aves acuáticas invernantes en el noreste de Galicia, de Luis José Salaverri Leiras. Departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía, Universidade de Santiago de Compostela, 2010.

Aves acuáticas invernantes y humedales en Galicia: un análisis de los censos de enero 1987-1999, de José Antonio de Souza e Miguel Lorenzo. Informe inédito, Consellería de Medio Ambiente, Xunta de Galicia, 2003.

Censos invernais das aves acuáticas en Galicia 2001-05, da Sociedade Galega de Historia Natural. Braña nº 10, revista da Sociedade Galega de Historia Natural, 2010.

Censos invernais das aves acuáticas en Galicia dos anos 1987 a 1993 coordinados por A. Callejo (4 volumes). Consellería de Agricultura, Xunta de Galicia.

First published: 19-4-2013
Last update: 1-7-2014
>> Next page: Cartography

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).