Hábitats

A biodiversidade de As Mariñas

A comarca coruñesa de As Mariñas (Galicia, España) presenta numerosos valores naturais e paisaxísticos. En xeral son pouco coñecidos polos seus veciños e visitantes, precisándose tamén máis investigación por parte do mundo académico. A relación de especies presentes sería moi extensa e tediosa, polo que a continuación salientamos algúns dos seus protagonistas máis sobranceiros.

O hábitat por excelencia son os bosques de ribeira. Situados aquí habitualmente en estreitos vales fluviais, están catalogados como hábitat prioritario pola Unión Europea coa denominación “bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior”, facendo alusión ás dúas especies dominantes, o ameneiro e o freixo.

A bisbarra alberga oito hábitats prioritarios e máis de medio centenar de especies ameazadas

Outras formacións vexetais características na comarca son os xuncais, situados nas marismas das desembocaduras dos ríos. Os carrizais de Phragmites australis, ó carón deles, son escasos, polo que deben ser preservados. Por último, o bosque caducifolio, capitaneado polos carballos (Quercus robur) e seguido por unha enorme variedade de especies arbóreas, cobre a maior parte dos biotopos naturais.

A comarca é rica en especies de fentos, varios dos cales están protexidos. Isoetes fluitans é unha especie en perigo de extinción que se atopa no río Mandeo, e posiblemente tamén nalgúns dos seus regatos máis novos.

Dryopteris aemula, Dryopteris guanchica, Hymenophyllum tunbrigense e Trichomanes speciosum concorren na zona; teñen a categoría de vulnerables e localízanse en arboredos fluviais de baixa altitude. Pola súa banda, Woodwardia radicans, incluída no anexo II da Directiva Hábitats, conta con cinco poboacións coñecidas, dúas delas ó nivel do mar.

A flora da comarca está insuficientemente estudada, a pesares de ofrecer oportunidades para verificar novas localizacións de especies protexidas. O denso poboamento da costa levou a que a maior diversidade se refuxie en apartados bosques de ribeira e nas brañas da cunca alta do Mandeo. Así atopámonos o narciso endémico do territorio galaico-portugués, Narcissus cyclamineus, catalogado como vulnerable, do que está por determinar a súa abundancia na nosa bisbarra.

O salmón (Salmo salar) encabeza a lista dos peixes migradores catalogados como vulnerables pola lexislación ambiental, seguido da lamprea de mar (Petromyzon marinus) e da anguía (Anguilla anguilla).

Os salmóns presente no Mandeo, xunto cos doutros ríos galegos, conforman a poboación máis meridional da súa distribución mundial. A anguía atópase tamén no río Mero, estando protexida especificamente pola lexislación europea debido ó seu delicado estado de conservación. Por último, a reñosa (Achondrostoma arcasii), limitada na comarca ó río Mandeo, é unha especie endémica da Península Ibérica que require especial atención debido á singularidade do seu hábitat.

Entre os grupos de invertebrados, a especie que se atopa en maior perigo de extinción nos ecosistemas acuáticos galegos é o mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Ademais de protexela a lexislación galega, trátase dunha especie incluída nos anexos II, IV e V da Directiva Hábitats. As súas últimas poboacións estables e reprodutoras precisamente atópanse no Mandeo, e nalgúns outros ríos de Galicia. Pola contra, o número de exemplares localizados nos ríos Lambre, Mero e Barcés é moi baixo e no río Mendo non apareceu ningún. Na etapa larval, o mexillón de río implántase nas galas dos salmónidos (salmóns, reos e troitas), polo que a viabilidade desta especie depende totalmente da conservación destes peixes.

Carabus galicianus é o nome dun escaravello nocturno endémico do noroeste peninsular. É fácil de identificar polo rechamante da cor vermella do primeiro artello das súas patas, que contrasta co seu corpo escuro. Frecuenta o bosque caducifolio sombrizo e húmido, ligado a augas limpas e de corrente rápida, onde se alimenta sobre todo de larvas e moluscos acuáticos. O hábitat das beiras dos ríos da comarca resúltalle favorable, sendo un bo indicador da calidade das augas. Está catalogado como vulnerable pola UICN.

A libélula Oxygastra curtisii é outro insecto ligado ó medio fluvial, onde patrulla os tramos remansados con beiras soleadas que forman o seu territorio. Atópase en perigo, polo que está incluída nos anexos II e IV da Directiva Hábitats. Tense citado a súa presenza no río Mandeo.

A aguia pescadora (Pandion haliaetus) é a ave rapaz máis espectacular entre as que poden observarse facilmente na comarca. Acompáñana unha gran variedade de rapaces forestais e de espazos abertos.

O rascón de auga (Rallus aquaticus) atopa na ría de Betanzos un dos mellores enclaves de toda Galicia. Aínda que é difícil de ver por ocultarse no xuncal, detéctase facilmente polo seu queixoso canto. Na marisma acompáñano múltiples especies acuáticas, como o bilurico pativerde (Tringa nebularia), que utilizan o enclave como lugar de paso e de invernada nas súas migracións.

Outras aves son de escasa presenza, pero moi interesantes. Entre elas destaca a escribenta das canaveiras iberoccidental (Emberiza schoeniclus lusitanica), que habita soamente no occidente da Península Ibérica e da que se estima a súa poboación española en torno a 70 parellas, tendo sido citada a súa presenza en época de nidificación na ría de Betanzos.

A lontra (Lutra lutra) é a raíña do río Mandeo. Porén, é máis fácil observala nos amplos espazos da ría de Betanzos ou no encoro de Cecebre, onde incluso poden verse grupos familiares. Moito máis difícil de localizar, pero tamén amplamente distribuído por este río e protexido a nivel nacional, é o desmán ibérico (Galemys pyrenaicus). Ámbolos dous están incluídos no anexo II da Directiva Hábitats.

Coma no caso doutros mustélidos, o carácter nocturno do teixugo (Meles meles) faría a súa presenza indetectable, se non fora polos conspicuos sinais en forma de pegadas, fozadas e latrinas. É abundante no contorno da ría, onde saca partido da diversidade de hábitats e dos ecotonos que forman entre si, e nos que busca principalmente miñocas.

Nos regatos limpos, entre as raíces das árbores ou baixo as pedras, escóndese a saramaganta (Chioglossa lusitanica). Facilmente identificable pola súa longa cola e as dúas bandas cobreadas que percorren o seu corpo, este fermoso endemismo do noroeste peninsular presenta en Galicia unha parte significativa da súa poboación.

A ra dos regos (Rana iberica) é un endemismo do occidente peninsular. Atópase entre a herba ó pé dos regatos; algúns subadultos deambulan pola follasca do bosque caducifolio, onde a súa cor parda os fai pasar desapercibidos. Do mesmo xeito que a saramaganta, a súa situación está catalogada como vulnerable.

A inversión térmica dos escarpados vales fluviais da comarca, onde as zonas baixas presentan máis humidade e menor insolación que as altas, favorece a presenza da lagartixa da serra (Iberolacerta monticola). Estas poboacións a baixa altitude son especialmente singulares con respecto á súa distribución habitual, máis montana, polo que están protexidas pola lexislación galega.

Podemos atoparnos outros lacértidos, coma o lagarto arnal (Timon lepidus), xa ó límite norte da súa distribución habitual, pois está ligado a ambientes máis mediterráneos, ou o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi), que prefire hábitats máis húmidos con vexetación arbustiva. Non falta a víbora de Seoane (Vipera seoanei), aínda que non é fácil topar fortuitamente con ela.

Recursos

Enciclopedia virtual de los vertebrados españoles: Portal de información en liña sobre a historia natural dos vertebrados españois, da Sociedad de Amigos del Museo Nacional de Ciencias Naturales. Permite consulta-las fichas por especie, con indicacións sobre a súa distribución, hábitat, conservación, ecoloxía, etc., con posibilidade de descargalas en formato PDF.

Inventario Nacional de Biodiversidad: Nesta páxina web atópanse os atlas e libros vermellos da fauna e flora españolas, resultado deste proxecto do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Existe a posibilidade de descargalos en formato PDF, ben enteiros ou ben en fichas individuais de cada especie.

BIGA: A web da Asociación Biodiversidad en Galicia (BIGA) ofrece unha extensa galería fotográfica de plantas. Ademais permite descarga-los seus boletíns e algúns artigos en formato PDF.

Biodiversidade Galega: A páxina dedicada á biodiversidade na web da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia ofrece diversa información, incluíndo fichas descritivas de boa parte das especies ameazadas (poden descargarse en formato PDF).

Data publicación: 6-10-2010
Última modificación: 29-10-2018
>> Páxina seguinte: As especies ameazadas

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).