As árbores senlleiras

Árbores e formacións arbóreas catalogadas

Coa aprobación do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, a Xunta de Galicia quere protexer aquelas árbores e formacións boscosas catalogadas como singulares:

Terán a consideración de senlleiras as árbores e as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecentes de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Nos anexos do decreto figura a lista das árbores e formacións arbóreas catalogadas, ampliada posteriormente mediante diversas resolucións. No decreto tamén figura o modelo de solicitude de inclusión no catálogo de árbores senlleiras. Para os criterios aplicables, a web da Xunta de Galicia remite ó Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Para considerar unha árbore merecente de ser catalogada téñense en conta varias medidas. A altura tómase no lado superior da ladeira na que se atope. Para calcula-lo diámetro da copa faise a media entre o diámetro maior e o diámetro perpendicular a este. O tronco mídese en dous puntos: xusto no pé tómase o perímetro basal, sendo o perímetro normal o medido a 1,30 metros do chan polo lado superior da ladeira.

Na bisbarra están catalogadas unha ducia de árbores senlleiras

Comecémo-la revista das árbores senlleiras da bisbarra no pazo de Mariñán. Situado ó pé da ría de Betanzos, no concello de Bergondo, concéntranse na súa finca varias árbores e formacións catalogadas. A construción deste pazo remóntanse ós séculos XIV e XV, sendo o conxunto arquitectónico actual de finais do XVIII. Os xardíns teñen a súa orixe nese século, presentando unha grande diversidade e monumentalidade. Declarado conxunto histórico-artístico, actualmente pertence á Deputación da Coruña e pódese visitar.

Os mirtos (Myrtus communis) do pazo plantáronse hai 130 ou 160 anos. Considerada a colección de mirtos máis valiosa de Galicia, presentan unha grande variedade en formas e tamaños. Os de maior altura superan os 5 metros e chegan a ter troncos de até 1,30 metros de perímetro.

Nos xardíns do pazo dominan os plátanos de sombra (Platanus x hispanica), pois suman medio centenar e moitos deles teñen máis de 40 metros de altura, con copas que van dos 20 ós 26 metros de diámetro. Estímase a súa idade entre 100 e 125 anos e presentan troncos cunha enorme base (nalgúns casos pasan dos 7 metros de perímetro), variando o perímetro normal entre os 5 e os 6 metros.

Os eucaliptos (Eucalyptus globulus) do pazo son seguramente os máis antigos de Galicia, pois naceron das sementes traídas de Australia por Frei Rosendo Salvado na segunda metade do século XIX, segundo certas fontes documentais. A pesar da súa antigüidade, non son os máis altos de Galicia, pois apenas superan os 46 metros.

Entre os plátanos de sombra e os eucaliptos medra dereitiña dende hai 100 anos unha pacana de Illinois (Carya illinoensis). Os seus 31,10 metros de altura fana merecedora da cualificación de se-la de maiores dimensións de Galicia, aínda que o diámetro da copa quédase en 10 metros. Na base do tronco presenta un perímetro de 4 metros, estreitándose até os 2,60 metros na altura normal. Como indica o seu nome, é unha especie procedente de Norteamérica.

A pesar de que o érbedo (Arbutus unedo) é unha árbore pequena e que habitualmente presenta porte arbustivo, o exemplar do pazo ten unha altura de 10,9 metros. Estímase a súa idade entre os 130 e os 160 anos, cifra moi elevada para esta especie. O tronco está oco, medindo no pé 4,12 metros de perímetro, baixando a 2,40 na altura normal. A copa ten un diámetro de 5,45 metros. Está considerado como o de maiores dimensións de Galicia. Aínda que é unha especie autóctona, a súa distribución habitual é de clima máis mediterráneo, polo que sorprende aínda máis o seu tamaño.

Preto de Mariñán, no pazo do Casal, situado en Santa Marta de Babío, está catalogada unha sequoia xigante (Sequoiadendron giganteum). As orixes do xardín actual se remontan ó ano 1853, cando se acometeu un ambicioso proxecto de axardinamento, con ricos elementos construtivos, dotándoo dunha abondosa e variada flora. A idade desta sequoia estímase entre os 100 e os 150 anos, tempo no que acadou unha altura de 30,50 metros. O perímetro do tronco mide 12,30 metros na base, para logo quedar en 9,60 metros na altura normal, sendo o diámetro da copa 23,80 metros. Aínda que espectacular, pode considerarse un exemplar pequeno, pois esta especie, procedente do oeste de Norteamérica, é a de meirande altura do mundo: chega a supera-lo teito de 100 metros, cunha lonxevidade superior ós 2.000 anos.

Seguindo no concello de Bergondo, na parroquia de Santa María de Guísamo atopámo-lo teixo (Taxus baccata) do arruinado pazo de Baldomir. É a última testemuña do esplendor deste pazo, obra de principios do século XVIII e cualificado hai unhas décadas como un dos máis fermosos de As Mariñas. Con 17,40 metros de altura, está considerado como o de maior altura de Galicia. O perímetro do tronco na base é de 4,85 metros, pero como ramifica moi baixo, o perímetro na altura normal sobe a 6,20 metros, tendo a copa un diámetro de 22,15 metros. Estímase que ten unha idade de 100 a 200 anos, polo que pode considerarse un exemplar novo, tendo en conta que chegan a supera-los dous milenios. É unha especie autóctona, aínda que pouco abondosa en Galicia.

Xa no veciño concello de Sada, no pazo de Meirás, construído a finais do século XIX pola insigne escritora Emilia Pardo Bazán, sobrevive unha especie realmente exótica: un cocoteiro de Chile (Jubaea chilensis). Esta especie é orixinaria da zona máis austral dese país, e se atopa en perigo de extinción. A súa idade estímase entre os 100 e os 125 anos, contando cunha altura de 17,30 metros, o que a converte nunha das palmeiras máis altas de Galicia. A diferenza do habitual, o perímetro na base é inferior ó da altura normal, pois pasa de 3,50 metros a 3,70 metros. A copa ten un diámetro de 11 metros.

O castelo de Santa Cruz álzase nas augas da ría da Coruña, na illa da que recebe o nome. Foi mandado construír no ano 1594, para defensa fronte os ataques da piratería inglesa. No seu frondoso xardín aparece catalogado un piñeiro insigne (Pinus radiata). Esta especie é orixinaria da baía de Monterrei, en California, sendo usada frecuentemente nas repoboacións forestais. Con 24,60 metros de altura, está considerado o exemplar galego de maiores dimensións. Estímase a súa idade entre 100 e 200 anos, medindo o diámetro da copa 23,50 metros. O perímetro do tronco na base é de 6 metros, baixando a 5,27 na altura normal.

Preto do castelo, no xardín do Centro Cultural de Santa Cruz, medra un ombú (Phytolacca dioica). Procedente de Sudamérica, é unha árbore que non se atopa frecuentemente nos xardíns galegos. Este exemplar, cunha idade de entre 100 e 125 anos, presenta un pé do que saen seis troncos, que teñen entre 2,60 e 5,22 metros de perímetro. A súa copa ten un diámetro de 20 metros e ten unha altura de 13,30 metros. Considérase unha das árbores máis espectaculares da xeografía galega.

Nun monte a carón do punto quilométrico 14 da estrada N-651, na parroquia de Leiro (Pontedeume), atópase un magnífico piñeiro bravo (Pinus pinaster) de idade estimada entre os 100 e os 125 anos. Ten unha altura de 36,20 metros, destacando o seu tronco libre de pólas que, como é habitual na especie, van caendo segundo vai medrando. O perímetro na base é de 5,40 metros, quedando en 4,10 metros o perímetro normal. A copa ten un diámetro medio de 12,16 m.

Aínda que non está catalogada, a sobreira (Quercus suber) de Santa Cruz de Mondoi (Oza dos Ríos), ligada ó pazo do século XVI que recibe o mesmo nome, é unha árbore singular. O perímetro do seu tronco na base supera os 6 metros e a súa altura está próxima ós 20 metros. Coñecida localmente como corticeira, atópase nunha zona bastante setentrional para a distribución habitual da súa especie. De feito, soamente catro sobreiras figuran no catálogo galego, tres delas situadas na provincia de Pontevedra e a outra no sur da provincia de Lugo.

Recursos

Listaxe de árbores senlleiras: Relación das árbores e formacións arbóreas catalogadas na web da Xunta de Galicia. Lamentablemente non vai acompañada de información respecto a onde se atopa cada árbore e o motivo da súa singularidade.

Árbores e formacións senlleiras de Galicia: Neste libro podemos atopa-las fichas cos datos das árbores e formacións arbóreas catalogadas, acompañadas de coidadas fotografías, ademais de información acerca dos pazos, xardíns e lugares nos que se localizan. Os autores do texto son Antonio Rigueiro Rodríguez, José Gaspar Bernárdez Villegas e Carlos Rodríguez Dacal, sendo as fotografías de Miguel Ángel Montero Vaz (Xunta de Galicia, 2008).

Árboles monumentales en el patrimonio cultural de Galicia: Nesta voluminosa obra de Carlos Rodríguez Dacal e Jesús Izco (Xunta de Galicia, 2007) atoparemos información sobre algunhas árbores senlleiras non catalogadas ou que o foron posteriormente coa ampliación do catálogo, polo que non figuran na obra citada anteriormente.

Data publicación: 6-10-2010
Última modificación: 29-10-2018
>> Páxina seguinte: As especies invasoras

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).