Kampagnen

Die neue Herausforderung besteht darin, 350.000 m2 überschreiten

Es tut uns leid, diese Seite ist noch in Arbeit! Die Ehrenamtlicher von Fragas do Mandeo arbeiten in ihrer Freizeit, um Ihnen die deutsche Version so bald wie möglich anbieten zu können. Statt dessen bieten wir Ihnen die galicische Version an.

No ano 2013 Fragas do Mandeo deulle un forte pulo á adquisición de parcelas de monte co obxectivo de conserva-los seus valores naturais a perpetuidade. De feito, no primeiro semestre do ano mercou máis de 50.000 m2. De novo no 2015 logra un gran impulso, pois un acordo de cesión de varias parcelas por 50 anos Gráfico de tipo de acordospermítelle duplicar a extensión xestionada.

Actualmente custodiamos 308.377 m2 de monte repartidos en cinco zonas, dos que 145.754 m2 o son en propiedade, 14.760 m2 arrendados e 147.863 m2 cedidos polos seus titulares.

Espenuca

O monte da Espenuca está no concello de Coirós (A Coruña). Ó seu pé descorre o río Mandeo por un profundo val no que se atopa o afamado lugar de Chelo. O cumio é un miradoiro natural que observa toda a bisbarra, pero actualmente as vistas cara ó norte están cegadas polos eucaliptos que medran diante del. Na croa do monte aséntase a igrexa de Santa Olalla (século XII) e na súa aba se sitúan os Pedregás, o Bocelo, o Picouto Pequeno… Conta para doazóns:
ENTIDADE: Abanca
IBAN:          ES50 2080 0096 1130 4000 6618
BIC:             CAGLESMMXXX

Fragas do Mandeo posúe parcelas por todos estes lugares, dende a beira do río até o cumio do monte. Suman actualmente 154.506 m2, dos que 86.666 m2 o son en propiedade e o resto cedidas por 50 anos, o que nos permite eliminar nelas os eucaliptos e resto de vexetación foránea. Desta maneira mellorarémo-las vistas do miradoiro, a paisaxe do monte e as fragas autóctonas nas que vive o máis de medio cento de especies de flora e fauna ameazada da nosa bisbarra.

Ois

Na parroquia de Santa María de Ois, onde o concello de Coirós linda co de Aranga, Fragas do Mandeo iniciou outro foco de custodia cando un veciño cedeunos por 20 anos un monte que está na beira do río Mandeo. As parcelas coas que contamos actualmente nas dúas parroquias de Ois, Santiago e Santa María, suman 53.254 m2, dos que 23.462 m2 o son en propiedade. Como todas lindan co río, forman parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Lesa

Mediante un acordo de custodia do territorio, o Concello de Coirós cedeulle a Fragas do Mandeo por 50 anos o uso e a xestión de tres parcelas lindeiras de titularidade municipal no monte de Pedra Partida, na parroquia de Santa Mariña de Lesa. Suman unha superficie de 50.231 m2 que conforman a reserva de anfibios do Catorce.

Aranga

Fragas do Mandeo recibiu en doazón dúas parcelas de monte que suman 2.464 m2 de superficie na beira dereita do río Mandeo, preto de Pousadoiro, no concello de Aranga. Non forman parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, pero están situadas na zona proposta oficialmente para a súa ampliación polo valor dos seus bosques de ribeira e de ladeira.

Mendo

Na ribeira do río Mendo, dentro do concello de Oza-Cesuras, Fragas do Mandeo ten mercado varias parcelas que suman 28.746 m2 de superficie, ás que se engade outra de 14.760 m2 que ten arrendada ó Banco de Terras de Galicia mediante un contrato prorrogable até 30 anos. Aínda que non forman parte dun espazo natural protexido, as fincas posúen un gran valor ambiental, pois presentan un bosque de ribeira ben desenvolvido ―cualificado como hábitat prioritario― que medra nun solo hidromorfo enchoupado gran parte do ano.

Sobrado dos Monxes

Fragas do Mandeo é propietaria de dúas parcelas na ribeira da lagoa de Sobrado. Presentan vexetación autóctona e suman 4.416 m2 de superficie. Nunha delas está instalado o observatorio ornitolóxico. Estas parcelas foron cedidas no ano 2010 como dotación fundacional por parte da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). As mantemos en bo estado de conservación e non temos previsto amplia-la superficie proximamente.

¿Paréceche pouco?

Sempre parece insuficiente o que se leva avanzado cando se pensa nas necesidades de conservación dos espazos naturais e das especies que os habitan.

Por iso animámosche a colaborar para que estas cifras sigan medrando a bo ritmo e podamos cruzar canto antes esa meta dos 300.000 m2 de superficie. Calquera achega, independentemente do seu importe, permitirá seguir avanzando na conservación dos nosos bosques. Fragas do Mandeo garánteche que o 100% da túa doazón se destinará a mercar unha nova parcela e informarémosche da superficie mercada coa túa axuda.

Na sección Colabora tes tódolos datos necesarios para face-la túa achega. Se precisas máis información, na sección Contacto atoparás o noso teléfono e correo electrónico.

¡Bótanos unha man! Soamente coa axuda de todos poderemos logralo.

Veröffentlichungsdatum: 6-10-2010
Letztes update: 25-2-2024
>> Nächste Seite: Eukalyptenfrei

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).