As fundacións de interese galego

¿Cales son as súas vantaxes para a custodia do territorio?

Entre as entidades que practican a custodia do territorio existen tanto asociacións coma fundacións. ¿Cal das dúas figuras xurídicas é a máis axeitada? No caso de crear unha nova entidade que se vai dedicar exclusivamente á custodia do territorio, convén medita-la resposta. Isto é o que fixemos en Fragas do Mandeo.

As asociacións son agrupacións de persoas para o desenvolvemento estable de actividades colectivas. A súa independencia con respecto do Estado, das empresas e dos partidos políticos, xunto coa súa autonomía de goberno, convérteas en entes flexibles, ideais para a persecución de cometidos temporais que interesan ós socios, xa sexan constituíntes ou non.

As fundacións caracterízanse pola existencia dun patrimonio comprometido cun obxectivo específico que debe ser de interese xeral. Isto dótaas de estabilidade e fainas máis proclives á persecución de cometidos permanentes, máis alá da vida do fundador.

Fragas do Mandeo foi declarada fundación de interese galego o 15 de novembro de 2010

As fundacións difiren das asociacións polo seu carácter patrimonial e persoal, respectivamente. Isto leva a que teñan distintas formas de organización, de réximes económico-fiscais e de procesos de disolución.

Parece claro que a figura xurídica que máis lle acae a unha entidade de custodia do territorio como Fragas do Mandeo é a de fundación, pois os seus bens pasan a estar vinculados definitivamente ós fins da custodia que foron establecidos no momento de crea-la entidade. Deste xeito, as fincas, e calquera outra propiedade, quedan permanentemente vinculadas por unha servidume, e os doantes teñen unhas garantías sobre o futuro desas propiedades adquiridas coas súas doazóns, que non terían no caso de que a entidade de custodia fora unha asociación.

Bases legais das fundacións de interese galego

As fundacións de interese galego están rexidas pola Lei 12/2006, de 1 de decembro, de fundacións de interese galego. Esta lei pretende regular estas fundacións coa finalidade de fomenta-la súa creación, o seu desenvolvemento e a súa adscrición ó ámbito de Galicia, favorecendo a consecución de fins de interese xeral.

No seu preámbulo recóllese:

“Resulta imprescindible destacar a institución das fundacións como un instrumento adecuado de participación da sociedade galega na acción social, cultural, científica e doutros ámbitos, o que se manifesta como unha expresión creativa do ánimo altruísta e solidario dos seus membros. En definitiva, son entidades non lucrativas cun papel propio e diferenciado dentro do marco do Estado social e democrático de dereito. Así, cómpre recoñecer a importancia vital das fundacións neste eido, como medio fundamental de coparticipación e de colaboración da cidadanía no sector público.”

Posteriormente, define estas entidades do modo seguinte:

“Son fundacións de interese galego aquelas organizacións constituídas sen fin de lucro que, por vontade dos seus creadores, teñan afectado de modo duradeiro o seu patrimonio á realización de fins de interese xeral para Galicia e desenvolvan principalmente as súas actividades e teñan o seu domicilio no territorio da comunidade autónoma.”

Entre os numerosos fins de interese xeral establece o de:

“defensa do medio natural de Galicia.”

As garantías sobre os bens da fundación

A lei garante o destino dos fondos obtidos pola entidade, pois regula que:

“Deberase destinar á realización dos fins fundacionais polo menos o 70 por cento das rendas e dos ingresos obtidos, por calquera título ou causa, logo de deducir os gastos realizados para a obtención de tales rendas e ingresos.”

No caso de extinción da entidade, ós bens da fundación daráselles o destino previsto polo fundador, establecéndose nos estatutos de Fragas do Mandeo que:

“Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou ás entidades non lucrativas privadas ou públicas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, incluso para o suposto de disolución, á consecución daqueles, e que estean consideradas como entidades beneficiarias do mecenado, ou a entidades públicas de natureza non fundacional que persigan fins de interese xeral.”

A xestión do padroado

O responsable de acada-los fins da fundación é o padroado:

“Correspóndelle ao padroado cumprir os fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e os dereitos que integran o patrimonio da fundación, mantendo o seu rendemento e a súa utilidade.”

Esta responsabilidade está claramente determinada na lei, pois determina que:

“Os patróns responderán solidariamente fronte á fundación dos danos e das perdas que causen por actos contrarios á lei ou aos estatutos, ou polos actos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo.”

Os compoñentes do padroado deben moverse por fins altruístas, xa que non poden percibir ningunha remuneración económica polo seu cargo:

“Os membros do padroado exercerán o seu cargo gratuitamente, sen que poidan percibir ningunha retribución, nin en cartos nin en especie, por desempeñaren as súas funcións.”

A supervisión do protectorado

O correcto funcionamento da entidade e a dilixencia na xestión realizada polo padroado están garantidos pola supervisión que fai a Xunta de Galicia a través dun protectorado:

“O protectorado é o órgano administrativo de asesoramento, apoio técnico e control das fundacións que velará polo exercicio correcto do dereito de fundación e pola legalidade da súa constitución e funcionamento.

O protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.”

Outras normativas

Esta lei vese complementada polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego e polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Así mesmo, tamén se ven rexidas polas disposicións que lle sexan aplicables da Ley 50/2002, de 26 de diciembre, de Fundaciones, pola Ley 49/2002, de 23 de diciembre de Régimen Fiscal de las Entidades Sin Fines Lucrativos y de los Incentivos Fiscales al Mecenazgo, e polo Real Decreto 1270/2003, de 10 de octubre, por el que se aprueba el Reglamento para la aplicación del Régimen Fiscal de las Entidades Sin Fines Lucrativos y de los Incentivos Fiscales al Mecenazgo.

Data publicación: 6-7-2010
Última modificación: 16-5-2012
>> Páxina seguinte: Doazóns responsables

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).