Campañas

Adquisición dunha finca no río Mendo

Nestas datas estamos acometendo unha campaña de captación de fondos para adquirir terreos no entorno do río Mendo.

Soamente un pequeno tramo deste río está dentro do espazo protexido LIC Betanzos-Mandeo. Precisamente os terreos que nos interesan están fóra del. Caracterízanse por seren hidromorfos, o que traducido a linguaxe común significa que están encharcados e saturados de auga a maior parte do tempo, producíndose unha serie de fenómenos físico-químicos característicos.

Conta para doazóns:
2080-0096-11-3040006618 de Novagalicia Banco

Nestas fincas medra un bosque de ameneiros ben desenvolvido nun chan case permanentemente asolagado. A abundancia de auga favorece a presenza de diversa fauna, na que destacan os numerosos anfibios (rás, limpafontes, etc.) e invertebrados. É a única zona no Mendo destas características, o que lle confire singularidade local.

Nunha das parcelas permanecen en pé as ruínas dun vello muíño. A reconstrución da súa cuberta permitiría dispor dun refuxio para senderistas e pescadores, e a limpeza da canle facilitaría a creación dunha micro-reserva acuática.

Fragas do Mandeo vai destinar gran parte da dotación fundacional en efectivo a mercar parcelas nesta zona. Pero non chega para adquirilas todas. Como son de pequeno tamaño, esperamos poder ir mercándoas pouco a pouco.

Os propietarios xa están identificados e os contactos previos iniciados. Como sempre, as negociacións do prezo van levar algo de tempo.

Contamos co teu apoio. Na sección Colabora podes ve-la maneira de subscribirte ou de facer unha doazón puntual.

¡Bótanos unha man! Soamente coa axuda de todos poderemos logralo.
 
 

Data publicación: 6-10-2010
Última modificación: 18-5-2012
>> Páxina seguinte: Testemuñas