Como traballamos

A custodia do territorio na práctica

Aínda que Fragas do Mandeo é unha entidade nova (foi fundada en xullo de 2010), o ritmo de crecemento e actividade son constantes dende os seus modestos inicios.

Naceu centrada na conservación dos espazos naturais da comarca coruñesa de As Mariñas, tendo como obxectivo “realizar labores de custodia do territorio con fins de conservación da paisaxe e dos ecosistemas naturais, coa súa fauna, flora e xea asociadas, así como fomenta-la custodia do territorio como fórmula para protexe-la natureza e promove-la súa conservación”, tal como recollen os seus estatutos.

Consecuentemente, a súa principal liña de acción foi crear o fondo de conservación da natureza que lle permite chegar a acordos de custodia do territorio. Deste xeito pode conservar parcelas de alto valor ambiental, principalmente situadas no entorno do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo.

Custodiando hábitats naturais

Practicamente a totalidade do territorio da nosa bisbarra é privada. O extremo minifundismo dificulta enormemente chegar a acordos de custodia que compatibilicen a explotación agrícola, gandeira ou forestal das fincas coa conservación dos seus valores naturais. Xa que logo, cando queremos actuar nun monte para preservar ou mellora-lo seu estado ecolóxico, precisamos adquirir dereitos sobre el.

Na meirande parte dos casos Fragas do Mandeo chega a acordos de compravenda, os cales lle permiten destina-las parcelas á conservación dos seus hábitats naturais a perpetuidade. Pero tamén custodia parcelas que os seus propietarios doáronnolas ou cedéronnolas por longos períodos de tempo. Nos casos de parcelas de titularidade pública, onde non é factible a compravenda, utilizáronse outras fórmulas: a sinatura dun convenio co Concello de Coirós e o arrendamento dunha parcela ó Banco de Terras de Galicia.

Doadores e voluntarios son os dous motores da nosa actividade

Todos estes tipos de contratos (compravenda, doazón, cesión, convenio, arrendamento) son distintas maneiras de formaliza-los acordos de custodia do territorio. Grazas a eles podemos intervir directamente nas parcelas e xestionalas con criterios conservacionistas.

En moitos dos montes custodiados medran fragas novas en relativamente bo estado de conservación. Aquí, o acordo de custodia permítenos conservalas de maneira que no futuro cheguen a formar bosques maduros, con árbores vellas que xogan un papel ecolóxico moi importante. Na nosa bisbarra non existen bosques deste tipo, pois antes de acadaren a madurez son cortados para facer leña ou para plantar árbores exóticas. Adicionalmente, o acordo de custodia posibilítanos o actuar de inmediato cando aparecen espontaneamente especies foráneas como os eucaliptos e as acacias.

Noutros casos o que atopamos na parcela que custodiamos é un eucaliptal. Aínda que o seu valor ecolóxico e paisaxístico está claramente diminuído, o acordo de custodia facúltanos a proceder radicalmente: transformámola nunha fraga. Deste xeito logramos aumenta-lo hábitat dispoñible para a biodiversidade local. Ademais, como moitos destes eucaliptais están rodeados de bosque autóctono, tamén lle damos continuidade paisaxística á zona e evitámo-los aspectos negativos do que os ecólogos denominan efecto de borde (cambios que ocorren no límite entre dous hábitats), entre eles o máis obvio que é a expansión espontánea do eucaliptal.

Apadriñando os ríos e a costa

Para poder xestionar un tramo de río ou de costa habería que chegar a un acordo de custodia do territorio cos organismos responsables da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa e da Demarcación de Costas en Galicia, respectivamente. Tería que ser formalizado mediante un convenio plurianual, tal como estipula a Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad.

Aínda que Fragas do Mandeo ten explorado esa opción, a realidade é que no territorio galego a Administración aínda non ten asinado ningún convenio deste tipo. Xa que logo, facemos uso doutra posibilidade: o apadriñamento. A diferenza do acordo de custodia do territorio, no que se obrigan mutuamente o titular e a entidade de custodia, no apadriñamento soamente media unha autorización administrativa de carácter anual onde se especifican as actividade que se permiten realizar e o xeito de acometelas.

Fragas do Mandeo apadriña actualmente tramos dos ríos Mandeo e Mendo, a lagoa de Sobrado, a marisma de Betanzos e as praias da Alameda e Grande de Miño. Para poder actuar nestes espazos, tódolos anos solicitamos unha autorización para eliminar especies exóticas invasoras de fauna e flora —así como para a recollida do lixo— ós distintos organismos implicados. Unha vez rematadas as actuacións, presentamos o correspondente informe, no que sempre aconsellamos futuras actuacións para a mellora dos nosos espazos naturais.

Doadores e voluntariados

A clave do éxito de Fragas do Mandeo son os seus doadores e voluntarios.

Son as modestas doazóns dos nosos simpatizantes o que nos permite mercar constantemente parcelas de interese ambiental. De feito, garantímoslles que a integridade das súas achegas será destinada a paga-lo prezo das parcelas. Os outros gastos aparellados, como as facturas da notaría ou do rexistro, pagámolas cos ingresos procedentes dos rastrillos que organizamos de cando en vez. Neles poñemos á venda artigos (libros, xoguetes, bixutería, obxectos de regalo, etc.) que tamén nos doan os nosos simpatizantes.

Para os traballos de restauración ambiental, de erradicación de especies exóticas invasoras ou de recollida de lixo botamos man do voluntariado ambiental, así como de diferentes colectivos e asociacións que colaboran connosco. Tamén son voluntarios os que localizan as parcelas e os seus propietarios, negocian as compras, atenden os rastrillos, administran a nosa entidade, manteñen a nosa páxina web, dan charlas sobre custodia do territorio ou divulgan os valores naturais da nosa bisbarra, pois non podemos permitirnos ter persoal asalariado.

E non podemos esquecer a todos aqueles especialistas das ciencias naturais e doutros ámbitos que nos están a asesorar altruístamente en todo momento para sermos máis eficaces.

A natureza precisa de todos nós

O volume das actuacións de conservación que necesita a nosa bisbara require de máis doadores e colaboradores dos que temos actualmente. Por iso, ¡a túa axuda é imprescindible!

Se queres colaborar economicamente ou participar activamente non deixes de poñerte en contacto connosco. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Data publicación: 6-10-2010
Última modificación: 6-5-2015
>> Páxina seguinte: Localización

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).