Falando de custodia en Carral

3 Febreiro 2023

 
Foto do cartelHoxe achegámonos a Carral invitados polo seu concello. Como parte do programa Películas documentais galegas, na Casa da Cultura proxectouse Eucalyptus, de Elena Flores e Miguel Souto.

O motivo de invitarnos a participar no coloquio posterior foi que neste documental aparecemos nunha breve entrevista. Acompañáronos os colegas de Brexa, a asociación local de custodia do territorio. Entre as dúas entidades ofrecémo-la nosa perspectiva sobre o bosque autóctono, a maneira de abordar a súa recuperación e as accións que estamos realizando para avanzar, aínda que sexa paseniñamente, nese obxectivo. O público amosou o seu interese a través das numerosas preguntas, prolongándose o acto até ben tarde, polo que consideramos ter transmitida a nosa visión satisfactoriamente.


Coirós gaba o noso esforzo

21 Xaneiro 2023

 
Hoxe acudimos por segundo ano ó acto no que o Concello de Coirós fai entrega das axudas anuais ás entidades activas no seu termo municipal. Aparte do recoñecemento implícito na achega económica, o alcalde tivo a amabilidade de gabar ante o público o noso traballo.

Unha importante vantaxe destas axudas é que non están ligadas a proxectos concretos, polo que podemos destinalas a aquelas necesidades de actuación que van xurdindo ó longo do ano nas parcelas que custodiamos. Isto as fai moito máis versátiles que outras subvencións ―tanto públicas como privadas― nas que, por ser finalistas, non existe esa flexibilidade.

Agradecemos ó Concello de Coirós o seu continuado apoio, único na bisbarra, no que hai que salientar os convenios de custodia asinados nos anos 2015 e 2016. Grazas a eles realizamos actuacións tan significativas como a recuperación do bosque autóctono no monte da Espenuca ou a creación da Reserva de Anfibios do Catorce.


Ano que remata, ano que empeza

1 Xaneiro 2023

 
Cando remata o ano ábrese un período de reflexión e, desgraciadamente, de moito traballo administrativo. O primeiro de todo é facer balance: Pode resumirse o que temos feito durante o 2022 en que retiramos nos espazos naturais da nosa bisbarra un total de 6,4 toneladas de biomasa de 22 especies exóticas distintas, principalmente nos ríos e nas praias. Con respecto á recollida de lixo, foron 8,7 toneladas, sobre todo na xunqueira da ría de Betanzos; neste resultado foi clave o papel da lancha que mercamos a mediados de ano. No que toca a superficie custodiada, as adquisicións realizadas permitiron ampliar a superficie en 7.581 m2.

O segundo son as tediosas tarefas de facer trámites e redactar informes. O máis importante delas é trasladarlle á Axencia Tributaria neste mes de xaneiro a información sobre as doazóns recibidas, para que lles apareza ós nosos doadores a correspondente dedución na próxima declaración da renda.

Pero tamén será un período moi activo no monte. De feito, xa empezamos o mes pasado a preparar varias parcelas para reforestar con árbores autóctonas procedentes do noso viveiro.

Resumindo: Non podemos demorarnos moito mirando atrás, porque a natureza na nosa bisbarra precisa de actuacións decididas, constantes e pacientes, para así lograr deter o seu progresivo deterioro e avanzar na súa recuperación.

Se aínda non colaboras connosco, lembra que podes apoiarnos como voluntario, como doador, ou incluso das dúas maneiras. Deste xeito compartirás a nosa satisfacción por facer algo eficaz polo patrimonio natural da nosa bisbarra.


6 toneladas de lixo

25 Decembro 2022

 
Dende a súa botadura a mediados de agosto, a nosa lancha saíu tódalas semanas a navegar pola ría de Betanzos. A súa principal misión foi a de retirar lixo na xunqueira, co resultado de que esta semana superámo-lo fito de ter apañadas máis de seis toneladas de refugallos.

Foto da lanchaAs persoas que pasean habitualmente polo porto de Betanzos poden comprobar como zarpa a primeira hora da mañá rumbo á marisma, faga o tempo que faga, para logo volver a última hora cargada até os topes con sacos cheos de refugallos. Alí son pesados un a un, totalizando nestes momentos a cifra de 6.108,10 kg.

A recollida de lixo na xunqueira presenta varias dificultades, aparte dos condicionantes impostos polas mareas e a climatoloxía adversa. Os refugallos están moi dispersos, frecuentemente ocultos pola vexetación, o que fai que moitas veces soamente os localicemos polo ruído que fan ó pisalos. Nas canles, o esteiro entorpece tanto o tránsito como a recollida, especialmente cando son plásticos agrícolas grandes ou pezas de gomaespuma que están parcialmente enterrados na lama.

A natureza dos refugallos atopados no sector da marisma máis próximo a Betanzos apunta claramente a unha orixe urbana e á festa dos Caneiros. Soamente en zonas próximas ó Pedrido pode falarse de procedencia mariña, pois alí xa se atopan restos de artes de pesca e de actividades náuticas arrastrados polas mareas.

Foto de lixoA antigüidade dos refugallos chega a ser alta. Cando están ocultos entre a vexetación ou enterrados no esteiro, consérvanse íntegros, aparecendo envases que soamente se utilizaban hai catro décadas. Cando os plásticos levan moito tempo expostos á luz solar, desintégranse na man en cachiños ó intentar recollelos, transformándose en microplásticos. Os numerosos xabarís que transitan a marisma tamén esnaquizan moitos envases.

Os refugallos atopados son do máis variado. Destacan as botellas de vidro das máis diversas bebidas. Tamén as de plástico, moitas delas aínda con parte do seu contido orixinal. Sorprende a abundancia de pelotas e doutros xoguetes, entre eles numerosas pistolas de auga. Aparece moita roupa e calzado. Levadas polas mareas e o vento, as pezas de poliexpán están dispersas por toda a xunqueira. Tamén é salientable o elevado número de acendedores desechables, así como de pauiños de lambetadas e de bastonciños de limpeza dos ouvidos. Calquera obxecto cotián pode aparecer na xunqueira, por moi pesado que sexa.

Esta campaña, centrada na mellora ecolóxica da marisma, está sendo posible grazas ó noso voluntariado e ó apoio da Deputación da Coruña (esta entidade sufragará boa parte da adquisición da embarcación e dos seguros de voluntariado). Non vai finalizar co ano que está a piques de rematar, pois a cantidade de lixo acumulado na xunqueira vai precisar dunha actuación perseverante durante moito tempo.


Xornada de voluntariado o día 12 en Mariñán

7 Novembro 2022

 
Hai enclaves sobranceiros por coincidir neles altos valores patrimoniais de carácter ambiental e cultural, como é o caso de Mariñán. O pazo de Láncara (orixinalmente unha defensa do século XV) está declarado ben de interese cultural, os seus xardíns albergan árbores senlleiras e goza de magníficas vistas sobre unha zona da marisma onde se concentran as aves acuáticas.

Foto do voluntariadoPero o caso é que ten unha tacha. Na xunqueira diante do pazo abunda o lixo e, xusto a carón do muro da súa finca, medra un foco de especies exóticas invasoras composto por plumachos, uña de gato e palmitos. Xa temos retiradas 17 macollas de plumachos, pero aínda queda moito traballo.

Por este motivo convocamos unha xornada de voluntariado ambiental para o próximo sábado, co obxectivo de recoller todo o lixo que poidamos, elimina-la uña de gato e arrinca-los plumachos que quedan.

O punto de encontro será o pazo de Mariñán. Non te preocupes polas ferramentas, pero é conveniente que leves unhas luvas e botas de auga. Para evitar meter accidentalmente un xunco nun ollo recollendo lixo, leva gafas (de seguridade, de sol ou graduadas). Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Foto do voluntariadoSe queres axudar a mellorar o estado deste enclave, podes apuntarte enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Entrada ó pazo de Mariñán.
Data: Sábado 12 de novembro de 2022.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: Os dez participantes nesta xornada repartíronse en dous grupos. Un deles recolleu 256,4 kg de lixo na xunqueira; o outro arrincou as 5 macollas de plumachos que aínda quedaban, as cales pesaron 265 kg, ademais de 6 palmitos e 10 evónimos. Así demos por rematada a eliminación destas especies exóticas e a xunqueira quedou máis limpa do que estaba. Pero aínda queda traballo, pois non nos deu tempo a abordar a erradicación do foco de uña de gato.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Traballando baixo a choiva

31 Outubro 2022

 
Tras a longa seca estival que sufrimos este ano, chegaron as choivas. As correntes de borrascas non lograron paraliza-la nosa actividade, aínda que sen dúbida dificultaron varias das nosas actuacións nas últimas semanas.

Litoral: Dende a botadura inaugural da nosa lancha a mediados de agosto, temos saído con ela un día tódalas semanas para recoller lixo na xunqueira da ría de Betanzos. Nestes momentos levamos retiradas 3,5 toneladas de refugallos (3.464,80 kg, dos que 674,65 kg corresponden á eco-regata). Tamén arrincamos unha macolla de plumachos no carrizal da Cangrexeira e onte iniciámo-la eliminación do foco que está a carón do muro do pazo de Mariñán, onde arrincamos 8 macollas.

Reserva do Catorce: Ademais de repasa-las zonas onde reaparece a xunca olorosa, arrincando tódolos exemplares que naceron, realizamos varias tarefas de mantemento que foron demoradas pola pandemia: rexuvenecemento de charcas, roza de camiños interiores, limpeza de cunetas, redución do mato, poda de árbores, clareo de coníferas, etc. Con estas actuacións buscamos manter en bo estado os hábitats de reprodución dos anfibios e facilita-la accesibilidade dos que visiten a reserva.

Ríos: No río Mandeo xa rematámo-la recollida de lixo e a eliminación de invasoras trimestrais no treito de 7,6 km de ribeira que apadriñamos. Aínda que apareceu pouco lixo, permitiunos eliminar os dous incipientes focos de tradescantia que localizamos nesta ocasión, ademais de repasa-los vellos focos do balneario do Bocelo e da fábrica de luz do Zarzo. O día 22 fixemos unha xornada de voluntariado para percorrer boa parte deste tramo, na que participou un grupo de empregados de Inditex e familiares seus, conformado por 20 adultos e 8 cativos.

Viveiro: Non deixamos de atende-las numerosas árbores que medran no noso viveiro, de 16 especies autóctonas distintas, á espera de que chegue o día de plantalas no monte, aínda que coas choivas xa non é preciso estar tan pendentes delas coma no verán.

No próximo mes esperamos remata-la eliminación do foco de plumachos de Mariñán e as tarefas de mantemento na Reserva de Anfibios do Catorce, repasa-lo tramo apadriñado no río Mendo e volver ós montes que des-eucaliptizamos recentemente en Espenuca para acabar cos rebrotes de eucaliptos que teñan aparecido. Tamén temos previsto continuar coas saídas semanais na lancha para recoller lixo, mentres as inclemencias meteorolóxicas non o impidan. Como pode verse, traballo non falta cando se trata de conserva-la natureza.


Balance da IX Semana de Custodia

26 Setembro 2022

 
Onte rematou a novena edición da Semana de Custodia nas Mariñas. Xa que logo é un bo momento para meditar sobre os seus resultados.

Eco-regata: Arrancamos o programa o sábado día 17 coa celebración da sétima edición da Eco-regata da Ría de Betanzos. Nesta xornada de voluntariado ambiental participaron 33 persoas e seis embarcacións: do Pedrido viñeron O Petelo e Melgacho, de Betanzos as lanchas Sin Frenos, Rodando e Pesca, ás que sumouse a nosa embarcación. Finalizada a travesía, pesamos todo o lixo recollido na xunqueira, totalizando 674,65 kg. Entre os refugallos máis singulares pode citarse un coco, como se a marisma se localizara nos trópicos, e entre os máis voluminosos un lavabo. Na organización colaboraron asociacións do Pedrido (Club de Remo Olímpico do Mandeo e a Asociación Ría do Pedrido), de Paderne (Roxín Roxal) e de Betanzos (Amigos dos Ríos de Betanzos e Lar de Unta). A xornada rematou cunha magnífica cea de convivencia no porto, grazas á xenerosidade de Lar de Unta e de Roxín Roxal. Comercial Vicente de la Fuente colaborou proporcionando auga e electricidade. Con esta edición, podemos afirmar que as eco-regatas levan retirado da xunqueira máis de 80 metros cúbicos de lixo, sendo a única iniciativa que se toma en serio este problema que sofre a ría. Aínda así, o reto de chegar a limpala completamente está moi lonxe, tanto pola cantidade de refugallos coma pola súa enorme superficie.

Coloquio: O pasado xoves tivemos a ocasión de conversar co Dr. Joaquín Giménez de Azcárate, nun coloquio que titulamos Mergullándonos nos bosques mariñáns. A intervención deste profesor da Universidade de Santiago de Compostela emitiuse en directo por vía telemática, estando actualmente dispoñible en Youtube. Nesta longa entrevista fomos facéndolle preguntas sobre a composición dos nosos bosques, a súa relevancia e o seu estado de conservación. Abordouse nela a conveniencia de facer restauracións orientadas a obter unha maior biodiversidade. Como conclusión do coloquio está o recoñecemento da excepcionalidade dos nosos bosques, caracterizados por ser termófilos e desenvolverse en ambientes hiperoceánicos, de maneira que facilitan a presenza dunha flora nemoral con frecuencia relíctica, e consecuentemente salientando a imperiosa necesidade de conservar o pouco que nos queda deles e incluso de favorecer a súa ampliación.

Limpeza de ríos: Onte participamos na limpeza simultánea dos ríos galegos que convoca o Proxecto Ríos, cunha xornada de voluntariado ambiental na que participaron 20 persoas. Achegámonos até a ponte da Ermida, no río Mendo, para continuar retirando os refugallos que alí se acumulan dende hai décadas. Mentres uns enchían os sacos con lixo e as esportas con entullos, un grupiño dirixiuse ó rego das Bouzas en busca dunha roda de camión alí guindada, onde tivemos que organizarnos ben para subila pola elevada pendente da ladeira tirando dunha corda. Finalmente, o lixo apañado na xornada pesou 813,40 kg, cifra que sumaremos ó que recollemos percorrendo trimestralmente os 44 km de ribeira que apadriñamos nos ríos da nosa bisbarra para lograr mantelos limpos.

O obxectivo deste evento anual é o de difundir a necesidade de que os cidadáns se impliquen directamente na conservación do patrimonio natural da bisbarra. A través das conferencias buscamos informar sobre os seus valores e divulgar a importancia de conservalo; mediante as xornadas de voluntariado ofrece-la posibilidade de participar directamente en experiencias que avanzan na súa conservación con accións directas, eficaces e continuadas no tempo, favorecendo a vinculación emocional cos espazos protexidos. Xa que logo, aínda que o programa deste ano foi máis breve que en edicións anteriores, consideramos que o balance neto segue a ser moi positivo, pois cumprimos cos obxectivos.

¡Grazas a tódolos que botaron unha man para lograr este novo éxito!


1,4 Tm + 0,7 Tm = unha ría máis limpa

20 Setembro 2022

 
Hoxe, cando cumprimos un mes da botadura inaugural da nosa lancha, xa levamos retiradas con ela 1,4 toneladas de lixo (1.377,90 kg).

Foto da lanchaNa eco-regata do pasado sábado, os refugallos recollidos polas 33 persoas que participamos pesaron 0,7 toneladas (674,65 kg).

As contas son claras: Grazas ós esforzos realizados nos últimos trinta e un días, na marisma da ría de Betanzos hai 2,1 toneladas menos de lixo.

De paso tamén arrincamos unha vella macolla de plumachos que medraba entre os carrizos, pero non a pesamos por impedírnolo o seu enorme tamaño.

Esperamos que, entre as saídas semanais da lancha e as seguintes edicións da eco-regata, nun futuro próximo poidamos dicir que a ría está razoablemente libre de refugallos e de plantas invasoras.

Foto da eliminación dun plumachoCon isto non se solucionan tódolos problemas ambientais do noso estuario, pero indubidablemente mellorará o seu estado ecolóxico. Outros dos problemas que soporta, tales como a elevada contaminación microbiolóxica, a enorme invasión de ostra xaponesa ou as molestias causadas á fauna pola navegación a velocidade excesiva, xa están fóra das nosas capacidades de actuación.

Por ese motivo, moitas grazas a tódolos que nos botan unha man naquilo no que podemos avanzar.


Promovendo o voluntariado ambiental na mocidade

18 Setembro 2022

 
Imaxe do cartelHoxe estivemos presentes no II Encontro de Mocidade Voluntaria, organizado polo Concello de Oleiros en Mera. Os asistentes puideron achegarse ó noso posto informativo para coñece-lo que significa participar nunha xornada de voluntariado ambiental, podendo valorar as posibilidades de facer algo positivo e concreto polo noso patrimonio natural cooperando nas accións de restauración de hábitats que realizamos ó longo do ano.

Agradecemos a invitación a formar parte deste evento e felicitamos ó seus promotores pola excelente organización. Esperamos que as nosas propostas animen á xuventude a implicarse máis na protección da natureza.


A dez días da IX Semana de Custodia

7 Setembro 2022

 
Nos dous últimos anos non celebramos a Semana de Custodia por precaución, debido á delicada situación sanitaria. Dada a súa melloría, chegou o momento de retomar un evento que ten como misión difundir entre os cidadáns a necesidade de que se impliquen directamente na conservación do noso patrimonio natural a través da custodia do territorio, participando como voluntarios e doadores nas actuacións de mellora dos espazos naturais da nosa bisbarra.

Imaxe do cartel da IX Semana de Custodia do Territorio nas MariñasTitulamos o modesto programa deste ano como A natureza mariñán diante dun futuro incerto, pois as distintas manifestacións do agravamento da crise climática, nun contexto global de crise socio-política, auguran a chegada de tempos dramáticos. Por este motivo debemos prestarlle máis atención que nunca ós espazos naturais. Están a proporcionarnos uns servizos ecosistémicos que poden se-la clave para atenua-los efectos dos drásticos cambios medioambientais que se aveciñan. Pero iso soamente sucederá se os coidamos esmeradamente.

Por favor, descarga o programa e o cartel da Semana para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil, concello de residencia e actividades nas que desexas participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarasnos a organización.

Eco-regata na ría de Betanzos: Iniciámo-lo programa con esta multitudinaria recollida de lixo na marisma. Nas seis edicións anteriores enchemos dez contedores industriais, superando un volume total de 70 m3. Animamos a toda a cidadanía a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos, mentres outros voluntarios quedarán no porto axudando a descarga-los sacos de lixo. Colaboran na organización Amigos dos Ríos de Betanzos, Lar de Unta, Roxín Roxal, Club de Remo Olímpico do Mandeo e Asociación Ría do Pedrido. Tamén colaboran o Concello de Betanzos, Protección Civil e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha, indicando se vas embarcarte ou ben axudar no porto. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 17 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Mergullándonos nos bosques mariñáns: Como acto central da Semana programamos unha charla-coloquio co Dr. Joaquín Giménez de Azcárate. Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, forma parte do grupo de investigación Análise e Conservación da Biodiversidade. Para darlle maior audiencia, a charla deste botánico será difundida telemáticamente; para conferirlle máis amenidade, terá un formato de entrevista, na que bos coñecedores do estado do noso patrimonio natural interrogarano sobre distintos aspectos dos espazos protexidos da bisbarra e sobre a extraordinaria importancia de conservar as fragas e as turbeiras no contexto actual de crise climática.
Data: Xoves 22 de setembro, de 19:30 a 21:00 horas.
Lugar: Emisión telemática en directo (dispoñible posteriormente en diferido) a través de Youtube na sesión da conferencia.

Limpeza simultánea de ríos: Este ano é a decimoterceira edición da limpeza simultánea dos ríos galegos, que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a novena edición na que colaboremos. O ano pasado participamos 991 persoas e 67 entidades, logrando retirar máis de 14 toneladas de refugallos en treitos de ríos situados en 51 concellos. Este ano volveremos ó río Mendo para continuar recollendo lixo no entorno da ponte da Ermida. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 25 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Podemos permanecer como espectadores da degradación dunha natureza que constitúe o noso soporte vital, a modo de pasaxeiros incapaces de reaccionar ante o barco que se afunde. Pero tamén podemos ser actores que traten de alterar na medida das súas posibilidades o rumbo desta crise ambiental. A Semana de Custodia é un evento consolidado, único na zona, na que ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra atopan a oportunidade de actuar dun xeito directo, eficaz e coordinado na súa conservación.

¡Ti decides se queres ser actor ou espectador!

 
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).