Xornada de voluntariado na ría de Betanzos

18 Xuño 2023

 
Nunha recente visita de inspección á ribeira da ría de Betanzos, detectamos que rozaron un paso entre o mato, descubrindo unha elevada cantidade de lixo que estaba oculto entre a vexetación. Antes de que medre de novo, queremos recollelo.

Para non demoralo máis, temos programado para este domingo día 25 unha xornada de voluntariado ambiental. Será un traballo sinxelo en terreo chairo, apto para calquera, nun magnífico entorno dentro do espazo natural protexido Betanzos-Mandeo.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas. Non fai falla levar ferramentas, pero son aconsellables unhas luvas (mellor as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres botar unha man no mantemento deste espazo natural protexido, apúntate enviándonos un correo cos teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo 25 de xuño de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: A diferenza doutras ocasións, nesta xornada de voluntariado non pesamos no momento o lixo recollido, pois deixámolo amoreado na beira dunha canle. Uns días despois, cando a marea viva permitiu acceder á zona, fixemos catro viaxes coa lancha para transportalo, aproveitando para pesalo no porto de Betanzos. ¿Canto sumaron os refugallos recollidos polos 11 participantes desta xornada? 714,05 kg.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Mercamos unha parcela no río Mendo

15 Xuño 2023

 
Fotografía do título de propiedadeEsta tarde estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra dunha parcela situada nas inmediacións da nosa Reserva do Ollo da Roda, no termo municipal de Oza-Cesuras.

Con 4.530 m2 de superficie, a súa principal virtude está en lindar co río Mendo. Aínda que na beira do río conserva unha estreita banda de bosque de ribeira, era unha plantación de eucaliptos. Como xa están cortados, este inverno teremos que elimina-los rebrotes e reforestala con árbores autóctonas procedentes do noso viveiro, para así recupera-lo hábitat orixinal.

De novo temos que destacar que esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Malia as dificultades inherentes, esperamos seguir adquirindo parcelas para ampliar esta reserva, de maneira que poidamos protexer con eficacia o patrimonio natural do río Mendo.


Entrevista na televisión

15 Xuño 2023

 
Logo da Televisión de GaliciaEsta mañá a Televisión de Galicia estivo a gravar unha pequena reportaxe sobre os plumachos. Por ese motivo achegáronse á ría de Betanzos para que lles explicáramos os distintos métodos que se usan para eliminalos e lles fixéramos unha demostración diante da cámara. Despois de entrevistar ó noso presidente, desprazáronse á vila para recoller a opinión dos transeúntes sobre esta especie exótica invasora.

A entrevista emitiuse hoxe mesmo no programa Hora Galega.


Librando de invasoras a reserva do Catorce

15 Maio 2023

 
Dende que creámo-la Reserva de Anfibios do Catorce estamos intentando librala totalmente de especies exóticas invasoras. Pero hai unha que se nos está resistindo: a xunca olorosa. Tras arrincar en repetidas ocasións esta planta de orixe americana, pouco a pouco logramos reduci-la súa presenza, polo que estamos máis preto de erradicala.

Foto de xunca olorosaOs exemplares que naceron esta primavera están empezando a florecer. Debemos arrincalos antes de que maduren as sementes e se espallen. Por esta razón temos programada unha xornada de voluntariado ambiental para o próximo domingo día 21, co obxectivo de arrincar tódolos exemplares que localicemos. É unha tarefa doada nun enclave de fácil acceso, apta para calquera.

Coma habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto (o máis conveniente son as botas de auga, pois o solo aínda está algo húmido). Non esquezas algo de picar e beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar a conservar este lugar de reprodución de 11 especies de anfibios, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 21 de maio de 2023.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Obxectivo cumprido. As 15 persoas que participamos nesta xornada de voluntariado logramos eliminar tódolos exemplares de xunca olorosa que atopamos na reserva. A súa biomasa pesou un total de 165,4 kg. Comparando este resultado co do ano anterior, hai que salienta-la notable redución da súa poboación, pois daquela levounos tres xornadas retirala, pesando a biomasa algo máis do triplo (534,25 kg). A finais de verán teremos que facer un segundo repaso, para arrinca-los exemplares que teñan nacido xa avanzada a estación. Pero este resultado dá esperanzas de acadar nun futuro próximo a total erradicación desta invasora na reserva, do mesmo xeito que xa o temos logrado con outras especies.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Xornada para que medren as árbores

7 Maio 2023

 
Durante o primeiro trimestre deste ano reforestamos varias parcelas, plantando un total de 518 árbores de 14 especies autóctonas distintas. Unha delas é a parcela situada a carón da capela da Espenuca (Coirós), onde complementamos o que xa estaba medrando con aínda máis árbores. Dende que a libramos de eucaliptos no ano 2015, pouco a pouco estamos logrando convertela nunha fraga cun alto grado de diversidade arbórea.

Foto da xornadaNo último mes teñen medrado moito os fieitos, superando en altura ás árbores que plantamos. Corren o risco de quedar enterradas baixo os fieitos, vendo así comprometido o seu futuro.

Por ese motivo programamos para este domingo día 14 unha xornada de voluntariado, na que cortaremos os fieitos que limitan o seu crecemento. Non é un traballo especialmente difícil, pero o terreo ten algunha pendente.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas. No caso de que decidas ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente. Temos poucas ferramentas, xa que logo, se podes, leva algún instrumento de corte (gabillo, fouciña, tesoira de podar, etc.) e unhas luvas de coiro. Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres botar unha man participando nesta xornada, e de paso coñecer como rexeneramos os montes, podes apuntarte enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo 14 de maio de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: Os doce participantes nesta xornada de voluntariado puideron comproba-lo conveniente do seu traballo. Os fieitos estaban moi altos, incluso dificultando a localización das árbores recentemente plantadas (nas próximas ocasións teremos que vixiar mellor o momento axeitado, adiantando esta tarefa). Grazas ó seu esforzo, en boa parte da parcela as árbores poden volver a ver a luz e non soportarán o peso dos fieitos cando se deiten. Xa no día seguinte, tres persoas continuaron o traballo, co obxectivo de rematar canto antes esta actuación en toda a parcela.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


De volta na ría

29 Abril 2023

 
Hoxe retornamos á ría coa nosa lancha para continuar coas limpezas semanais da xunqueira. O resultado foron 386,15 kg de lixo desembarcados no porto de Betanzos.

Foto do lixo recollidoDebido a que o período óptimo para plantar árbores no monte era breve e moito o traballo, a primeiros de febreiro tivemos que deter temporalmente as recollidas de lixo na xunqueira, as cales vimos realizando dende a botadura da nosa lancha a mediados de agosto do ano pasado.

Rematada xa a campaña de reforestación, temos programado retomar estas saídas semanais e recuperar as xornadas adiadas. No que levamos de ano xa temos retirado da ría más de 1,6 toneladas de lixo, esperando superar a finais deste ano as 6,1 toneladas recollidas no 2022.


18 especies de árbores autóctonas

23 Abril 2023

 
Hoxe sementamos no noso viveiro as sementes de lamigueiro (Ulmus glabra) recollidas esta semana na ribeira do río Mandeo. Deste xeito, actualmente estamos a reproducir 18 das 22 especies de árbores autóctonas da nosa bisbarra.

Foto do viveiroEste é o primeiro ano que intentamos propaga-lo lamigueiro, pero o éxito acadado anteriormente co resto das árbores dános esperanzas de logralo. Chegado o día, poderemos incluír nas nosas reforestacións esta especie pouco frecuente na bisbarra, causada pola simplificación do seu arborado tras séculos de intervención humana.

Estes días tamén temos recollido sementes de silvardeira (Ruscus aculeatus), co obxecto de empezar a reproducir arbustos claves na composición das nosas fragas.


Rematada a campaña de reforestación

15 Abril 2023

 
Hoxe rematámo-la campaña de reforestación deste ano. O noso obxectivo nestas actuacións é reduci-la fragmentación, favorece-la conectividade ecolóxica e aumenta-la diversidade arbórea das nosas fragas.

Foto da reforestaciónFoi un traballo duro, pois actuamos en parcelas que presentaban varias dificultades. Por unha banda, houbo que elimina-los toxos e as silvas que impedían plantar, arrincando boa parte de raíz e cortando o resto, para logo ter que escavar en terreos con elevada pendente e moita pedra, frecuentemente con mal tempo. Ademais de plantar tamén puxemos titores, atamos as árbores ventureiras de pequeno porte para que medren dereitas e fixemos outros mantementos necesarios.

Como resultado, hoxe medran 518 novas árbores de 14 especies distintas en parcelas que custodiamos no Ollo da Roda (Oza-Cesuras) e na Espenuca e Os Vellos (Coirós). Todas elas proceden do noso viveiro de árbores autóctonas, onde as cultivamos partindo de sementes recollidas na nosa bisbarra, pois deste xeito temos asegurado que a súa xenética estea plenamente adaptada ás condicións edáficas e climáticas da nosa comarca. As especies empregadas nesta ocasión foron carballo, castiñeiro, freixo, pradairo, cerdeira brava, bidueiro, freixa, abeleira, salgueiro, loureiro, sabugueiro, sanguiño, estripo e abruñeiro. Para o próximo ano reservamos acivros, érbedos e pereiras bravas, pois a planta que temos aínda é demasiado pequena para levala ó monte.

Plantando con criterio científico

Foto da reforestaciónTras séculos de intervención humana, as fragas da nosa bisbarra padecen actualmente unha gran simplificación, tanto por ter pouca variedade de especies de árbores como por presentar escasa diversidade estrutural. Aínda que, segundo investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, son 22 as especies de árbores que poden considerarse como propiamente autóctonas da comarca de As Mariñas, a maioría está infra-representada; incluso é moi raro atopar algunhas delas.

Nas fragas é moi importante a diversidade de especies arbóreas. Dada a diferente fenoloxía das distintas árbores, a presenza dun número elevado de especies logra que sexa máis amplo o período anual no que hai algunha árbore ofrecendo brotes novos, pole, néctar ou froitos, dos que dependen numerosos animais para a súa alimentación, beneficiando así a un amplo rango de animais, que vai dende insectos polinizadores até aves e mamíferos. A heteroxeneidade na forma e no porte das distintas especies tamén ofrece maiores posibilidades de refuxio e nidificación, ademais de proporcionarlle ó bosque maior resiliencia ante os avatares climáticos.

Por todo isto é tan importante o tipo de reforestación ecolóxica que estamos a facer.


Encontro con futuros monitores de tempo libre

25 Marzo 2023

 
Hoxe tivemos un novo encontro con alumnos do curso de monitores de tempo libre, que nesta ocasión está a impartir a Escola de Tempo Libre Fervenza na Casa da Xuventude de Betanzos.

Foto da visitaComo en anos anteriores, argumentamos que para conserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra é preciso ir máis alá das palabras e realizar actuacións de recuperación ambiental, como as que facemos nas nosas campañas. Xa dun xeito máis didáctico, explicámo-la forma de organizar xornadas de voluntariado ambiental para que realmente sexan eficaces e lles resulten satisfactorias ós participantes.

Complementámo-la nosa intervención no curso cunha visita á Reserva de Anfibios do Catorce, achegándonos logo a Espenuca, para ver un exemplo do proceso de rexeneración do bosque autóctono nunha das parcelas que alí custodiamos.


O día 5 volveremos ó Ollo da Roda

27 Febreiro 2023

 
Na última xornada de voluntariado non demos rematado co foco de tradescantia que localizamos na nosa reserva do Ollo da Roda. Para evitar darlle tempo a esta especie exótica invasora a recoloniza-la zona onde a arrincamos, o mellor será eliminar completamente o foco o máis pronto posible. Aproveitando que prognostican bo tempo para o próximo domingo día 5, programamos unha nova xornada de voluntariado para rematar o traballo.

Foto da xornadaArrinca-la tradescantia é doado e o lugar ten fácil acceso. Non fai falla levar ferramentas, pero hai que vestir roupa axeitada e calzado robusto (preferiblemente botas de auga), así como protectores para os xeonllos. Non debe esquecerse algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar no mantemento desta reserva, podes apuntarte enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo 5 de marzo de 2023.
Hora: Ás 9:30, para rematar ás 14:00 horas.

Post data: Nesta segunda xornada logramos remata-la eliminación do foco de tradescantia. As sete persoas que participaron nesta xornada de voluntariado ambiental retiraron 107,1 kg de biomasa, con tempo de sobra para tamén recoller 188 kg de lixo na cuneta da pista. Coma sempre, no caso das invasoras, teremos que estar atentos a posibles recolonizacións.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).