Rutas

Paseando polos nosos espazos naturais

Os espazos naturais protexidos da nosa bisbarra son para os visitantes un excelente lugar de contacto coa nosa natureza, e para os veciños un espazo de lecer no que poder desconectar dos seus quefaceres cotiáns.

Mágoa que non todos eles teñan rutas axeitadas para dar longos paseos afastados das estradas. Moitos dos vellos camiños estanse pechando. Algunhas rutas están sinalizadas, pero a miúdo a vexetación invade o sendeiro e dificulta o paso.

A continuación amosamos algunhas das rutas máis frecuentadas e, xa que logo, en mellores condicións.

As fragas do Mandeo

O mellor xeito de coñece-las fragas do río Mandeo é dirixirse directamente ó lugar de Chelo. Son moitas as rutas que poden seguirse nesta zona, pero soamente propomos dúas que son sinxelas, aptas para un público moi amplo, e que permiten gozar do bosque de ribeira.

Nos dous casos o traxecto acompaña en todo momento o río, xa que logo é practicamente imposible perderse. En todo caso, de querer levar información, pódese descarga-lo folleto editado pola Xunta de Galicia, que inclúe un mapa coas dúas rutas (recoméndase imprimir nunha folla DIN A3 a dobre cara).

Os que queiran facer rutas máis longas e duras poden ou ben seguir algunha das que se sinalizaron recentemente, ou ben deseña-lo seu propio itinerario por camiños e carreiros utilizando os mapas que temos no apartado de Cartografía.

Cómo chegar a Chelo: No lugar de Queirís (concello de Coirós), a estrada N-VI ten un desvío no km 570 para ir cara a Betanzos; xusto pasado o cruce, entre as casas da dereita, sae unha estradiña local que seguiremos sen desviarnos até unha bifurcación, próxima pero xa no medio do monte. Se tomamos á esquerda baixamos á ponte de Teixeiro. Se collemos á dereita, baixamos ó lugar de Chelo.

Ruta da ponte de Teixeiro: Iremos até a ponte de Teixeiro directamente, onde podemos aparca-lo noso vehículo. Tamén podemos deixalo no lugar de Chelo, cruza-la pontella e face-la ruta ó revés. É unha ruta curta (2,5 km entre ida e volta), por unha pista forestal chá que acompaña o río Mandeo pola beira dereita. Poderemos ver na ribeira oposta o que en tempos foi un importante muíño de maquía.

Ruta do Zarzo: Este itinerario circular vai dende o lugar de Chelo até a minicentral do Zarzo, onde cruzarémo-lo río por unha pontella e volveremos pola beira contraria. Permite ve-los puntos máis espectaculares da zona, tendo un relevo máis abrupto, pero que non deixa de ser accesible para persoas en condicións físicas normais. Ten unha lonxitude de 6,3 km, que pode facerse nunha hora e media andando ben. No caso de querer abreviala, a medio camiño hai unha pontella para atallar, quedando reducida a ruta a 2,5 km. Aparte de visita-la aula da natureza no punto de saída, permite ver moitos dos fentos protexidos e contempla-las ruínas do balneario do Bocelo, no que hai unha pequena fonte de augas sulfurosas.

Accesibilidade: A ruta da ponte de Teixeiro é a máis axeitada para persoas con mobilidade reducida ou familias con cativiños. Nas inmediacións da ponte normalmente hai sitio para aparcar comodamente o automóbil. Aínda que ten algunhas fochancas, a pista de terra está nun estado razoable, podendo transitarse con cadeiras de rodas e infantís, así como en bicicleta. No caso de querer facela partindo de Chelo, teremos que cruza-lo río por unha pontella, onde as súas escaleiras poden ser un obstáculo.

Transporte: Non se aconsella intentar acceder con autocares nin á ponte de Teixeiro nin a Chelo. As alternativas son utilizar un microbús ou ben baixar andando (1,6 km a Chelo e 1,4 km á ponte de Teixeiro).

A costa de Dexo

O Monumento Natural Costa de Dexo ten unha ruta de varios quilómetros que nos permite gozar dos seus espectaculares acantilados e dunhas magníficas vistas da costa do golfo Ártabro. Convén levar prismáticos ou telescopio se somos afeccionados a observa-las aves mariñas, especialmente nos pasos migratorios e na época de nidificación.

A ruta pode iniciarse na punta de Seixo Branco e rematar na punta Torrella (10 km ida e volta). Un punto de acceso no medio da ruta é o portelo de Dexo, a partir de onde podemos optar por camiñar en calquera das dúas direccións. Tamén pode facerse o percorrido completo do sendeiro PR-G 87, que conecta o tramo costeiro anterior con Lorbé e Mera, retornando polo interior mediante un trazado circular de 24 km, pero xa usando estradas locais. Podes descargar o itinerario completo en formato PDF ou en formato GPX na web de rutas do Consorcio das Mariñas.

Cómo chegar a Seixo Branco: Unha vez situados en Mera (Oleiros), hai que colle-la rúa que leva ó faro e a Canaval, para logo estar atentos ó desvío que nos conduce á praia de Canaval e a Seixo Branco.

Accesibilidade: Non é unha ruta aconsellable para persoas con mobilidade reducida ou cativiños que precisen cadeira infantil porque hai tramos estreitos e co chan desigual. Non hai problema cos nenos de máis idade, sempre que non se acheguen ós cantís.

Transporte: Os autocares que se dirixan á punta de Seixo Branco non van atopar lugar para aparcar e terán complicado manobrar para da-la volta. Recomendamos que vaian directamente ó faro de Mera, situado a 2 km de distancia.

Ría de Betanzos

Non hai rutas concretas que permitan percorre-la ría de Betanzos en toda a súa lonxitude. Hai que utilizar camiños e corredoiras que moitas veces non teñen continuidade. A única ruta sinalizada vai dende Miodelo até O Pedrido (Bergondo), pero en gran parte do seu traxecto discorre por unha estrada local.

Os afeccionados ás aves poden sacar proveito dos dous observatorios. O primeiro está situado no pazo de Mariñán (Bergondo). A entrada está vixiada e hai que advertir ó garda de que un quere ir ó observatorio (ten un horario de visitas más amplo que o pazo). O segundo está en Souto (Paderne); pode deixarse o vehículo na praza diante da igrexa, cruzar andando a estrada e colle-lo camiño que baixa xusto en fronte en dirección á ría. Nos dous casos hai sitio suficiente para aparcar os autocares e poucas dificultades para persoas con mobilidade reducida.

O encoro de Abegondo-Cecebre

Aínda que moi visitado, o encoro de Abegondo-Cecebre carece de rutas definidas. Pode darse a volta a todo o encoro por estradas locais, ou facer un percorrido circular máis curto (8 km de lonxitude) aproveitando a ponte que une Orto con Seixurra, na cola que forma o río Mero. Mágoa que este itinerario se afaste do encoro en gran parte do traxecto, pero poderemos gozar nas primaveras chuviosas da preciosa visión dun bosque de ameneiros inundado.

Os observatorios ornitolóxicos situados na Telleira (concello de Betanzos) e en Crendes (concello de Abegondo) non sempre son os mellores sitios para observa-las aves. A época do ano e o nivel das augas do encoro determinan a distribución da fauna e, xa que logo, o lugar máis axeitado para mirala.

Augas abaixo da presa e xa fóra do espazo natural protexido, unha ruta permite pasear a carón do río Mero. Chá e con boa pavimentación, permite o uso con independencia das limitacións persoais. Pode accederse por distintos puntos, situándose os extremos na presa de Cecebre e na Telva (Cambre). Entre a ida e a volta o paseo suma 14 km.

Outras zonas

No río Mendo podemos seguir unha ruta polas súas beiras dende a ponte de Taibo até a das Moas, saíndo xa fóra do espazo natural protexido. Entre a ida e a volta son 15 km. Pode abreviarse partindo da ponte da Ermida e retornando na ponte dos Cabalos, usando así o tramo mellor conservado do bosque de ribeira e seguindo un itinerario circular que vai por ámbalas dúas beiras (6 km en total).

A comarca de As Mariñas ofrece outros percorridos interesantes que non están dentro dos espazos protexidos. A meirande parte de esas rutas nuns casos non foron sinalizadas e noutros non están mantidas. Algunhas delas son a do barranco da Loba, a do Monte do Gato, a do río Deo, a do canal da minicentral de Gomil, a do encoro da Castellana ou a da costa de Fontán.

Data publicación: 22-3-2013
Última modificación: 26-8-2014
>> Páxina seguinte: Galería

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).