As lerias de Dona

Pregunta do 21 de maio

 

Esta sección está dedicada ó proxecto Voz Natura do colexio de ensino primario e infantil Sada y sus Contornos, orientado a coñece-la biodiversidade da bisbarra e a apoiar a súa conservación a través da custodia do territorio.

Fotografía de Dona
 

¡Ola rapaces!

¿Xa vos dixeron que mercamos un lote de montes cos cartos que xuntastes no rastrillo do día do libro, e máis os que puxeron os nosos doadores? Pois se non vo-lo dixeron, dígoo eu agora. Mercamos 26.630 metros cadrados de fraga, toda chea de carballos, castiñeiros, bidueiros, loureiros e moitas máis árbores. E agora ninguén vai cortalos, porque vou estar eu vixiándoos e como se achegue a eles alguén cunha motoserra, vai saber quen son eu.

Tamén hai unha parcela que ten eucaliptos. A min non me gustan nada, porque os eucaliptais non dan acubillo a tantas plantas e animais coma as fragas. Eu non sabía para que a querían, pero me dixeron que van cortar tódolos eucaliptos e logo plantar carballos e castiñeiros. Así os animais do bosque terán landras e castañas que comer. Se cadra aínda podedes axudar a plantalos. ¿Animádesvos? Pero será para o próximo ano, porque xa é tarde para facelo.

Fotografía na EspenucaForon moitos os que acertaron a pregunta que vos fixen: o animal invasor máis fero dos que aparecen no álbum é o visón americano. Pero poucos acertaron a saber como chegou este animal dende América, de onde é orixinario, até a nosa bisbarra.

Non, non colleron un avión ou un barco para facer turismo por Galicia. Tampouco nadando, que o océano é moi grande para cruzalo a nado. Entón, ¿como foi? Pois resulta que os trouxeron para crialos en granxas.

Non pensedes que os criaban para logo vendelos como mascotas. Non, foi para outra cousa. Dáme arrepíos soamente de pensalo. Os criaban para logo sacarlles o pelexo e facer abrigos de visón. ¡Mira que hai xente ben bruta! Como alguén queira facer un abrigo co meu pelexo voulle dar unha trabada que vai acordarse toda a súa vida.

O caso é que fixeron moitas granxas para crialos. Claro que, como se fixeron tantas, pouco tempo despois sobraban e os donos arruináronse. Como non sabían que facer con tantos visóns, algúns propietarios ceibáronos.

Noutros casos entrou xente de noite, a escondidas, para liberalos. É xente á que non lle gusta que maltraten ós animais. Pero en vez de levalos para América, deixáronos que escaparan. ¡E fixeron unha ben boa! Aínda foi peor o remedio que a enfermidade, porque a meirande parte destes visóns escapados morreron ós poucos días. Afeitos a vivir nunha gaiola e recibir a comida ás horas que lles tocaban, non sabían vivir no monte e cazar a súa mantenza, e morrían coa fame. Outros, acostumados a que os encargados lles deran de comer, non tiñan medo de nada. Metíanse nas casas sen ter en conta os seus donos e os cans que as gardaban, ou cruzaban as estradas sen mirar se viñan coches.

Ilustración de visón americanoE agora vou contarvos unha das historias de Lía. Cando nova, era unha cadela forte e áxil. Vivía co seu compañeiro Fusco, do que xa vos falei. Daquela, unha noite entrou xente a escondidas nunha granxa de visóns americanos que había a cinco quilómetros da casa e ceibaron tódolos visóns que alí había. Os donos dixeron que na granxa tiñan 15.000 visóns e que escaparan a lo menos 10.000 deles.

Andaban por todas partes. Mataban galiñas e dixeron incluso que algún gato. Aparecían mortos nas estradas, e cando alguén quería coller algún que quedaba vivo, revirábanse e trababan. Un deles entrou na casa. Daquela, Fusco e Lía patrullaban a finca a cada pouco e xa tiñan un camiño feito pola beira de tanto andar. Se tomaban moi en serio o seu traballo de vixiantes. Así que, en canto entrou o visón, vírono e foron tras del. Pero o visón escapou pola sebe correndo até que se escondeu nun burato que había no cemento da canceira. Alí non podían collelo nin Fusco nin Lía, porque o cemento está moi duro para escarvar coas poutas.

Entón foron chamar por xente, a ver se podían axudalos. Pero nada, non había maneira de sacalo de aquel refuxio. Así que a xente da casa decidiu cazalo facendo unha trampa e poñéndolle comida para atraelo.

A Fusco e máis a Lía non lles pareceu nada ben todo iso. O visón metérase na canceira, detrás da súa caseta. Non a usaban, porque a eles, como a min, gustáballes máis estar o pé das portas por se ven alguén. Pero era a súa caseta. E eles eran os responsables de que ninguén estraño entrara na finca. “Han pensar que pasamos todo o día durmindo e que non facemos o noso traballo. ¿E se lle traba a Gatony? Aínda han botarnos”, pensaban. E, aparte, non lles gustou nada que puxeran como cebo o seu penso: “¿Comerse a nosa comida? ¡Nin de broma!”, foi o que dixeron.

Entón decidiron argallar un plan. Pola mañanciña, cando toda a xente marchou a traballar, eles puxéronse a espiar o burato dende lonxe. De alí a un pouco o visón saíu para buscar algo de comer, avanzou pola sebe, sabendo que nela estaba protexido. De repente, apareceulle Fusco de fronte, e cando ía a baterse en retirada, Lía cortoulle o camiño. Ensinoulle os dentes, pero Lía é valente e non se botou atrás. Pegou uns brincos para escapar, pero Lía era moi áxil e o visón non tivo escapatoria.

Fotografía de visón americanoA segunda parte do plan foi máis sinxela. Colleron o visón morto e o pousaron diante do portal. Deitáronse a carón del e esperaron a que a xente volvera. Gatony, unha gatiña da casa que eu non coñecín, os miraba facer dende o limiar dunha fiestra, tan elegante e displicente coma sempre. Cando ouviron chegar o coche, erguéronse rapidamente. No momento en que abriron o portal, a xente atopouse o visón morto alí no medio. Fusco e Lía estaban firmes e movendo o rabo, dicindo “misión cumprida”.

Os visóns americanos fan moito mal na nosa bisbarra. Os poucos que sobreviviron daqueles miles que ceibaron atopan comida nas beiras dos ríos, das lagoas e do mar. Alí atrapan todo aquilo co que se cruzan: un ratiño aquí, unha musaraña alá, un paxariño despistado, ou os ovos dun parrulo que fixo un niño no chan. Non se libran nin sequera as rás.

As que peor o pasan son as aves acuáticas e mariñas. As primeiras, como a galiñola negra, fan os niños no borde da auga e están ó alcance do visón. Outras fan niños flotantes, como o mergullón pequeno, pero tampouco se libran de todo porque o visón sabe nadar moi ben e ás veces consigue atopalos. Tamén sofren as aves mariñas, porque as gaivotas e outras especies fan os niños no chan.

Máis adiante os visóns emparelláronse e comezaron a criar. Os seus fillos aprenderon a cazar dende pequenos, totalmente adaptados ó novo país dos seus pais. Agora están por todas partes. ¡Son o inimigo público número 1 nos ríos da nosa bisbarra! E non saben como desfacerse deles. Se nos adestraran a cazalos a uns cantos cans coma min, ¡non habían durar nada!

Xa sabedes a historia do visón americano. Agora unha nova pregunta. No álbum hai soamente dúas especies de aves que cazan pola noite. ¿A que non sabedes cales son? ¿E podedes dicirme algo máis delas? A ver: ¿En qué se diferencian? ¿Por onde andan? ¿Polas fragas ou preto das casas? ¿Qué é o que comen?

¡Até a próxima!

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 7 de maio

Fotografía de Dona
 
 
 
¡Ola campións!

Xa me contaron como foi o do voso rastrillo no colexio. O martes pasado viñeron pola tarde os voluntarios de Fragas do Mandeo cunha caixa de galletas. Eu xa andaba a ver se me daban unha cando me dixeron que non eran galletas, que a caixa estaba chea coa morea de cartos que xuntastes no rastrillo.

Eu non sei contar cartos, pero din que chegan de sobra para mercar un monte. ¡Sodes os mellores! Eu faleilles dos que máis me gustan entre tódolos que teño visto. A ver se convencen ó dono para que nos venda un e poidamos ir a correr por el e ve-los bichos que alí viven.

Fotografía de DonaÓ día seguinte, un voluntario marchou cos cartos. Eu pregunteille que a onde os levaba, que eran para merca-lo monte. Respondeume que ía ingresalos no banco para que estean seguros. A min pareceume mal, porque Lía e máis eu vixiamos moi ben a casa. Cando se achega alguén, Lía ladra cunha voz que mete medo e non hai ladrón que se atreva a roubarnos nada. Pero dixéronme que se quería gardar os cartos eu, non podía deixar a casa soa nunca e, xa que logo, non podía ir a vixiar os montes ou marchar de excursión. Así que xa non me pareceu tan mal que os gardaran no banco.

Hoxe vou falarvos dun dos bichos que vive neses montes. Porque todo o mundo fala dos animais grandes e feros que saen nos documentais da televisión. Pero tamén hai animais pequeniños que están ameazados de extinción e dos que ninguén se lembra. Por iso, quero que coñezades a un destes bichos esquecido por todos. Chámase o caracol de Quimper.

O nome xa o di, é un caracol. Pero, ¡ollo!, non é un caracol calquera. Ten unha cuncha delgadiña, case transparente, de cor marrón con pintas negras. A cuncha dos máis grandes soamente chega ós tres centímetros de diámetro e diferénciase dos que andan polo xardín en que a ten plana.

Fotografía de caracol de QuimperSeguramente nunca teñades visto un. Non pensedes que é doado. Polo día están acubillados debaixo de pólas caídas, madeira morta ou pedras. Soamente saen pola noite a comer. Non é que sexan tímidos, se non que lles teñen medo ós paxaros, pois como os vexan, ¡zas!, pápanos. Pola noite, como non son capaces de velos, pois non os dan pillado. Pero teñen que andar con coidado cos ratos, que tamén andan tras deles, aínda que, ó seren tan silenciosos coma calquera caracol, van librando.

E diredes, ¿por que lles chaman “de Quimper”?, que é un nome ben feo. Pois resulta que o primeiro que viron os científicos foi atopado nun concello francés que se chama Quimper. E aí lles quedou ese nome. ¡Que pouco orixinais son os científicos! Se o tiveran atopado en Espenuca, agora chamaríanlles caracol da Espenuca, que é un nome moito máis bonito.

Pois este caracoliño, a pesares de tomar tódalas precaucións para que non o collan, está ameazado. ¿Por qué? Pois porque soamente vive nas fragas frescas e húmidas onde medran carballos, castiñeiros e outras árbores do país que no outono perden a folla. A estas árbores chámanlles “caducifolias”, que é a maneira fina de dicir que lles cae a folla, para diferencialos dos que teñen folla todo o ano, coma os piñeiros. Comen fungos que medran na madeira podre que hai nestes bosques. E como cada vez quedan menos fragas de bosque autóctono, pois tamén menos caracois de Quimper.

Mirade que poucos quedan que soamente os hai en tres países. Aparte de Galicia, viven no norte de Portugal e de España (Asturias, Cantabria e País Vasco), e na Bretaña francesa. Non é un capricho que vivan nestes sitios, se non que foi por unha cousa que pasou hai moitos miles de anos.

Naquel tempo o mundo estaba cuberto de neve e xeo: era o período das glaciacións. Os animais eran grandes e con moito pelo para se defenderen do frío, como o mamut lanudo, o perezoso xigante ou o tigre de dentes de sabre. Pero isto xa o sabedes porque vistes a película Ice Age e coñecedes a Manfred, Sid e Diego.

Cartel de Ice AgeO pobre do caracol de Quimper pasábao ben mal. Como é pequeniño e non lle gusta o frío, buscaba os vales máis profundos e escondidos onde non pegara o vento xélido que viña do norte, nos que aínda quedaran bosques sen cubrir pola neve.

Co frío apenas chovía, porque soamente caía neve, os ríos conxelábanse e non chegaba a auga ó mar. O seu nivel era tan baixo, que se vivíramos naquela época podiamos ir en bicicleta dende Sada até Ferrol en liña recta, porque o mar estaba lonxe e todo o seu fondo quedaba á vista. Os ríos que vemos hoxe, desembocaban a moita distancia de onde o fan agora e nas súas beiras medraban as árbores baixo as que vivía o noso protagonista.

Toda aquela extensión de terra era un país que hoxe xa non existe. Chegaba dende o norte de Portugal até Francia. Nel vivía o caracol de Quimper. Pero cando remataron as glaciacións e o xeo se derreteu, o mar empezou a subir e inundar todo ese país. Os caracois tiveron que marchar e puxéronse a andar pola beira dos ríos. Así chegaron algúns a Chelo e ó monte da Espenuca, onde agora viven os seus descendentes. Os que tiraron para o este chegaron a Bretaña, que está en Francia.

Un parente deles, a lesma de pencas, tamén veu para a nosa comarca. Pero outras, en vez de acompañar os caracois de Quimper no camiño cara a Francia, marcharon ó norte e agora os seus descendentes viven nunha rexión de Irlanda.

Xa non quedan mamuts lanudos, nin perezosos xigantes, nin tigres de dentes de sabre. Pero foi un animaliño tan pequeniño e lento coma o caracol de Quimper quen foi capaz de escapar do desxeo e da subida do nivel do mar, adaptándose ó novo clima. Por iso é tan importante conservalos, porque nos recordan que os máis rápidos e fortes non son sempre os que saen gañando.

E no monte que imos mercar, eu sei que hai caracois de Quimper e habemos de buscar as lesmas de pencas. Por iso sodes uns campións, porque grazas ó voso rastrillo imos conservar para sempre un monte onde van a vivir sen que ninguén os moleste.

Agora a pregunta: Entre tódalas especies exóticas invasoras que aparecen no álbum, ¿cal é a máis fera de todas? ¿Sabedes como chegou á nosa bisbarra e os problemas que provoca? Se me acertades coas respostas, contareivos a historia de cando Lía se enfrontou a un deles.

¡Até a próxima!

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 17 de abril

Fotografía de Dona
 
 
¡Ola rapaces!

Xa vexo que moitos de vós queredes volver a facer excursións polas fragas do río Mandeo e percorrer tódolos seus camiños. Se vos dan permiso, eu estarei encantada de guiarvos.

Hoxe teño unha boa noticia e outra mala. Deixarei a mala para o final porque non teño moitas gañas de falar dela.

A boa noticia é que hai quince días mercamos dúas parcelas. Unha delas está na beira do río Mandeo, cerca de Chelo. A outra está no cumio do monte da Espenuca, que é o que lle fai sombra a Chelo, e dende el vese toda a bisbarra.

Fotografía dun castiñeiroEu xa coñecía as dúas parcelas, porque fora a inspeccionalas para dar a miña opinión antes de que decidiramos mercalas. Andeinas de arriba abaixo. Gustáronme porque atopei moitos rastros, o que quere dicir que de noite están cheas de vida. O chan estaba cuberto de follas, e debaixo delas vive unha multitude de bichos pequenos. Teñen moitos carballos, pero aínda son novos. Así que, agora que son nosas, non vai cortalos ninguén. Dentro de cen anos terán troncos enormes. Polo menos fará falta unha cadea de media ducia de rapaces coma vós para arrodealos cos brazos estendidos. E vivirán neles unha morea de animais que pola noite farán festa ó seu arredor.

O voso director díxome que o martes día 23 ides a celebrar o día do libro facendo no colexio un rastrillo onde venderedes libros. E tamén me falou de que cos cartos ides mercar algún monte para que o conserve Fragas do Mandeo. A min paréceme unha idea estupenda. Aínda máis, xa lle teño botado o ollo a varios que me gustan moito. Así que tedes que vender unha morea de libros.

A verdade, eu non entendo porqué vos gustan os libros. Eu non lles vexo nada interesante. Teñen follas, pero non son tan bonitas coma as dos árbores. Todas olen igual, van xuntiñas e teñen a mesma forma. As dos árbores olen a moitas cousas e están tan ceibas que cando hai vento escapan das árbores e van de paseo polo monte.

A min póñenme unha grande debaixo do prato da comida para que aprenda a ler. Pero ten as letras tan pequenas e xuntas que non as podo ulir de unha en unha porque se lles mestura o olor. ¿Como vai unha a aprender así a ler? Se aínda puxeran unha letra en cada folla, podía ir ulindo cada unha e saber o que está escrito. Así que nunca leo cando como.

Fotografía do libro La historia interminableLía di que hai que ter moito coidado con eles, e que os hai de dúas clases. Non hai que preocuparse moito cos de follas grandes, os que as teñen soltas. Pero hai que andar con tino de non pisar ou coller un dos pequenos, dos que teñen as follas presas polo lado, se non queres que che rifen. Debe ter razón porque de pequena collía follas grandes, esnaquizábaas e non me dicían nada. E agora, para que me deixen entrar no almacén onde gardan a morea deles que levan a vender nos rastrillos, teño que andar a modiño e non xogar nada. Lía contoume unha historia que pasou hai anos, cando era nova e ía ó monte a buscar rastros de lobos cun compañeiro seu que se chamaba Fusco, que non lles tiña ningún medo e era un explorador experto en atopalos.

Chegaran o pé dun vertedoiro de lixo ilegal que había no monte. Mandáronlles quedar sentados a distancia. Lía non entendía o motivo, pero Fusco díxolle que naqueles sitios había cristais rotos e podían corta-los pés, que xa lle pasara a el unha vez. O que os acompañaba acercouse a inspeccionar, pois levaba botas. E alí veu un libro tirado, no medio do lixo, todo mollado e xa medio desfeito. Mirouno ben, abriuno e viu que tiña unhas follas con letras vermellas e outras con letras verdes. De cando en vez algún debuxo. Lía dixo que se puxera triste e non falara nada no camiño de volta. Cando chegaron á casa falou alporizado. “Mira que hai analfa-burros neste país”, dixo enfadado. “A primeira edición en castelán da historia interminable no lixo. ¿E non haberá bibliotecas onde deixalo se non o queres?”. Pregunteille a Lía que quería dicir con todo iso, pero non soubo contestarme.

Eu tampouco o dou entendido. Se o libro contaba unha historia e a historia era interminable, ¿cantas follas tiña o libro? ¿E quen escribiría ese libro? Digo eu que sería un vello moi velliño, porque unha historia tan longa tárdase moito en escribila. ¿E por que tiña unhas follas en vermello e outras en verde? E se era tan importante, ¿non podían recollelo e poñelo a secar?

Fotografía del libro de John BradshawUn misterio misterioso. Porque isto dos libros é moi enigmático. Por exemplo, os que saben ler, cando collen un, póñense a mirar nel e pasan horas e horas apampados sen aburrirse. Eu doulles co fociño a ver se espilen, e nada. O outro día, puxéronse moi contentos. Descargaron unha caixa do maleteiro do coche e atoparon un lote deles que ulían moi raro. Un pequeniño tiña un can debuxado na portada. Seica se titulaba “In Defence of Dogs” e que o escribiu un biólogo inglés que sabe moito de cans e que se chama John Bradshaw. Non lle vexo tanto mérito, porque xa vin na casa outros con fotos de cans. Un titúlase “En la mente del perro. Lo que los perros ven, huelen y saben”, que o escribiu unha profesora que se chama Alexandra Horowitz, e outro que o escribiu a adestradora Karen Pryor e se titula “¡No lo mates… enséñale!”. ¡Vaia título! Pero o caso é que se puxeron a ler o que viña na caixa e non pararon até rematalo.

Lía di que en todos eses libros fálase de nós, de cómo hai que facer para entendernos e ensinarnos cousas. E digo eu, ¿e non sería máis fácil que nos preguntaran o que quixeran saber? ¡Mira que se complica a vida a xente!

En fin, o dito, vós vendede moitos libros. ¡A ver se podemos mercar un monte ben grande!

E agora vai a mal noticia. Xa vos dixen que a Maki gustáballe durmir todo o día e logo andar de varanda pola noite. Pero da última non volveu. Atopárona pola mañanciña na estrada, baixo a choiva. Digo eu que tivo que ser que a cegou un coche e non puido zafarse. Porque a min ben que me esquivaba cando corría tras ela. ¡Quen lle mandaría ir tan lonxe de casa soa! Pero é que sempre foi moi aventureira. Xa de pequena agachaba polas árbores aínda que estiveran as pegas berrándolle ameazadoramente por andar cerca do seu niño. Ou cando subiu ó tellado da casa e andouno todo, sen medo de caer ou que lle viñera unha rapina e a levara. ¡Non se decata unha do que vai estrañar a unha amiga até que a perde!

Fotografía dun miñato comúnXa sabedes. Andade con tino cos coches, que non respectan nin a cativos nin a grandes. E cando saquedes o permiso de conducir, conducide a modo cando vexades calquera animal preto da estrada. Especialmente de noite, que é cando saen de paseo os compañeiros que viven no monte. ¡Cantos non morren nas estradas! Ourizos cachos, teixugos, xabarís, algarias, martas… Mentres non saibades conducir, avisade ós vosos pais cando vaian conducindo eles para que minoren a velocidade en canto vexades algún.

As miñas preguntas de hoxe son moi sinxelas. Dixéronme que para conseguir cromos para o álbum tiñades que pedir un libro na biblioteca. ¿Cantos libros levades lido neste curso? Porque, ¿non faredes trampas e colleredes os libros para que vos dean os cromos e logo non os ledes? ¿Qué clase de libros vos gustan?

¡Até a próxima!

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 2 de abril

Fotografía de Dona
 
¡Ola rapaces!

Xa vexo que a última vez que vos escribín estabades tan emocionados coa idea de ir a Chelo para coñecerme e visitar as fragas do Mandeo que nin vos parastes a contestarme. ¿Ou é que non sabiades que animal e dúas veces animal?

Sexa polo que sexa vou contestarvos a adiviña: Pois é Maki Rabuda, porque é gato e máis araña. Cando xoga comigo non ten conta de que ten unhas uñas ben afiadas e moitas veces rabúñame sen querer.

Fotografía de MakiOs gatos domésticos e os monteses son da familia dos felinos, na que teñen parentes famosos por todo o mundo, como o leopardo ou o tigre. Todos eles teñen uñas retráctiles. ¿E que quere dicir esa palabra? Pois que as poden gardar ou sacar a vontade. Así non as dan gastado, as teñen sempre afiadas de todo e poden subir ás árbores.

Fotografía de Lía e DonaOs que somos da familia dos cánidos, como os cans, lobos e raposos, non temos as uñas retráctiles e sempre están á vista. Cando corremos cravamos as uñas na terra, do mesmo xeito que fan os futbolistas cos tacos das súas botas, e por iso témolas gastadiñas e non rabuñan como as dos gatos.

Fotografía da excursión a Chelo¿E sabedes qué felino non ten as uñas retráctiles? Pois o guepardo. ¿E por qué? Porque caza as súas presas como os galgos, correndo a todo meter tras elas, chegando a acadar velocidades de 100 quilómetros por hora. Xa que logo, precisa unhas uñas como as nosas.

Agora xa sabedes porque non fun capaz de subir polo piñeiro tras do esquío que vimos en Chelo. Se tivera unhas uñas como as de Maki veriades un can escalador en acción.

Pero non vos queixedes. A pesares do barullo que faciades, xa vistes que eu estaba moi atenta a todo. Tiña que andar para arriba e para abaixo mirando que non se perdera ninguén, esquivando os que non deixaban de sobarme. E aínda así puiden sentir e ulir o esquío. A pesares de que estaba ben escondido, souben sacalo do seu agocho para que o virades subir polo piñeiro.

Fotografía da excursión a CheloE isto non é nada. Porque, cando imos nós solos, andamos ben caladiños, e así podemos ver corzos, raposos e moitos paxaros que viven nas fragas do Mandeo.

Cando chegamos á casa, atopamos a Maki nada máis entrar. Como anda toda a noite de esmorga, tiña sono e frío, e se puxera a durmir ó sol. ¡Non pega golpe! Así que Lía e máis eu, que estabamos ben cansas por facer toda a mañá de guías, deitámonos tamén a botar unha boa sesta.

Fotografía da excursión a Chelo

Á noite presentámolo noso informe:

  • Ninguén se perdeu, a pesares de que erades 60 alumnos que non parabades.
  • Fotografía da excursión a Chelo

  • Identificamos moitas plantas en flor: cáncaros, violetas, anémonas, lúzulas e tres clases de amarelles, incluso un deles ameazado: o Narcissus cyclamineus.
  • Tamén identificamos un arbusto en flor, aínda que moitos dinlle árbore: a abeleira.
  • Vimos un esquío agachando polas árbores e un pobre teixugo que afogou no río.
  • Entre as especies exóticas invasoras, unha árbore, a acacia de madeira negra, e unha planta, a crocosmia.
  • E recollemos un montón de lixo.

Como quedaron contentos co noso informe, déronnos dobre ración de cea. Espero que a vós tamén vos deran ben de comer.

E agora un par de preguntas moi sinxelas:
¿Qué é o que máis vos gustou da excursión a Chelo?
¿Queredes que vos guíe a algún outro sitio?

¡Até a próxima!

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 10 de marzo

Fotografía de Dona¡Ola rapaces!

Tomo boa nota das vosas suxestións para os carteis que imos poñer no observatorio de Sobrado. Poñeremos un aviso para que non ceiben especies exóticas invasoras, e debuxos do sapoconcho de Florida e do cangrexo de río americano. Se queda sitio poñeremos algunha máis. Tamén que non se bote lixo e de que nos escriban ou chamen por teléfono os que queiran axudarnos a coidar a lagoa.

Miguel, o director do voso colexio, díxome que o próximo venres ides ir de excursión a Chelo. A ver se desta vez non chove e podemos pasar un bonito día de campo.

Fotografía de Dona e LíaEu xa teño ido moitas veces a Chelo e tamén me teño bañado no río Mandeo. Agora no inverno baixa con moita auga polo moito que choveu, e non me baño nel porque pode levarme a corrente. Pero no verán si que me meto de todo.

Eu aprendín a nadar noutro río, no Mendo, qué é máis pequeno. Non me ensinou ninguén. Un día un esquío púxose a berrarme dende a outra beira do río. Así que me dixen, “vas ver ti como te colla”. E me botei a nadar sen pensar que aínda non aprendera. Pero o río levaba moita auga e me arrastraba. Así que puxen os meus fociños contra da corrente que me ía levando augas abaixo. Eu dáballe ás patas e, nada, non avanzaba. O río arrastrábame e non tiña nada que facer, até que cheguei a un sitio en que a corrente era menos forte. Pouco a pouco fun arrimándome á outra beira e saín a terra lonxe de onde me lancei á auga. E xa entón puiden poñerme a correr tralo esquío. Como fan sempre, escapou subíndose a unha árbore. ¡Parecen paxaros!

Fotografía do río MandeoLogo, cando volvín, xa sabía o truco para cruzar o río. Deixarse levar pola corrente mirando augas arriba sen facer forza en nadar. Cando un chega a augas máis mansas, ir arrimándose á beira e, ¡listo!, a recuperar a distancia que me arrastrou o río correndo por terra. Os esquíos xa non van atreverse a burlarse de min aproveitando que están no outro lado do río.

Como imos coñecernos en Chelo vou a explicarvos algunhas cousas para sermos bos amigos. Os cans e os humanos falamos idiomas distintos, e hai que saber entenderse. As persoas exprésanse principalmente falando e os cans preferimos os xestos. Así unha persoa saúda dicindo “¡ola!”, e os cans preferimos move-lo rabo. Para saber cómo me sinto, non mo preguntedes: simplemente tedes que mirar como poño o rabo e as orellas.

Fotografía de Narcissus bulbocodiumOutra cousa importante é que as persoas danlle moita importancia á vista e os cans dámoslla ó olfacto. Por exemplo, cando vos presentan a alguén, o mirades e pensades “parece unha boa persoa”. En cambio nós a ulimos e pensamos “ule a boa persoa”. Isto ten unha vantaxe, porque eu son capaz de coñece-la xente incluso de noite, cando no se ve nada, ou saber se algún amigo meu pasou hai pouco por un camiño.

Por iso cando nos presentemos tedes que acercarme a man a modiño para que eu me achegue a ulila. Unha vez lle teña collido o ulido, non vos esquecerei. E non ma poñades todos á vez, ¡que se me mesturan os olores!

Outra cousa que non nos gusta ós cans é que nos acaricien sen permiso. Vou contarvos unha cousa que me pasou. Eu xa dende pequeniña baixei á vila de Betanzos. Sempre ía acompañada de Lía para sentirme máis segura. Porque eu son de aldea e na vila hai moito barullo, moitos coches correndo e moita xente dun lado para outro. Eu nunca me achego a ninguén que non me presenten, por educación. O caso é que un día ía pola beirarrúa tan tranquila e de repente noto que me atacan por detrás. Din a volta dun chimpo para ver qué pasaba. Eran un par de cativos mal educados que viñan berrando a facerme caricias no cu. ¡E a súa nai non lles reprendeu! Non lles ladrei porque estou ben educada, pero era para dicirlles algo.

Fotografía de anémonaAsí que cando queirades aloumiñar a un can, sempre facédeo por diante, que vos vexa con boas intencións. Achegade a man a modo para que vos ula. Non sexades coma algún brután, que cando achega a man parece que vai darnos unha labazada. Logo, se poñemos boa cara, acariciádenos a meixela e despois a cabeza. Gústanos moito que nos rasquen entre as orellas. E nada de gritarnos, que temos un oído moi fino e non nos gustan os berros.

Comigo ides estar seguros en Chelo e aprenderedes moito. Eu xa levei a máis xente a facer rutas e ninguén se perdeu. ¡Para iso son filla de cans pastores! E xa estou apalabrada para levar outra excursión o domingo día 17. Como vedes, a xente está contenta de terme de guía.

Para que vaiades preparados á excursión, podedes mirar o folleto Flora nemoral dos ríos galegos. Nel van fotos de flores que poderemos atopar en Chelo. E aquí vai a miña pregunta: Entre todas as flores hai dúas que son de árbores. ¿Cales son? E das flores que son de plantas, ¿cal é a que máis vos gusta? ¿E cales son as que están ameazadas?

E por último unha adiviña: ¿Cal é o animal que é dúas veces animal?

¡Até o venres próximo!

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 5 de marzo

Fotografía de Dona¡Ola rapaces!

Desta vez fostes moitos os que vos animastes a contestar. Ninguén acertou cantas bolsas recollemos. Foron unha e media, porque como imos de cando en vez, non se xunta moito lixo.

No resto das preguntas todos estades de acordo. Pero aínda que xa hai leis que prohiben ciscar lixo no monte, tamén é certo que non se pode poñer un policía escondido detrás dunha árbore en cada esquina para vixiar todo o día quen é o que tira lixo e quen non.

Fotografía de bolsa de lixoFotografía de recolledor e vasoiraAsí que podemos facer varias cousas:

  • Primeiro, dar exemplo e non tirar nada cando saiamos ó campo.
  • Segundo, concienciar ós que van connosco de que tampouco tiren lixo.
  • Nas excursións, levar algunhas bolsas grandes e organizarse entre todos para reparti-lo traballo de ir collendo todo o que atopemos polo camiño. Así, tralo noso paso, a ruta quedará máis limpa do que estaba, e volveremos a casa orgullosos de ter feito algo pola natureza.
  • Cando vexamos a alguén botar lixo, afearlle a conduta e denuncialo ante as autoridades se non deixa de facelo.

Este sábado volvín á lagoa de Sobrado, aproveitando que facía un día estupendo. Desta vez fomos no coche algo apertados, porque viñeron tamén Lía e tres voluntarios, ademais de que levamos moitas ferramentas.

Imos facer varios amaños no observatorio. Primeiro, temos que reparar as escaleiras, porque algún vándalo rompeunas. Eu podo subir dun chimpo, pero Lía vai un pouco velliña e non é capaz de entrar.

Tamén imos poñer dentro un par de carteis. Antes había un fóra, onde aparecían debuxos de tódalas aves que poden verse na lagoa. Pero alguén escachouno. Así que imos poñer un novo, xa dentro do observatorio. Así, cando unha persoa estea mirando os parrulos e non coñeza algún, pode buscalo no cartel e identificalo.

Fotografía de voluntarios no observatorio da lagoa de SobradoAdemais imos poñer outro explicando a historia da lagoa. Porque pouca xente sabe que é artificial. Construírona os monxes do mosteiro de Sobrado hai 500 anos. Hoxe parece talmente un lago natural, de tanta vexetación e tantas aves que alí hai.

Outro traballo que temos que facer é modificar unha das fiestras. O que fixo o observatorio non pensou na xente cativa. Tódalas fiestras están demasiado altas para os cativos. Incluso persoas altas non poden usa-los seus telescopios. Así que imos poñer un pouco máis baixa unha das tres fiestras.

Fotografía de Dona e Lía no observatorio da lagoa de SobradoEu estiven dirixindo todo o traballo de medición e toma de datos, así que non collín ningunha ferramenta. Non é que sexa unha lacazana. Vou a contarvos unha historia para explicárvolo. Un día, cando soamente tiña 10 meses, caeu unha gran nevarada. Lía non quería xogar porque tiña frío e quedouse todo o día na súa caseta. Como daquela eu aínda non sabía o que quería ser, estaba pensando en facerme carpinteira. Así que collín un taladro no garaxe e fun afora para estudalo. Conseguín sacalo da caixa, pero custoume e quedou rota de todo. Logo púxenme a mirar como funcionaba e, como non o daba entendido, tentei desmontalo. O caso é que cando viron o que estaba a facer me dixeron que non tocara ningunha ferramenta, e que non necesitaba andar co taladro porque eu ía ser un can gardabosques. Así que agora eu soamente me dedico a dirixi-los traballos e nunca toco unha ferramenta. ¡Son a xefa!

Cando estabamos rematando de face-las medicións, chegou un señor coa súa muller e un cativiño. Eu non o coñecía, pero achegueime a el e presentáronmo. Era un experto ornitólogo que viña a ver os parrulos da lagoa. Chámase Antonio Sandoval e escribiu un libro que se titula ¿Para qué sirven las aves?. Se aínda non sabedes para qué serven, cando medredes tedes que lelo. E vos conto todo isto para que vexades que a lagoa de Sobrado é un espazo natural importante.

Fotografía do observatorio da lagoa de SobradoA pregunta que vos vou facer desta vez ten que ver cos carteis. Como xa sabedes polo álbum, nos ríos e lagoas hai especies animais invasoras que danan moito o ecosistema. Eu quería poñer no cartel un aviso de que non se debe ceibar na lagoa ningunha especie exótica invasora. ¿Parécevos ben? ¿Qué debuxos de especies animais invasoras hai que poñer no cartel? ¿Qué outras cosas poñeriades?

Até a próxima.

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 24 de febreiro

Fotografía de Dona¡Ei rapaces!

Desta vez estivestes durmidos. Soamente Uxía e Lucas acertaron coa resposta á miña pregunta. Pero Miguel faloume de que algúns estades facendo un mapa no que marcades os sitios onde vistes mimosas. ¡Moi ben!

Efectivamente, a árbore invasora que está agora a encherse de flores amarelas é a mimosa. Se queredes lucirvos podedes usa-lo seu nome científico: Acacia dealbata. É unha árbore australiana que trouxeron para plantar nos xardíns, de maneira que alegren a vista nunha época do ano na que hai poucas flores.

Foto da flor da mimosaPero o problema é cando medra no monte. Bota moitas sementes que poden durar enterradas até 50 anos. Logo, cando un lume queima o monte e elimina todo o mato, estas sementes xerminan rapidamente, ocupando todo o espazo no que antes medraba unha vexetación variada. Tamén bota fillos das raíces, estendéndose por toda a súa contorna. E como aquí non hai ningún animal que coma as súas follas, pois non ten inimigos que impidan o seu crecemento.

E así pouco a pouco vai desprazando as árbores e arbustos propios da nosa comarca. Por iso non hai que deixalas medrar no monte, porque se as deixamos pode pasar coma na comarca de O Ribeiro, onde os montes xa están cheos delas e non hai quen sexa capaz de paralas.

Foto da flor do salgueiroEste é un exemplo dunha especie exótica invasora. Chámanlles exóticas porque son de fóra, de países de lonxe. E son invasoras porque van reproducíndose e ocupando o lugar das plantas e animais que son propias do noso país. Nalgúns casos poden chegar a extinguir algunha especie.

Neses países de lonxe tamén pasa o mesmo, pero ó revés. Alí as especies exóticas invasoras son algunhas das especies propias de aquí. Vou contarvos unha historia para que me entendades, pero cunha condición: ¡que non llo contedes a Maki!

Nova Zelandia é o país situado máis lonxe de aquí. Queda cerca de Australia e está formado por dúas illas grandes que xuntas parecen unha bota posta cabeza abaixo. Polo canal que separa ámbalas dúas illas navegan moitos barcos. Para que non houbera accidentes, construíron un faro nunha pequena illa deshabitada que está no canal. Os maorís chámanlle Takapourewa e os ingleses illa Stephens. Para atende-lo faro contrataron a tres fareiros, que foron acompañados das súas familias para non estaren solos. Os novos habitantes levaron gatos para caza-los ratiños que se meteran no faro e nas casas. Din que a un deles chamábanlle Tibbles.

Ilustración do carrizo da illa StephensDe cando en vez Tibbles cazaba algún paxariño. Non lle custaba moito, porque estes paxariños eran confiados e non sabían voar. Nunca viran un gato, nin tiveran inimigos na illa e por iso incluso esqueceran como voar. Como un dos fareiros, o señor Lyall, era afeccionado ás aves, decatouse de que era un paxariño nunca visto. Mandou exemplares a ornitólogos e museos. Como non tiña nome, chamáronlle carrizo de Stephens, porque era o único sitio no mundo en que o había.

Pero despois dun tempo, Tibbles non trouxo máis paxariños. O señor Lyall buscou por toda a illa e non atopou ningún. Xa non había carrizos de Stephens por ningures. Desapareceran totalmente. Extinguíronse para sempre.

A culpa levouna Tibbles e os seus parentes, por cazaren tódolos carrizos de Stephens que había no mundo. Pero o pobre Tibbles non sabía o que facía, soamente tiña fame e alí había paxariños doados de cazar porque nunca viran un gato.

Agora xa sabedes porqué a Maki non lle gusta que conte esta historia e porqué sempre lle poñen comida de máis no seu pratiño.

O conto desta historia é que non se deben levar animais ou plantas a lugares que non son propios, porque poden causar problemas. Poden converterse nunha especie invasora. Incluso poden extinguir algunha especie nativa, propia do país.

Fotografía de Lía e DonaLevo un tempo aburrida porque non para de chover e non saio de excursión. Pero o pasado sábado parou, e aproveitei para ir coa miña compañeira Lía e un voluntario de Fragas do Mandeo á lagoa de Sobrado. Contamos tódolos parrulos e outras aves acuáticas que alí había. Logo limpámo-lo observatorio ornitolóxico. ¡Mira que hai xente ben porca! Botellas, papeis, latas, plásticos… Sempre que imos está cheo de lixo outra vez. E iso que teñen un contedor alí ó lado onde botar calquera refugallo. Tamén recollémo-lo lixo en toda a contorna da lagoa, e no camiño xacobeo que pasa por alí.

Fotografía de Lía e Dona
¿A que non sabedes cantas bolsas de lixo enchemos?

Eu sempre me pregunto por qué temos que limpa-lo lixo que tiran outros. ¿Vós que facedes? ¿Tamén ides recoller lixo nos espazos naturais? ¿Ou pensades que debería recollelo quen o tirou? ¿Qué podemos facer para que a xente non tire lixo no campo?

Até a próxima.

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 21 de xaneiro

Fotografía de Dona¡Ola rapaces!

Recibín un lote de respostas acertadas. ¡Seica estades moi ben informados! Aínda que a Maki non lle guste dicilo, porque é moi orgullosa, realmente é unha gata doméstica abandonada no monte co seu irmán, cando eran pequeniños.

Os verdadeiros gatos monteses son moi difíciles de atopar. Cando notan que se achega alguén, foxen silandeiros sen que ninguén se decate. E as nais coidan moi ben dos seus fillos, escondéndoos onde ninguén os atope. Podedes ver algunhas fotos neste enlace.

Fotografía de MakiAdemais, para que Maki se parecera de todo a un gato montés tiña que ser moito mais corpulenta. Aínda que ten a cola con aneis e a punta negra como un gato montés, para ser igual que a deles tería que ser máis gorda e peluda. E tamén lle falta a raia negra ó longo de todo o lombo. Aparte de que, se nos fixamos ben, Maki ten algunhas manchas amarelas que non son propias dun verdadeiro gato montés.

Así que, por moi chuliña que se poña, Maki Rabuda non é máis cunha gata doméstica. Xa me gustaría a min vela cando se cruzase cun auténtico gato montés. ¡Co medo que ía coller, ía vir correndo a xunta min para que a defendese!

Fotografía de MakiNon sei vós, pero eu levo uns días aburrida de que non pare de chover. ¡Xa teño gañas de volver a correr polo monte! A Maki non lle importa: pasa todo o día durmindo. Sóbese a un sillón preto do radiador e, ¡ale!, a durmir até a hora de comer. E, ¡ollo!, que ninguén a moleste.

Mentres non mellora o tempo, para non aburrirnos vou poñervos unha nova pregunta da que teredes que investigar a resposta. Moita xente cre que hai que esperar á primavera para ver flores, pero non é certo. De feito, neste tempo xa hai varias árbores en flor. Moitas delas pasan desapercibidas, porque teñen flores pouco vistosas, como a abeleira. Pero hai unha que destaca entre todas polas súa floración espectacular.

Así que a pregunta de hoxe é: ¿Cal é a árbore de flores amarelas que xa está en flor? Dareivos un par de pistas: ven no álbum e trátase dunha especie exótica invasora.

Até a próxima.

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Pregunta do 13 de xaneiro

Fotografía de Dona¡Ola a todo o mundo!

Xa vexo que sabedes navegar por Internet e atopa-lo que vos interesa. Efectivamente, acertastes coa resposta: Son a mascota de Fragas do Mandeo porque nacín pretiño do río Mandeo, en Muniferral, no concello de Aranga. E nacín xusto a véspera de que se creara Fragas do Mandeo.

O meu pai é un boieiro de Berna grandísimo e a miña nai unha pastora alemá moi espelida. Xa que logo, o meu pai é un pastor de vacas e a miña nai unha pastora de ovellas. Pero a min o que me gusta é correr polo monte e abúrreme moito andar a mirar polas vacas e as ovellas: ¡En todo o día non fan outra cousa que comer! Por iso eu escollín a profesión de can gardabosques.

Fotografía de MakiHoxe vou presentarvos á miña amiga Maki Rabuda. Coñecina hai pouco máis dun ano. Eu ía con Lía polo monte cando a atopei nunha cuneta toda engruñada. Estaba cun seu irmá, branco e de ollos azuis, pero escapou cando nos veu. Maki non tiña medo de nós: o que tiña era que estaba tan morta de fame que nin forzas lle quedaban para escapar. Así que puxémonos a falar con ela e lle dixemos se quería vir a vivir á nosa casa, porque con tanto raposo no monte, alí non estaba segura.

Fotografía de MakiÓ principio non xogaba con nós, estrañaba a súa familia e non coñecía a casa. Tampouco se librou de ter que ir ó veterinario. Pero agora, como é a máis pequeniña da casa, fai o que quere. Porque Maki é unha gata moi travesa. Igual estou durmindo e ven ás agachadas a trabarme no rabo e logo escapar correndo. Ou vou tan tranquila e na volta dunha esquina aparece de súpeto e se lanza coas súas poutas por diante a trabarme no fociño. Pero eu tamén lle boto unhas boas carreiras: en campo aberto non me gaña e ten que subirse a unha árbore coma se fora un esquío. Pero somos boas amigas e sempre ando con tino de non mancala.

Fotografía de Maki 

A pregunta de hoxe é a seguinte. Se Maki vivía no monte, ¿por qué non é un gato montés?

Até a próxima.

Imaxe da pegada de Dona
 
 
 

Presentación

Fotografía de Dona Ola rapaces:

Benvidos ó espazo do proxecto Voz Natura do colexio CEIP Sada y sus Contornos na web de Fragas do Mandeo.

Eu son Dona e vou axudarvos a descubri-la variedade de animais e plantas que habitan a nosa bisbarra.

Pero antes de empezar, fareivos unha pregunta para saber se estivestes mirando a nosa páxina web: ¿A que non sabedes por que son a mascota de Fragas do Mandeo?

Dareivos unha pista: Buscade a miña data e lugar de nacemento.

Imaxe da pegada de Dona

Data publicación: 21-10-2012
Última modificación: 29-4-2014
>> Páxina seguinte: A custodia do territorio

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).