Fragas do Mandeo, de interese para o medio natural

8 Novembro 2010

  Logo do Diario Oficial de Galicia

No Diario Oficial de Galicia de hoxe, día 8 de novembro, aparece publicada a Orde do 27 de outubro de 2010 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Fragas do Mandeo.

Segundo esta orde asinada polo conselleiro de Presidencia, “se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego” e, polo tanto, procédese a “clasificar de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Fragas do Mandeo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Medio Rural”.

Ademais da importancia que ten o recoñecemento oficial, esta cualificación de entidade de interese para a defensa do medio natural de Galicia é un paso máis na consecución da súa declaración como entidade de interese galego.

Esa declaración significará un estímulo para as doazóns a Fragas do Mandeo, pois poderase deducir até o 25% do importe na declaración da renda no caso dos particulares, e até o 35% no caso das empresas. Para máis detalles, podes consulta-la Ley 49/2002 de régimen fiscal de las entidades sin fines lucrativos y de los incentivos fiscales al mecenazgo ou ó teu asesor fiscal.

Con isto entran na recta final os trámites de constitución. Agora empeza o tempo de centrarmos na difusión da entidade e da custodia do territorio como instrumento para a conservación da biodiversidade na bisbarra de As Mariñas.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).