Felicidades Dona, felicidades Fragas do Mandeo

6 Xullo 2011

 
Onte a nosa mascota Dona cumpriu o seu primeiro ano de vida. Como agasallo recibiu unha chuche canina que, con pracer, mastigou lentamente. Tamén celebra o seu primeiro aniversario Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas, pois foi tal día coma hoxe cando se asinou a escritura pública de constitución.

Fotografía da eliminación da uña de gato (Carpobrotus edulis) na praia da Alameda (Miño, A Coruña)Para celebra-lo, o pasado venres fixemos a presentación pública do balance de actuación e de contas deste primeiro ano de andadura. O aforo do salón azul do Liceo de Betanzos completouse cun público que gozou das proxeccións de fotografías e escoitou atento as explicacións sobre o proxecto de Fragas do Mandeo.

Pero non todo foi falar. Como continuación e tal como estaba programado, o pasado domingo voluntarios e colaboradores participaron na eliminación das especies exóticas invasoras presentes na praia da Alameda, en Ponte do Porco (Miño), que ameazaban cunha expansión incontrolable polo ecosistema dunar.

Fotografía da eliminación dos plumeiros (Cortaderia selloana) na praia da Alameda (Miño, A Coruña)A mata de uña de gato (Carpobrotus edulis), que cubría unha extensión de 30 metros cadrados, foi totalmente arrincada de raíz. Tamén se arrincaron os 61 pes de plumeiros (Cortaderia selloana), pero neste caso non foi tan doado. Aparentemente aínda eran pequenos e o chan areoso debería facilita-lo arrinque. Pero o certo foi que as extensas e fortes raíces obrigaron a traballar duro, e incluso o mango dalgunha pala rompeu. A calor do día non axudou, e traballar con manga corta supuxo que algúns acabaran cos brazos lacerados (as follas teñen un borde serrado e cortante).

Mentres uns arrincaban as invasoras, outros voluntarios recollían lixo. Na praia da Alameda está citado un escaravello ameazado, a Eurynebria complanata. A poboación mundial deste coleóptero está en franca regresión, polo que hai que tomar medidas precautorias. A recollida manual do lixo evita o uso de maquinaria pesada que pode afectar gravemente á poboación presente.

Fotografía do I rastrillo solidario de Fragas do MandeoParalelamente, na praza do Campo en Betanzos, outros voluntarios estaban atendendo o rastrillo solidario. Ademais de ofrecer información sobre os obxectivos de Fragas do Mandeo, nos case 20 metros de posto amosáronse para a venda produtos de todo tipo: libros, cristalería, louza, obxectos de regalo, discos, complementos, etc. As gangas estimularon as vendas e os produtos atoparon un novo destino, facendo realidade a segunda acción do principio das tres erres: «reduce, reutiliza, recicla». Os fondos recollidos serán destinados á adquisición de fincas de interese ambiental na bisbarra.

Temos que agradecer ó Concello de Miño e ós membros de Protección Civil a colaboración no transporte do lixo e dos residuos das plantas invasoras para o seu posterior tratamento; ó Concello de Betanzos por cedernos o salón azul e as mesas para o rastrillo; ás persoas e entidades que nos axudaron dunha ou outra maneira e que doaron os produtos en venda, entre eles a Biblioteca Central Rialeda, as asociacións Eira Vella, Lar de Unta e O Rabo do Galo, Grupo Naturalista Hábitat, Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Ornitolóxico Calidris e ó fotógrafo Manuel Cañás.

Pero sobre todo, agradecer ós 23 voluntarios que traballaron activamente nos preparativos e nas dúas xornadas do evento.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).