Promovida por Fragas do Mandeo, hoxe tivo lugar a I Xornada de Traballo sobre a Custodia do Territorio en Galicia. O obxectivo deste encontro entre os grupos máis comprometidos coa custodia orientada á preservación da biodiversidade nos ecosistemas terrestres foi poñer en común o coñecemento do que dispoñemos sobre a súa práctica aplicada en Galicia, esbozar unha folla de ruta e chegar a un consenso no tocante ás demandas de apoios normativos e financeiros fronte a Administración.
Na longa sesión da mañá dimos repaso á lexislación que fomenta a custodia. Do mesmo xeito analizamos a que lle afecta directa ou indirectamente, como é o caso da regulación do Bantegal, da lei de Montes, da normativa do voluntariado ou a de compensación ambiental. Tamén se dedicou tempo a debate-la casuística da custodia en ámbitos de dominio público hidráulico, marítimo-terrestre, de propiedade militar e montes comunais. A problemática na identificación e localización de titulares, así como todo o referente ó proceso de adquisición de fincas, ocupou bastante tempo. Por último, tamén se tocaron temas de implicación cidadá, das técnicas de recuperación ambiental ou as declaracións de refuxios de fauna.
Pola tarde visitamos as fincas custodiadas pola Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas. Guiados por Pablo Rodríguez, puidemos coñece-los detalles do que é a iniciativa pioneira e de maior envergadura de Galicia. A súa historia e realidade cotián nos serven de inspiración, sendo a súa experiencia de máis de dúas décadas unha impagable fonte de formación.
Quedamos en xuntarnos novamente no I Encontro Galego de Custodia do Territorio, programado para os días 29 e 30 de outubro, no que se dará cita a práctica totalidade das iniciativas de custodia que están en marcha en Galicia.