Novos visitantes na ría: as avocetas

14 Novembro 2011

 
En Fragas do Mandeo estivemos este outono bastante ocupados coa participación en distintos foros que promoven a custodia do territorio. Tamén dedicamos moito tempo á negociación de acordos de custodia. A semente está botada e esperamos que pronto agromen resultados. Pero non deixamos de visita-la ría de Betanzos para observa-las aves que, no seu viaxe migratorio a países máis cálidos, fan nestas datas unha parada na nosa bisbarra para alimentarse e repoñer forzas.

Este domingo puidemos observar unha especie que non tiñamos visto antes na ría: a avoceta común (Recurvirostra avosetta). Esta fermosa ave é fácil de identificar, pois aparte dun marcado colorido branco e negro, ten o peteiro revirado cara arriba, o que a fai inconfundible.

Fotografía de avoceta común (Recurvirostra avosetta)O vendaval do sueste prometía algunha sorpresa, pois os fortes ventos sempre fan que apareza algunha especie pouco habitual. Así pasou co bando de avocetas que estaba na praia de Fiobre (Bergondo). Eran tres individuos adultos acompañados de dous exemplares xuvenís. Soportaban o vento pousados na orela, de fronte, de maneira que o aire non lles revirara as plumas. De cando en vez un carrán cristado (Sterna sandvicensis) as importunaba. Cerca delas tamén andaban algunhas píllaras cincentas (Pluvialis squatarola), un par de gaivotóns atlánticos (Larus marinus), un bando de 12 píllaras riscadas (Arenaria interpres) e outro de 28 patos rabilongos (Anas acuta), cifra pouco habitual na ría.
As avocetas pronto continuarán a súa viaxe cara ó sur da Península, ou incluso cruzarán a África. Crían noutros lugares de España, en zonas húmidas, pero non en Galicia. Probablemente este pequeno bando veña dalgún dos seus lugares de cría no sur de Inglaterra, da costa francesa, dos Países Baixos ou incluso do sur de Suecia. A forma do seu característico pico axúdalles a atrapa-las súas presas, pois aliméntase de invertebrados acuáticos, varrendo co seu peteiro o fondo en augas pouco profundas.

Canto máis coñecémo-la nosa ría, máis nos decatamos da súa importancia para as aves migratorias. É unha doa máis no rosario de espazos húmidos do litoral galego, unha fonda onde comer e albergarse temporalmente de camiño ás terras do sur. Temos que facer por conservar esta cadea de espazos vital para tantas especies acuáticas migradoras.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).