Dona, a nosa mascota, está preto de cumprir un ano. Chea de forza e vitalidade, encántalle correr polo monte seguindo rastros. Lémbranos que tamén Fragas do Mandeo se achega ó seu primeiro aniversario. É o momento de facer balance e mostralo á cidadanía, polo que temos programada unha serie de actividades públicas para primeiros do vindeiro mes.
Para difundi-lo evento e os obxectivos da nosa entidade, editamos un cartel e máis un folleto. Se queres colaborar distribuíndoos entre os clientes do teu negocio, os compañeiros de traballo ou entre os membros do teu club deportivo ou asociación cultural, por favor, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Acto de presentación
O venres día 1 de xullo, ás 20:00 horas no salón azul do Liceo de Betanzos, falaremos do que é a custodia do territorio e do traballo feito neste primeiro ano de vida do fondo de conservación da natureza de As Mariñas.
Para anima-lo acto, a charla estará acompañada de dúas proxeccións fotográficas de especialistas en retrata-la natureza. A primeira delas será unha sesión de imaxes de aves acuáticas, obra de Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, que nos permitirá coñecer mellor a avifauna da ría de Betanzos e de Galicia. A segunda estará constituída por fotografías da fauna e flora do río Mandeo, tomadas por Manuel Cañás.
Pasando á acción
O domingo día 3 de xullo, das 10:00 ás 13:00 horas en Ponte do Porco (Miño), realizaremos unha actuación de retirada de lixo e eliminación de especies alóctonas invasoras na praia da Alameda: a uña de gato (Carpobrotus edulis) e os plumeiros (Cortaderia selloana). Esta actividade conta cos correspondentes permisos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Xunta de Galicia) e de Demarcación de Costas de Galicia (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino), colaborando o Concello de Miño no transporte e eliminación dos residuos.
Solidarízate
Tamén o domingo día 3 de xullo, das 11:00 ás 14:30 horas na praza do Campo (Betanzos), instalaremos un rastrillo solidario para recoller fondos destinados á custodia do territorio en As Mariñas. Podes achegarte a mercar gangas de todo tipo (artesanía, libros, artigos de regalo, etc.), así como para contribuír doando aquelas cousas que tes na casa e que non precises, pero que por estar novas ou en bo uso non te decides a tirar.
Programa
Venres, 1 de xullo:
- 20:00 h. – Salón Azul do Liceo (Betanzos)
Noroeste, proxección de fotografías de aves acuáticas, por Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, da Asociación Ornitolóxica Calidris
Presentación da entidade e balance anual
Tesouros Mariñáns, proxección de fotografías de fauna e flora do Mandeo, por Manuel CañásDomingo, 3 de xullo:
- 10:00 h. – Ponte do Porco (Miño)
Recollida de lixo e eliminación de especies invasoras- 11:00 h. – Praza do Campo (Betanzos)
Rastrillo solidario
Hoxe domingo, pola mañá, tres voluntarios de Fragas do Mandeo observaron con gran satisfacción unha garza pequena na ría de Betanzos. Non era para menos, pois é a primeira observación da especie neste espazo protexido da que teñamos constancia.
Practicamente tódolos fins de semana, voluntarios de Fragas do Mandeo achéganse á ría de Betanzos para censa-las aves acuáticas. Contar e observar detidamente permite detecta-las flutuacións das poboacións e a presenza de novas especies. Así, nos últimos anos puideron constata-la aparición e cría da andoriña dáurica (Hirundo daurica) ou do picanzo vermello (Lanius collurio). Tamén permitiu localizar especies infrecuentes que están de paso, como unha cegoña negra (Ciconia nigra) ou unha garza imperial (Ardea purpurea) en período de dispersión xuvenil.
Segundo vai avanzando o ano, os distintos períodos de floración das especies silvestres marcan un ritmo de matices na paisaxe. Maio leva a fama de se-lo mes das flores, e hoxe, Día das Letras Galegas, queremos salientar unha flor moi literaria, a orquídea, e un libro que nos axudará a coñecelas.
A Dactylorhiza elata é unha especie abondosa e facilmente localizable na nosa bisbarra. Agora mesmo podemos observala en flor na zona húmida transdunar da praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño). Pero tamén gusta das praderías, coma as da ribeira da ría en Miodelo (Bergondo), e incluso das beiras dos camiños.
O tallo desta orquídea pode chegar a ser grande, destacando pola súa fermosa cor que vai do rosa ó lila, características que a fan conspicua.
Nestas datas, nas que xa se ten iniciada a campaña da renda do ano 2010, tódolos nosos colaboradores recibiron unha pequena recompensa pola súa xenerosidade. No seu borrador da renda figura a dedución do 25% das súas doazóns a Fragas do Mandeo realizadas o ano pasado. Deste xeito, recuperaron a cuarta parte do importe doado.
Programada para os días 4 e 5 de maio no local social de Figueroa (Abegondo, A Coruña), a nosa intervención terá lugar o xoves día 5 ás 12:00 horas. Nela explicarémo-las bases xurídicas da custodia do territorio, perfilarémo-la evolución no contexto mundial e a súa implantación en España, salientando o traballo da principal entidade galega de custodia. Logo pasaremos a falar da iniciativa de Fragas do Mandeo e detallarémo-las vantaxes deste instrumento xurídico para a restauración e conservación dos ecosistemas fluviais, con especial referencia ós ríos da comarca de As Mariñas.
O destacado botánico galego Javier Guitián, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director da Estación Científica do Courel, publica hoxe no diario La Voz de Galicia un breve artigo titulado
O pasado 14 de decembro, Televisión de Galicia estivo a visitar e filma-las fincas que custodiamos para coñecer en directo a iniciativa de Fragas do Mandeo. Entrevistaron ós nosos presidente e vicepresidente, que tiveron a oportunidade de explicar cales foron os motivos da creación da nosa entidade e os seus obxectivos. 

















