Tras semanas de preparación e catro días de intensa actividade, a finalización da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo supuxo a satisfacción polos obxectivos cumpridos e un descanso para as persoas que participaron na súa organización.
Na xornada de apertura, Fernando Cobo, director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, falounos dos impactos ecolóxicos que sofre o río Mandeo e das necesidades de conservación se queremos preserva-la súa rica biodiversidade. Deste xeito o público coñeceu as áreas concretas nas que se precisa actuar.
No II Encontro Galego de Custodia, acto central celebrado o pasado venres, participaron as principais entidades de custodia do noso país, representadas por David Rodríguez (vicepresidente da Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas), Óscar Rivas e Martiño Cabana (secretario e vogal da Asociación Galega de Custodia do Territorio) e Ramsés Pérez (coordinador de medio ambiente de ADEGA). Como invitado especial estivo presente Francesc Giró (Fundación Acciónatura).
Nas tres mesas organizadas interviñeron tamén representantes da Administración, da universidade e das empresas: Roxelio Fernández (subdirector de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia), Rafael Crecente (profesor da Universidade de Santiago), María Sande (xefa de relacións externas de BEGANO S.A.), Teresa Porto (directora de marketing de Novacaixagalicia), Antonio Cortés (director xeral de marketing de GADISA), Roberto Arias (subdirector de planificación e proxectos de Augas de Galicia), Rafael Eimil (xefe da Demarcación de Costas en Galicia) e Emilio Vázquez (delegado do Ministerio de Hacienda en Galicia).
Nas mesas de debate puideron analizarse as distintas posibilidades da custodia do territorio para a conservación no medio natural galego, a participación do mecenado e voluntariado empresarial, así como as oportunidades de asinar convenios que permitan custodiar espazos que forman parte do dominio público ou son parcelas de titularidade estatal. En resumen, abríronse portas e se tenderon pontes para que a custodia acade un papel máis activo no noso país.
Na visita a Ridimoas gozamos do privilexio de sermos guiados por Pablo Rodríguez, presidente e fundador da asociación que custodia este bosque. Coñecemos así detalles precisos do ecosistema e das técnicas de manexo, recibindo tamén explicacións respecto do establecemento e xestión dos acordos de custodia. A súa afabilidade e a profundidade dos seus coñecementos fixeron a visita inesquecible.
Xa para pecha-los eventos, o domingo visitámo-lo observatorio de Souto (Paderne). O día soleado e a coincidencia coa marea baixa facilitaron a observación de numerosas aves acuáticas que se alimentaban tranquilamente no esteiro.
Fragas do Mandeo agradece á Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos a súa axuda na organización e o financiamento, ó Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo a acollida do II Encontro Galego de Custodia, e ó Concello de Betanzos a cesión da sala de conferencias. E, ¡como non!, a tódolos invitados que participaron nos actos programados.
Presenza nos medios: Entrevista emitida nas emisoras de radio locais (escoitar ) e publicación da noticia nos periódicos Betanzos e a súa comarca, El Ideal Gallego e La Opinión – Coruña.