Hoxe, a primeira hora, visitámo-lo colexio de ensino primario Sada y sus Contornos. Os alumnos deste centro están levando adiante un proxecto Voz Natura no que teñen como obxectivo coñece-la biodiversidade local e promove-la súa conservación apoiando a iniciativa de custodia do territorio de Fragas do Mandeo.
Os rapaces están expectantes por coñecer a Dona, a nosa mascota. Aínda que querían que os visitara nesta cita, para xogar con ela terán que esperar a que os acompañe nalgunha das súas excursións ós espazos naturais da bisbarra.
O encontro tamén serviu para falar do álbum de cromos que os profesores están a utilizar como recurso didáctico. Organizado en torno a cinco hábitats presentes en As Mariñas, os alumnos teñen que pegar cromos das especies autóctonas que viven neles, e tamén das especies exóticas invasoras que os ameazan. Como non podía ser menos, Dona é quen vai presentando cada hábitat, acompañada polo garda de medio ambiente Carlos Serantes. Para consegui-los cromos, teñen que acudir á biblioteca e reciben un cromo por cada libro que leven para ler.
Dende Fragas do Mandeo esperamos que deste xeito os alumnos o pasen ben aprendendo, vinculándose co medio natural a través do coñecemento da súa flora e fauna e tomando iniciativas propias para a súa conservación.